O celuloide compostelán: a evolución da cinefilia na capital galega
- paulahernandezplatero
- 20 ene 2024
- 6 Min. de lectura
Actualizado: 28 mar 2024
PAULA HERNÁNDEZ PLATERO
Pese ao atraso da chegada do cinematógrafo e ao peche de múltiples salas co paso dos anos, Santiago de Compostela aínda conserva dous cinemas de barrio e alberga iniciativas que tratan de mellorar o panorama do audiovisual máis aló das superproducións comerciais e as plataformas de ‘streaming’

A finais do século XIX a situación de Santiago de Compostela era de completo atraso social e economicamente. Según José Luis Cabo no seu libro Cinematógrafos de Compostela, ante este contexto non é de estranar que o cinematógrafo chegase moito máis tarde que ao resto de cidades galegas.
Debido a distintos problemas infraestruturais, entre eles a falta de subministración eléctrica regular, Santiago foi a derradeira cidade galega en acoller sesións de cinematógrafo, concretamente no ano 1900.
“Os proxectores necesitaban luz eléctrica para funcionar. En marzo de 1898 houbo un primeiro intento tratando substituír a inexistente luz eléctrica pola luz de magnesio, mais non daba suficiente potencia para a proxección”, afirma Xosé Nogueira Otero, profesor de Historia da Arte na USC especializado en cine.
As primeiras salas compostelás viñeron da man de empresarios ambulantes a partir de 1900 nos baixos dos edificios da Rúa do Vilar. Con pouca decoración, presentaban un escaso repertorio de cintas que apenas duraban máis dun minuto. Estes empresarios quedábanse por un tempo determinado na cidade e, unha vez feito o negocio, trasladábanse a outra parte.
Posteriormente aparecen os pavillóns e barracóns de feira ambulantes que ofrecían proxeccións durante as Festas do Apóstolo. Un escenario máis destinado á clase popular que sobreviviría ata 1915.
En 1904 proxéctanse películas por primeira vez nunha sala estable: o salón Apolo, que permanecería no seu pequeño local da Rúa Nova ata 1916. Pronto o cine é aceptado como un espectáculo para a burguesía e amáñase o Teatro Principal como sala cinematográfica en 1909.
Entre 1910 e 1920, seguindo unha tendencia mundial, aparecen os teatros cinematográficos en lugares como A Coruña, Vigo e Ferrol. O Teatro Royalty na Rúa do Hórreo compostelá participa nesta liña. Con todo, desaparecería co parón da década 1920-1930.
Habería que esperar a 1935 para contemplar un cinematógrafo: o Cine Capitol. Este foi o primeiro cine racionalista e moderno e se adaptaba ás necesidades acústicas da chegada do son, que cambia radicalmente o panorama mundial.
“O cine sonoro é a gran mutación. Hai que transformar todo o parque de salas do mundo, porque os antigos proxectores para o cine silente non valían e ademais precisábase equipamento sonoro. Tamén cambiou radicalmente o espectáculo. Antes ir ao cine implicaba a música e os efectos de son en directo, e en moitas das salas tamén había un explicador”, afirma o historiador.
Na época da posguerra, entre 1940 e 1950, o cine convértese nun espectáculo case monopolizador do lecer e hai unha febre construtiva ao longo do país. En Santiago inaugúranse tres: o Yago, o Rayola (máis tarde, o Avenida) e o Metropol, lugar das grandes estreas daquel tempo e que viu nacer un dos cineclubes universitarios, o da Agrupación Fotográfica Compostelá.
Xosé Nogueira, historiador: “[O son] Cambiou radicalmente o espectáculo. Antes ir ao cine implicaba a música e os efectos de son en directo, e en moitas das salas tamén había un explicador”
Pese a esta época de aparente resplendor, hai unha crise de espectadores nos sesenta e setenta. A aparición da televisión ou o acceso estendido ao automóbil trae graves consecuencias ao sector. A finais dos setenta pecharían o 40% dos cines que funcionaban en Galicia, sendo o Metropol un deles.
Ata 1983 non se goza dun novo cine en Santiago: o Valle-Inclán, que con tres salas é unha mostra da tendencia europea dos multicines.
Uns dos multicines que perviven na actualidade, xunto cos da franquicia Cinesa, son os Compostela. Ubicados na Rúa de Ramón Piñeiro e activos desde 1996 entre diversos peches e cambios de propietarios son uns dos poucos cines de barrio que quedan.
Según o Instituto Galego de Estatística, Galicia só conserva 38 cines activos e lugares como Multicines Compostela tratan de sobrevivir ante a ameaza das plataformas de streaming e unha industria audiovisual que valora cada vez máis a cantidade que a calidade.
María Arias traballa desde 2016 como programadora desde os Multicines Norte de Vigo, propiedade ao igual que os Compostela da empresa Séptimo Arte. Arias, encargándose de contratar as películas que se van incluír na carteleira, denuncia a produción masiva: “Agora é como unha fábrica. Estamos a falar de ter vinte títulos para estrear nun só día. É unha cousa de tolos”.
