top of page

O futuro comeza hoxe

Co obxectivo de reverter os danos causados no medio ambiente e asegurar a mellora da calidade de vida dos cidadáns, cada vez máis países avogan por aumentar o número de recursos destinados a preservar e salvagardar o patrimonio ambiental do seu territorio.


Rafael Martín Ruíz-Matas Menes


Martin Luther King reflexionou nunha ocasión sobre o vínculo que une o ser humano coa natureza: “se soubese que o mundo se acaba mañá, eu, aínda hoxe, plantaría unha árbore”. Aínda que existen algunhas dúbidas sobre si esta célebre cita é orixinal do líder histórico do Movemento polos dereitos civís, a transcendencia das súas palabras é incuestionable. Este discurso sintetiza con mestría o pensamento de diferentes naturalistas que durante séculos estudaron a relación e o nexo indisoluble que existe entre o ser humano e a natureza.


Actualmente, o desenvolvemento da actividade humana é practicamente incompatible coa conservación do medio ambiente e dos ecosistemas. Algúns factores como a contaminación química do solo e da auga, a produción de toneladas de residuos ou a emisión de gases nocivos, ameazan a habitabilidade de múltiples territorios cercados por elementos tóxicos. Todos estes aspectos aparecen recollidos en informes e estudos prestixiosos, realizados por organismos como o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático.


Nos últimos tempos, numerosos mandatarios e líderes políticos manifestaron unha maior sensibilidade respecto a este tipo de problemáticas. Un dos actores chave nos procesos de recuperación da saúde do medio ambiente é a Unión Europea. Os ‘Vinte e sete’ promoven, partidas orzamentarias específicas destinadas a estimular o desenvolvemento sostible e a transición ecolóxica. Segundo os datos de Eurostat, en 2020 o gasto na protección do medio ambiente situouse arredor dos 300 mil millóns de euros no conxunto da comunidade.

Nesta visualización de datos pódese apreciar que o gasto na protección do medio ambiente presenta fortes desequilibrios entre os países comunitarios. Un dos principais contrastes é o que se dá entre os estados máis occidentais e Europa do leste. Por un lado, Francia e Italia superan os 40 mil millóns de euros en gasto (46,73 e 43,10 mil millóns respectivamente) e Alemaña incluso duplica esa cifra (80,05 mil millóns). No extremo contrario, as Repúblicas Bálticas (Estonia, Letonia e Lituania): todas gastaron menos de mil millóns de euros.


O caso alemán constitúe o exemplo paradigmático da crecente concienciación co coidado do medio ambiente que vive Europa. O crecemento de Die Grünen nas eleccións de 2021 ao Bundestag (parlamento alemán), que pasou de 67 a 118 asentos, e súa posterior entrada ao Goberno Federal, trasladou unha mensaxe nítida ás institucións: a sociedade esixe medidas contra a crise climática. Die Grünen é un dos partidos máis importantes da familia política europea dos ‘Verdes’, caracterizada por un marcado carácter ecoloxista.

A presenza institucional de Die Grünen e o activismo de Letzte Generation son dúas expresións dun mesmo fenómeno: a resposta social ante a crise climática.

Outro axente que cobrou gran protagonismo nos últimos tempos en Alemaña foi Letzte Generation (en galego, última xeración), unha organzación de activistas climáticos, nacida en 2023, que emprega a desobediencia civil como método de protesta ante a inoperancia dos políticos respecto ao cambio climático. Este colectivo acadou unha notable presenza nos medios de comunicación tras realizar unha pintada na Porta de Brandenburgo, en Berlín. A presenza institucional de Die Grünen e o activismo de Letzte Generation son dúas expresións diferentes dun mesmo fenómeno: a resposta social ante a crise climática.

No rango de membros da Unión Europea segundo o seu gasto en protección do medio ambiente, España localízase no cuarto posto, aínda que a moita distancia do terceiro, Italia. No contexto español, as ideas ecoloxistas non chegaron a cristalizarse en opcións políticas fortes. Os resultados electorais de Verdes Equo ou Alianza Verde distan moito do poder de Die Grünen en Alemaña. A feble prensenza de partidos políticos que introduzan o medio ambiente na axenda pública traduciuse na falta de compromiso por parte das institucións.


En España a transición ecolóxica avanza ao ralentí. O 20 de maio de 2021 aprobouse a Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética. A nova norma busca, entre outras cuestións, recortar as emisións de efecto invernadoiro do país un 23% en 2030 respecto aos niveis de 1990. Coa aprobación do documento, España avanza na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos polas Nacións Unidas no marco da Axenda 2030.


Á marxe da política ambiental do goberno estatal, os executivos autonómicos xestionan as súas propias contas. O investimento na protección do medio ambiente distribúese en sete grandes áreas. As dotacións económicas que recibe cada actividade fluctúan moito entre cada territorio. Por exemplo, nesta visualización de datos pode observarse que en 2020 o Principado de Asturias gastou moito en redución do ruído (2.389.018 euros) e pouco en protección da biodiversidade (148.916 euros), mentres que A Rioxa investiu máis na protección da biodiversidade (1.377.564 euros) que na redución de ruído (38.663 euros).

En 2021, a xestión de residuos supuxo un gasto de 2.522.888 euros para as arcas dos 313 concellos galegos. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2022 recolléronse 1.115.765 toneladas de residuos. Os concellos, órganos competentes na xestión de lixo, separaron 203.938 toneladas de restos en función da súa composición, un 18,28% do cómputo total. A maior parte de residuos clasificados corresponden aos catro contedores habituais: vidro (50.581), orgánico (47.586), papel (40.920) e envases (32.413). A continuación, residuos voluminosos (17.713), residuos eléctricos (14.401) e nun último nivel as pilas, con apenas 324 toneladas, unha cifra irrisoria en comparación cos demais.


Nos últimos tempos cada vez máis institucións apostan por modernizar o servizo de xestión de residuos. Por exemplo, o Concello de Pontevedra foi unha das primeiras entidades que promoveu a instalación do contedor marrón, a través do proxecto Composta. Esta iniciativa comezou o 6 de xullo de 2020, co obxectivo de sensibilizar a cidadanía coa reciclaxe e a compostaxe. Por outra parte, o Concello de Narón aprobou o 30 de xullo de 2020 a adxudicación do servizo de xestión de residuos cun orzamento de 29,5 millóns de euros.

No momento actual existen múltiples retos respecto á cuestión ambiental. A ausencia de punibilidade nos delitos contra o medio ambiente, o discurso negacionista que se opón ás evidencias científicas e a prevalencia dos beneficios empresariais por enriba das políticas de desenvolvemento sostible, lastran o coidado do medio natural. Non obstante, existen algunhas razóns para o optimismo. Tanto a sociedade como os gobernantes, cada vez son máis conscientes de que as accións que se están realizando agora terán repercusións directas no día de mañá, coñecen os riscos e saben que o futuro comeza hoxe.



1 comentario


angel.vizoso
24 ene 2024

Pois realmente este é un traballo excelente. Está perfectamente executado no terreo do traballo cos datos e a información e constrúes un relato moi bo no que os gráficos están tamén moi ben integrados. Só sinalaría dúas cousiñas moi pequenas de cara a vindeiros proxectos deste tipo. Por unha parte, seguramente temos demasiados destacados dentro do texto, o que fai que perdan parte do seu efecto. En segundo lugar, no "sunburst" de Flourish sería pertinente retirar a lenda de cor, pois esa información xa a temos nos propios sectores e na ventá emerxente. Fóra deses dous detalliños moi pequenos, un moi bo traballo. Noraboa!

Me gusta
bottom of page