Unha viaxe pola gastronomía mundial, sen saír de Santiago
- jorgenoyabotana
- 10 dic 2023
- 2 Min. de lectura
Para esta terceira práctica, optei por elaborar un mapa de Santiago de Compostela cos restaurantes de comida internacional que existen na cidade, dende os xaponeses ata os mexicanos, pasando polos chineses, ou os kebab turcos. É posible, iso si, que falte algún, dada a cantidade de negocios de restauración que existen na cidade.
A maior dificultade, no meu caso, tivo que ver co aspecto estético da infografía. Ao tratarse dun espazo pequeno con puntos (os restaurantes) moi concentrados e próximos entre si, tiven que xogar coas diferentes opcións que dá Flourish para decidir como quería ver as etiquetas ou os propios emojis que clasifican cada restaurante segundo o tipo de comida que ofrecen.
En relación con isto último, optei por empregar os iconos da Emojipedia, dado que na primeira opción usara os de Font Awesome e non eran suficientes para mostrar ben cada unha das opcións (moitos son de pago e víame forzado a empregar o mesmo icono para varias categorías, simplemente cambiando a cor do mesmo).
Outra das dificultades foi escoller un tipo de mapa que facilitase a lectura do mesmo e que fose atractivo visualmente. Así pois, escollín un no que se poden observar, con diferentes cores, os elementos que compoñen a cartografía da cidade, como as vías do tren ou os parques, facilitando así (ao meu ver) a ubicación espacial de quen recibe a información. Neste sentido, inmediatamente despois de publicar a práctica decateime de que sería preciso incluir a ubicación exacta nos popups, para garantir a correcta comprensión da infografía.
Polo resto, non tiven maior dificultade en realizar a práctica. Atribuínlle a todos os restaurantes do mesmo tipo de comida un emoticono que a caracteriza e unha bandeira para os popups, onde decidín recoller información útil para a potencial clientela, como o horario e a valoración que teñen en Google Maps ou Tripadvisor.
A nivel de contido e de programación está excelente. Nada que dicir por aí, pois está perfectamente solucionado. Os dous únicos puntos que poderían ser suxeito de revisión son: (1) o mapa de base, que ten bastante ruído e bastantes elementos para o que ti precisarías neste caso, xa que están bastante xuntos os elementos. (2) Poderías chegar a prescindir das etiquetas dos restaurantes. Novamente, como están moi preto, hai bastante superposición de cousas na zona central do mapa. A boa elaboración das túas categorías e a boa identificación cos emojis fai que poidamos retiralas e que siga funcionando incluso mellor. Moi bo traballo!