top of page

Práctica 1. A "outra" infografía

Un achegamento ao uso desta forma de comunicación visual en múltiples áreas

Polo xeral, adoitamos falar do xornalismo como un dos maiores expoñentes no uso da infografía nos nosos días. Porén, o noso sector non é o único que se serve deste tipo de narracións visuais. Dende hai anos é cada vez máis habitual ver exemplos de infografía nos que á función informativa se lle suma unha función comercial ou de promoción, ben sexa de produtos ou de ideas.

Tanto organizacións como particulares en sectores moi diversos (cultura, turismo, deporte, e un longo etcétera) fan da infografía unha ferramenta para atraer e comunicar a partes iguais. Para atraer, polo alto carácter visual da comunicación do noso tempo, onde espazos como as redes sociais foron gañando peso como lugares a través dos cales informar, entreter e tamén ofrecer produtos e servizos. Para comunicar, porque a publicidade ou o marketing non deixan de ser xeitos de facer comunicación.

Nesta primeira práctica buscaremos vender, aconsellar ou captar público para unha experiencia, un lugar, un evento ou calquera cousa que se vos ocorra. Cada un e cada unha de vós actuará como unha organización, promovendo unha comunicación que busque atraer público ás súas actividades. E todo a traves da infografía.

Para tal fin comezaremos empregando unha serie de ferramentas que nos axudarán a achegarnos á disposición dos elementos sobre un espazo de traballo en branco. O reto desta primeira práctica é o de comezar a entender como funcionan en conxunto elementos como a cor, a tipografía ou as iconas, buscando facer materiais visuais atractivos para a audiencia pero eficientes á hora de ser consultados.

Así, para esta primeira práctica propoñemos o uso de Canva, unha ferramenta que foi gañando moito peso para o deseño de materiais gráficos pola súa sinxeleza. O acceso a esta é, de xeito semellante ao que nos acontecerá con todas as que empregaremos,  sinxelo e libre. Abonda con crear un usuario co noso correo electrónico ou mesmo identificarse a través das contas que poidamos ter en en plataformas como Google, entre outras.

Consellos para este primeiro traballo:

- Non abusar do texto.

- Non abusar dos datos numéricos en forma de gráficos e/ou táboas (iso queda para máis adiante).

- Sinxeleza e atractivo ("menos é máis").

- Asinar os traballos e identificar as fontes (a ter en conta para todos os proxectos que fagamos)

A continuación preséntovos algúns exemplos a modo de referencia do que se pode facer en aplicacións deste tipo de cara a construír infografías cunha óptica diferente á que empregariamos no xornalismo. 

Green Lined Climate Change Environment Infographic .jpg
bottom of page