top of page

O Camiño de Santiago; unha moda pasaxeira ou permanente?

Galicia está de moda e iso refléxase no aumento do número de peregrinos que chegaron á nosa comunidade o pasado 2023. Con todo, hai que observar a boa situación turística con perspectiva e valorar ata cando poderá durar unha etapa que algúns califican de insostible.

Imaxe dunha etapa do Camiño de Santiago. Anxo Iglesias para Turismo de Santiago


A pandemia da COVID-19 trouxo consigo moitos cambios nas nosas vidas, entre eles, as formas de viaxar. A emerxencia sanitaria só precipitou unha variación na forma de entender e facer turismo e Galicia saíu, a priori, beneficiada. En liñas xerais, toda a comunidade galega tivo un aumento moi considerable de visitantes turísticos mais este refléxase sobre todo no Camiño de Santiago. A busca de destinos menos masificados, xunto coa preferencia por contornas naturais e actividades ao aire libre, fixo do Camiño unha opción perfecta para desconectar e visitar lugares que moitos consideraban descoñecidos.


Aínda que esta actividade leva facéndose dende hai séculos, cunha repercusión máis considerable a finais dos anos 90, só temos cifras oficiais da chegada de peregrinos —dos camiñantes que selan a compostelá— desde 2003. A Oficina do Peregrino recolle todos os datos dos visitantes que chegan a Compostela, dende o simple número da persoa que chegou, pasando pola nacionalidade ou o tipo de camiño que fixo. A entidade contou en máis de 446.000 persoas as que selaron a compostelá no pasado 2023, acadando unha cifra histórica e superando á dos pasados anos Xacobeos.




Nun mundo tan globalizado, no que todo acontece tan rápido e no que as grandes cidades son a vida cotiá da maior parte da poboación, resulta lóxico buscar lugares para desconectar. Un estudo realizado no 2021 por 4 profesores da Universidade de Santiago de Compostela, concluíu que, na actualidade, a principal razón de emprender a peregrinaxe son motivos espirituais (máis do 67%), xunto coa busca da relaxación (un 42%). É rechamante a baixa porcentaxe de xente que declara a relixión (un 28% aproximadamente), como principal motivación para realizar o camiño.


Aos múltiples beneficios mentais e físicos que ofrece esta actividade, hai que sumarlle a vantaxe das múltiples posibilidades e rutas que ten a peregrinaxe. A máis frecuentada e recoñecida é a do Camiño Francés, a cal fixo selar máis de 200.000 compostelás o pasado 2023. Á ruta que atravesa todo o norte da Península, séguelle moi de preto á que percorre todo o país veciño, o Camiño Portugués. Precisamente o itinerario que ten coma protagonista ao país luso é un grande exemplo das infinitas variables de roteiros, ofrecendo tamén o Camiño Portugués da Costa.


O Camiño de Santiago foi declarado en 1987 como primeiro Itinerario Cultural Europeo e, desde aquela, foron descubríndose aínda máis posibles itinerarios, de xeito aproximado hai uns 49 camiños diferentes en España e outros 9 en Portugal. Porén, son moitos quilómetros a percorrer e non todo o mundo está disposto a levalos a cabo —nin dispón dos medios para facelo—. É por iso que os lugares máis frecuentados para comezar a aventura da tamén coñecida como Ruta Xacobea, dáse preto de Galicia.



En perspectiva histórica, a meirande parte dos peregrinos sempre adoitan ser doutras autonomías do país, pois o turismo nacional sempre foi algo moi característico de España. De novo, a pandemia aumentou unha tendencia xa consolidada no noso territorio e que foi outro factor máis para acadar as cifras históricas de peregrinaxe no pasado ano.



En síntese, nos case 10 últimos anos, xa se estaba a ver unha mudanza nos estilos de vida da poboación en xeral. A pandemia precipitou un cambio que estaba a ser paulatino e lento. Unha fuxida da fugacidade que se vive nas grandes urbes fixo de Galicia e o Camiño destinos perfectos. Ademais, o deporte e hábitos saudables tiveron un boom moi importante desde o COVID-19. Todas estas pequenas pezas fan encaixar á perfección un puzle que pode ter máis puntos negativos dos que se pensa.


Cales son as consecuencias dunha aposta turística tan forte?


Esta explosión de Santiago como cidade turística, máis aló do Camiño de Santiago, está a ter as súas claras consecuencias na vida cotiá dos habitantes da cidade. Alugueres con prezos desorbitados ou as rúas ateigadas de xente son só un comezo do que está por vir se non se propón unha solución real desde as institucións.



Neste gráfico vese claramente como as vivendas de uso turístico son o principal tipo de aloxamento para os turistas na nosa comunidade, supoñendo isto un problema para a sostenibilidade entre habitantes e visitantes. Ben é certo que hai que ter opcións de hospedaxe, pois este sector é moi importante na economía galega. Con todo, a aposta única e completa ao turismo arruína ás localidades.






A finais de novembro do 2023, a Xunta de Galicia rectificaba con respecto á súa negativa de non limitar os prezos do aluguer —posición dada pola aprobación da Lei de Vivenda a nivel estatal— en zonas xa denominadas tensionadas como son A Coruña e Santiago de Compostela. A solución para unha convivencia sostible entre turismo e habitantes pasa porque as institucións regulen situacións coma a das vivendas de uso turístico. Sen poboación vivindo nas cidades, non é posible manter o turismo pola falta de traballadores, polo que se entra nun círculo sen fin.


As cifras expostas con anterioridade son excepcionais mais, poñer o punto de vista só nuns semella que fixo esquecer á outra cara da moeda que sofre os efectos dunha masificación excesiva. Situacións que non só se repiten na capital galega, outros lugares máis pequenos polos que pasa o Camiño de Santiago, como por exemplo Arzúa ou O Pino, expoñen deseguido a falta de recursos que teñen para poder atender de xeito adecuado á alta demanda actual.



1 comentario


angel.vizoso
25 ene 2024

A concepción do texto é boa, igual que o relato creado. Iso si, hai algunhas cousiñas de redacción que tocaría revisar, xa que non son recomendables nun contido deste tipo. En canto aos gráficos, son pertinentes e están a funcionar correctamente, aínda que tocaría facer algúns pequeniños axustes neles antes de pechalos, para que queden ao 100%. En primeiro lugar, hai por aí algún "Source" que habería que axustar. Seguidamente, tocaría igualar o formato de presentación dos números de xeito que sexa constante e igual ao longo de todo o proxecto. Sería importante realizar este axuste para non xerar confusión na audiencia. Polo demais, sinalar que a xestión da cor é moi boa ao longo de todos os materiais introducidos,…

Me gusta
bottom of page