Os desafíos do cine no 2024
- alicianope
- 22 ene 2024
- 3 Min. de lectura
Os expertos din que o cine está nunha situación complicada: os blockbusters dominan a carteleira, os filmes indies e de autor apenas atopan orzamento e teñen que lidar co streaming e co aínda existente impacto da pandemia.
Os datos din que a industria está a recuperarse, que está medrando lentamente, pero en España aínda non chegan aos números anteriores á COVID-19. Hai algúns fitos culturais que axudan a que a xente acoda ás salas, como o fenómeno Barbenheimer, que convertiu a estrea das dúas películas (Barbie, de Greta Gerwig, e Oppenheimer, de Christopher Nolan) no mesmo día nun acontecemento cultural que fixo que a xente (e sobre todo a mocidade) se achegara ás salas de cine.
De feito, a xente nova é a que máis acode ao cine: o 80% dos rapaces entre 16 e 24 anos foi ao cine en 2022 (este grupo está seguido dos adultos entre 25 e 34 anos, que foron nun 65%). Un dos factores a ter en conta para entender por que non todo o mundo vai é o prezo: en España, de media, unha entrada custa case seis euros, e un 24% da poboación di que non vai porque é demasiado caro.
A cantidade de salas de cine diminuíu: en 2022 había 731 en toda España, en comparación coas 841 de 2012. Tamén había 3.650 salas de exhibición en 2022 (e 4.003 en 2012). Porén, en Galicia o número de cines mantense igual e o de salas de cine diminuíu en 1.
Tamén hai que ter en conta que só se contan as salas de cine tradicionais e non outras iniciativas que existen por todo o territorio e tamén axudan a compartir o cine (como, por exemplo, os numerosos cineclubes que hai en Santiago).
Como mencionamos ao principio, é especialmente difícil que filmes de menor orzamento compitan coas grandes superproducións americanas. En Galicia, a gran maioría dos ingresos das salas de cine proveñen de películas estranxeiras.
Se analizamos as 15 películas que máis recadación conseguiron durante a última fin de semana en España, 9 delas son estadounidenses e 3 estranxeiras (unha alemá-xaponesa, unha francesa e a outra finlandesa).
Outro aspecto que debemos comentar é a posición da muller. Desas 15 películas, 13 foron dirixidas por homes exclusivamente, unha co-dirixida por unha muller (Fawn Veerasunthorn, por Wish: El Poder de los Deseos), e só unha dirixida exclusivamente por unha muller (Justine Triet, por Anatomía de una caída).
Esta situación tamén se reflicte nas producións nacionais. Dende 2017, cando se empezaron a recopilar os datos de xénero, a porcentaxe de participación de mulleres aumentou notablemente, pero aínda queda moito por recorrer, xa que ocupan menos dunha cuarta parte do total: as mulleres dirixiron o 23% das películas producidas en España en 2022 (un aumento con respecto ao 2018, cando eran o 14%).
Tamén é notable a falta de recoñecemento por parte dalgunhas institucións como a Academy of Motion Picture Arts and Sciences, que entrega os Premios Oscar.
Dáse ademais noutras institucións ou festivais arredor no mundo como o Festival de Cannes: dende a súa primeira edición en 1946, tan só 3 mulleres gañaron o premio máis importante, a Palme d’Or. A primeira foi Jane Campion en 1993 por The Piano, e as outras dúas foron Julia Ducournau por Titane en 2021 e Justine Triet en 2023. Nos premios británicos, os BAFTA, as gañadoras foron tres, as mesmas que as dos Oscars.
Neste caso si debemos facer unha distinción no panorama español: os Premios Goya, que se celebraron por primeira vez en 1986, teñen nominado a 9 mulleres na categoría de Mellor Dirección, e estas suman 19 nominacións. A primeira en ser nominada foi Pilar Miró, en 1989, por Werther, e foi tamén a primeira en recibilo 7 anos despois en 1996 por El perro del hortelano.
Dende entón, conseguiron o galardón Icíar Bollaín en 2003 por Te doy mis ojos e Isabel Coixet en 2005 por La vida secreta de las palabras e en 2017 por La Librería (ademais, a directora catalana é das poucas que ten varios galardóns, un clube no que se inclúen directores como Pedro Almodóvar, Fernando León de Aranoa, Alejandro Amenábar ou Rodrigo Sorogoyen).
Na gala de 2024, que se celebrará o 11 de febreiro en Sevilla, haberá dúas mulleres nominadas a Mellor Dirección: Elena Martín Gimeno por Creatura e Coixet (por quinta vez) por Un Amor.
As nominacións aos Oscars deste ano serán reveladas o martes 23 de xaneiro, e moitos cinéfilos están expectantes por coñecelas, xa que 2023 foi un ano dominado por películas dixiridas por mulleres (ademais das xa mencionadas podemos destacar Barbie (Greta Gerwig), o debut de Celine Song Past Lives, Are You There God? It’s Me, Margaret (Kelly Fremon Craig ) ou a obra de Sofia Coppola Priscilla).
No terreo da construción do relato xornalístico nada que dicir, xa que está moi ben elaborado e moi ben traballado. Os gráficos creados para el son pertinentes e están ben traballados tamén no terreo da información e dos datos. O que si que necesitariamos axustar antes de pechar son elementos como a cor, que nos vai variando ao longo de todos os contidos deseñados para esta peza. Lembra que a cor serve para outorgarlle unidade aos nosos proxectos e, neste caso, temos moita variedade. En segundo lugar, sinalaría a necesidade de igualar tamén o formato de presentación das cifras, xa que aquí temos varios. Isto aféctalle especialmente aos números con milleiros, pois temos 100.000, 100000 e 100,000. Lamentablemente, isto pode…