Práctica 2. Datawrapper
Procura, manexo e visualización de datos
No traballo inicial entraban en xogo ideas como a creatividade, a posición dos elementos, a cor, as marxes, etc. Neste punto xiramos cara a tres novos obxectivos: a procura dos datos, o seu manexo e a súa posterior presentación de xeito visual. Pero, tranquilxs, que regresaremos a esa parte máis atractiva do noso traballo!
Para a realización desta práctica empregaremos a ferramenta en liña Datawrapper, que combina unha parte visual moi presente no discurso dos medios de comunicación cun uso accesible a case calquera persoa. Como poderedes comprobar, o traballo dentro desta aplicación é moi sinxelo. O principal foco de complexidade neste caso chegará antes do proceso de visualización á hora de buscar, seleccionar e levar a Datawrapper os datos que queremos presentar de xeito visual.
Grazas a esta facilidade de uso e á súa sinxeleza á hora de compartir os traballos creados, Datawrapper é unha das opcións preferidas por medios de comunicación de todo o mundo á hora de presentar gráficos sinxelos, mapas ou táboas interactivas.
As nosas fontes para este traballo poden ser dúas: o Instituto Galego de Estatística, e o Instituto Nacional de Estadística. Como todos coñecemos, estes espazos en liña abertos a toda a cidadanía contan cunha ampla variedade de datos sobre diferentes temáticas, polo que a partires do obtido deles é posible informar sobre case calquera tema que se nos poña diante ou que nos propoñamos.
Esta práctica número 3 vai consistir en realizar tres elementos gráficos a partires dun conxunto descargado dunha destas tres bases de datos:
-
Unha táboa. Sobre ela teremos que "limpar" o que nos sobra. Ademais, se no noso conxunto é moi extenso, Datawrapper ofrece algunhas opcións para facela interactiva, permitindo presentala en diferentes pestanas ou introducindo un buscador.
-
Un mapa coroplético. Debemos elixir unha das dúas formas segundo o que se nos adapte mellor segundo a natureza dos nosos datos. No caso do mapa coroplético debemos encher os datos sobre un dos modelos da ferramenta, mentres que no caso do mapa de burbullas debemos buscar as localizacións ou introducir as súas coordenadas. Despois vouvos pedir que fagades tamén un mapa de burbullas para ver como quedaría esa mesma información neste tipo de forma gráfica, xa que haberá casos nos que funcione ben e casos nos que demostre ser unha mala escolla. Pero este só a modo de proba e para experimentar con esta forma gráfica, non para avaliar.
-
Un gráfico. Lembrade servirvos da ferramenta The Data Visualisation Catalogue se vos aparecen dúbidas sobre que forma é mellor empregar para os datos dos que dispoñedes.
En definitiva, o que buscamos é traballar con tres posibles presentacións para un mesmo conxunto de datos. Isto é algo moi semellante ao que estamos acostumados a ver nos medios de comunicación onde podemos chegar a asistir a como sobre un tema se fai un mapa, se presenta nunha táboa ou se conta mediante gráficos.
EXEMPLO
Eu tomei como exemplo un conxunto de datos dispoñible nesta dirección, e que fala sobre a constitución de hipotecas nas Comunidades Autónomas, ofrecendo datos para cada unha delas e para varios anos (2003-2022). A continuación podedes descargar o set de datos que eu empreguei para os exemplos:
O proceso de subida dos arquivos e o de modificación dos gráficos narrarémolo na aula, pero está integrado por catro pasos: subida do material (os datos), selección dos datos (aínda que os traballemos en Excel ou en Google Docs podemos afinar máis o contido na propia aplicación), visualización (esta é a parte de deseño dos nosos materiais) e publicación. Estes catro pasos repítense para calquera proxecto que queiramos facer nesta aplicación. Ademais, lembrade que debemos expremer ao máximo os modelos predeterminados de cada ferramenta, así que non vos quededes con esa primeira opción de exemplo!
SUBIDA DO MATERIAL AO BLOG
Unha vez teñamos rematados os tres materiais que debemos realizar nesta práctica debemos publicar no blog da materia tanto o propio resultado dos tres proxectos (táboa+mapa+gráfico), o co conxunto de datos co que traballamos e as súas posteriores modificacións e a URL na que podemos atopalo. Ademais, coma sempre, un pequeno comentario coas dificultades que houbo durante o proceso e as solucións que fomos adoptando co obxectivo de chegar ao enfoque elixido. Así, quedaría algo semellante a isto:
Ligazón aos datos do INE: "Hipotecas constituidas sobre el total de fincas por naturaleza de la finca"
Algunhas liñas de código moi sinxelas:
Negrita: <b> texto </b>
Cursiva: <i> texto </i>
Subliñado: <u> texto </u>
Tachar (strike): <s> texto </s>
Salto de liña (enter): <br>
<font color="0000ED"> Texto que queremos que vaia en cor </font>
Localización xeográfica (para o mapa de burbullas)
ou