top of page

Un destino en auxe que se mantén cos pés no chan


As visitas non deixan de medrar na Ribeira Sacra, que busca asentar un modelo turístico baseado na calidade. O territorio é consciente das súas limitacións, pero conta coa ilusión e a seguridade de ter o potencial necesario para aproveitar unha oportunidade de ouro para revitalizar uns municipios que estaban en horas baixas


O río Sil, entre os viñedos en bancais de Doade, en Sober / Guillermo Sotelo


CARLOS JULIO GONZÁLEZ

Paisaxe, enoturismo e románico combínanse á perfección na Ribeira Sacra, un territorio a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense que está chamado a converterse en Patrimonio Mundial e que na última década —sobre todo tras a pandemia— viu como o seu sector turístico experimentaba un importante crecemento. As visitas de coñecidas personalidades, como a escritora Dolores Redondo, que ambientou en Chantada a súa obra ‘Todo esto te daré’ ou máis recentemente o exfutbolista Iker Casillas, fan de altofalante dun dos destinos de referencia do interior de Galicia.





Este xeodestino crece tamén en número de municipios, a maioría en claro declive demográfico desde fai lustros. O pasado decembro, a Xunta aprobou a adhesión de cinco concellos ourensáns á Ribeira Sacra, os da Pobra de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río e O Pereiro de Aguiar, que levaban tempo demandándoo. Agora son un total de 26. O seu principal obxectivo é facer uso dunha marca que xa comeza a ser recoñecida a nivel nacional. “Antes a xente chegaba aquí de casualidade; agora, en cambio, xa nos buscan”, apunta Saúl Fernández, da axencia de viaxes Novas Rutas, con sede en Monforte.


A Ribeira Sacra foi declarada reserva da biosfera en 2021, xunto coas Serras do Courel e O Oribio. Dous anos antes, Quiroga e Ribas de Sil formaron xunto con Folgoso do Courel o Xeoparque Montañas do Courel, declarado pola Unesco. Dous recoñecementos que se sumaron ao de Ben de Interese Cultural (BIC) que xa ostentaba parte da paisaxe cultural da comarca e que contribuíu a poñer aínda máis no mapa este territorio, ao que chegan “principalmente turistas nacionais, pero tamén un número cada vez máis elevado de estranxeiros”, sinala Fernández.



Irremediablemente, este auxe da Ribeira Sacra obriga ao territorio a ampliar os seus servizos. A carencia de locais de hostalería e, sobre todo, prazas de aloxamento significou un problema no seu día, pero aos poucos vaise emendando grazas á posta en marcha de novos establecementos. Destacan as vivendas de uso turístico (VUT), xa que, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), na capital da Ribeira Sacra, Monforte, o número de aloxamentos deste tipo duplicouse nos últimos dous anos, pasando dos 110 na actualidade.


As VUT comezan a roubar protagonismo a casas rurais de longa traxectoria. “Ás vivendas turísticas non se lles esixe nin control de pragas”, asegura a xerente do Consorcio de Turismo, Alexandra Seara. Cada vez hai máis e iso tamén resta oportunidades de alugueiro. Os concellos poden establecer limitacións no que respecta ao número máximo de vivendas turísticas, pero son poucos os que se atreven a regulalas. Seara entende que os municipios “non queiran abordalo” pola carga engadida de traballo que lles supón.



As vivendas turísticas adoitan ser modernas e estar equipadas “con todo luxo de detalles”, mentres que a maior parte das casas rurais levan tempo abertas e moitos propietarios non teñen recursos para darlle un lavado de imaxe que, hoxe en día, resulta especialmente importante. “Agora véndese con fotografías”, recoñece Alexandra Seara, que apunta que a moitas vivendas turísticas da Ribeira Sacra gran parte dos clientes chegan a través de Instagram, sorprendidos polas súas vistas ou decoración.G


Por suposto, non todo é malo respecto a elas. Algúns proxectos deste tipo axudan a recuperar inmobles en ruínas, revitalizando aldeas condenadas a caer no abandono e dando traballo ás empresas locais de construción.


Unha oportunidade de ouro


A Ribeira Sacra e as institucións teñen a vista posta na culminación do proceso para conseguir a distinción de Patrimonio Mundial, a máxima que concede a Unesco. "Só a candidatura xa é unha promoción moi importante para o territorio", apunta Seara. Unha promoción que trae cada vez máis visitantes a uns municipios que buscan unha segunda oportunidade e nos que a tendencia demográfica non convida ao optimismo.


Algúns concellos estanse a sumar a iniciativas como Hola Pueblo ou Aldealista, que buscan concectar o rural con posibles veciños futuros. Malia todo, na Ribeira Sacra saben que sen traballo non haberá xente e que o turístico é un sector chave para dar un xiro á situación.



Mentres, o territorio céntrase en asentar un modelo turístico que todos teñen claro que debe estar orientado á calidade. Segundo o responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón, os turistas que recibe tanto a Ribeira Sacra como O Courel “están dispostos a gastar, pero demandan un servizo de calidade que esixe a profesionalización do sector turístico”.


Rivera chama a seguir traballando “para que a tendencia non se inverta”. Ao seu xuízo, é importante “evitar as masificacións que xa se están a detectar nalgúns puntos da provincia, como a praia das Catedrais”. O temor por que a Ribeira Sacra se converta “nun parque de atraccións” compárteo o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga. O organismo de augas suspendeu a instalación de novos pantaláns nos encoros da zona ao detectar “unha presenza caótica de infraestruturas de atraque”.


A adquisición de pequenas embarcacións non deixaba de crecer nos ríos Sil e Miño. Había rexistradas un total de 515 e comezaban a representar "un problema" mesmo para o medio ambiente, sostén Quiroga. Moitos particulares empréganas para recreo, pero cada vez máis empresas comezábanlles a sacar partido.


Son varios os retos que ten sobre a mesa a Ribeira Sacra, un territorio consciente das súas limitacións, pero convencido de contar cun potencial turístico que o coloca entre os destinos de referencia no interior da comunidade galega.

1 comentario


angel.vizoso
25 ene 2024

Pois realmente está todo perfecto agás un pequeno detalle que tocaría revisar. Este detalle sería o formato de presentación das unidades, xa que temos variedade ao longo do proxecto. Especialmente no último dos gráficos (o animado de Flourish) tocaría facer esa adaptación. Fóra diso, hai un moi bo traballo coa información e cos datos e unha moi boa xestión da cor. Noraboa!

Me gusta
bottom of page