Ademais, o peche dos cines durante a covid-19 aumentou o número de películas estreadas directamente en plataformas e o dominio destas no sector: “Antes estreábase unha película en cinemas e despois aínda tardaba case un ano en chegar ás plataformas. Agora algunha vez estreei películas que á semana seguinte estaban en streaming”, conta Arias.
Pese a esta situación, a asistencia ás salas españolas aumentou un 26% este 2023 respecto ao ano anterior, alcanzando os 74,9 millóns de espectadores e un despacho de billetes de 487,5 millóns de euros, según datos de ComScore ata o 29 de decembro.
“Penso que nestes momentos estamos nun escenario rarísimo. Aínda non se recupera todo o público que se tiña antes da pandemia. Pero é certo que este ano mellorou moito ao comparar co ano anterior”, afirma a programadora. E é que estreas como Barbie ou Oppenheimer en xullo deste ano lanzaron un raio de luz ao sector, animando sobre todo ás xeracións máis novas a acudir ás salas.
Xan Gómez Viñas, cineasta e socio traballador de Numax: “O cinema non é só un contedor de obras de arte. É unha experiencia”
Outra oferta alternativa en Compostela é Numax, ubicada na Rúa de Concepción Arenal. Esta cooperativa cultural, que ademais é unha libraría, abriu as súas portas en marzo de 2015 tratando de rescatar o concepto de cine dos anos setenta, proxectando cinema independente, de autor e en versión orixinal nunha única sala.
“Era un momento no que no centro de Santiago non había salas de ningún tipo, e sen proxeccións en versión orixinal. Quitando eventos concretos, as estreas da semana chegaban ás cidades principais de España e os cinéfilos de Santiago, que son bastantes, non tiñan esta posibilidade”, conta Xan Gómez Viñas, cineasta e un dos 12 socios traballadores da cooperativa desde 2016.
Gómez, pese ao aparente catastrofismo da situación, nota unha recuperación de audiencia en Numax e cre que as salas de cine, polo momento, serán insubstituíbles: “A xente segue demandando o feito cultural en vivo. Esa pantasma de que as plataformas ían rematar co cinema tradicional penso que, polo momento, non está aí. O cinema non é só un contedor de obras de arte, é unha experiencia”.
O socio traballador tamén foi un dos fundadores do Cineclube de Compostela en 2001, aínda vixente. O Cineclube comezou cando un grupo de universitarios, estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación, decidiron proxectar e comentar películas no propio centro.
Grazas a esta experiencia, Gómez uniuse á cooperativa cultural: “Boa parte dos que montamos Numax partiamos do cineclubismo, e esta experiencia máis informal é importante para explicar o que sucedeu despois”, recorda. Hoxe en día, ademais do Cineclube de Compostela, perviven o Cineclube de Mazarelos e o Clube de Cine da Facom, organizados tamén polo estudantado compostelán.
Santiago de Compostela destaca, ademais, pola súa gran oferta cultural cinéfila. Citas como o Festival Internacional de Cine Euro-Árabe AMAL, o Curtocircuíto e o Cineuropa atraen a milleiros de persoas e rescatan os teatros antigos como lugares de proxección da mesma forma que se facía décadas atrás.
Inés Ventoso, encargada de Comunicación no Facom Fest: “Os festivais sempre foron fonte para o cine independente e para darse a coñecer [...] é un gran apoio para o audiovisual”
Nesta liña o alumnado de Comunicación Audiovisual da USC creou o festival Facom Fest, que anima aos novos cineastas a difundir as súas creacións e renova este ano a súa segunda edición: “Os festivais sempre foron fonte para o cine independente e para darse a coñecer, nalgún punto tes que empezar. Pode non ser o medio máis coñecido nun sentido comercial, pero é un gran apoio para o audiovisual”, sostén Inés Ventoso, encargada do departamento de Comunicación do festival.
“Creo que o cinema na actualidade está dominado polas superprodutoras, que enchen as salas de películas. Aínda así, diría que noto un pequeno aumento no cinema que afonda no interese cultural. Propostas como este festival son un gran exemplo”, opina Elián Antigua, membro do departamento de Programación do Facom Fest e quen, ao igual que Ventoso, notou unha gran acollida do evento e espera que continúe facéndose moitos anos máis.
Desde os seus primeiros proxectores ata as salas modernas, Santiago de Compostela foi testemuña do poder evocador da sétima arte. Pese á predominancia da masificación e a celeridade, a cidade continúa sendo un faro para os amantes do cinema e testemuña de que, se ben as plataformas de streaming seguirán aí, deberán convivir co evento cinéfilo, aínda que non sexa para ver unha película independente.
Realmente está todo moi ben traballado e todo está a funcionar á perfección tanto no conxunto proposto como a nivel individual na programación dos gráficos. Iso si, hai un terreo no que nos quedarían algúns axustes por facer. Este terreo sería o da cor, pois especialmente no mapa (ou, máis ben, no espazo que o rodea) temos algo de dificultade derivada dese uso do vermello como base e do amarelo como cor para o texto. Tocaríanos facer algo de revisión nese campo para tentar facelo máis claro. Pensa que levar a que dous contidos conecten a nivel cromático non implica directamente que todo o que presentemos vaia nesa cor. Ás veces é suficiente con algún detalle concreto e non fa…