Gasolina, diésel, híbrido ou eléctrico: que coche prefiren os lucenses?
- luciacamposgonzale
- 21 ene 2024
- 4 Min. de lectura
Aínda que os automobilistas se enfrontan a unha contorna cambiante, a gasolina volve a ser a opción favorita dos lucenses
Lucía Campos González
Imaxe libre de dereitos (Pexels)

Cada vez se multiplican máis as opcións á hora de comprar un novo vehículo, xa non só se elixe entre diésel ou gasolina, senón que as vendas de coches eléctricos ou híbridos están cambiando o mercado do automóbil. As restricións no tráfico urbano, a concienciación medioambiental, a crisis do diésel… Os automobilistas enfróntase a un escenario confuso e a unha contorna cambiante que está condicionando esta compra ante as incertidumes que se presentan no momento de acertar coa mellor opción.
Ademais, o pasado marzo a Unión Europea deu definitivamente luz verde á lei que prohibirá a partir do ano 2035 as vendas de coches e furgonetas que emitan CO2, algo que pode transformar o mercado nos próximos anos. Á hora de decantarse por un vehículo a RACE (Real Automóvil Club de España) recomenda ter en conta o número de quilómetros por ano, o uso que se lle vai dar ao vehículo, a autonomía do depósito, o seu mantemento e as emisións químicas que produce. Mais, que diferenzas existen entre os diferentes motores?
O número de turismos matriculados na comunidade galega durante o pasado 2023 foi de 31.258 vehículos, segundo os datos que ofrece o Instituto Galego de Estatística (IGE). Ao comparalos coas matriculacións do ano 2022 apréciase un lixeiro aumento, rexistrando un total de 30.566, aínda que se trata dunha cifra moi inferior ás de hai 20 anos cando se rondaban as 74.000 matriculacións e o que supón un descenso de máis do 50%.
E que sucede cos novos tipos de motor? A Asociación Española de Fabricantes de Automóviles y Camiones (ANFAC) reporta un aumento na matriculación de turismos e todo terrenos híbridos e eléctricos en Galicia neste último ano. Pasáronse de 7.786 a 8.842 nos vehículos con doble motor, o que supón un incremento do 13,56% con respecto ao 2022. Por provincias as cifras varían, destacando a provincia lucense cunha subida de case un 30% (29,18%) neste tipo de automóbiles. Os eléctricos puros superaron con creces as cifras do periodo anterior no conxunto galego, aumentando un 66,30% de 822 a 1.367, aínda que non conseguen facer fronte aos motores de combustión.
O MERCADO AUTOMOBILÍSTICO NA PROVINCIA LUCENSE
Lugauto, concesionario de BMW e MINI, confirma as cifras aportadas pola ANFAC, sinalando que con respecto ao 2022 as vendas de coches con motor eléctrico aumentaron sobre un 25-30%: «Agora o mercado diversificouse un pouco máis, non soamente o eléctrico puro gaña terreo, os híbridos enchufables tamén se venden, aínda que por suposto se seguen vendendo máis coches de gasolina». A súa oferta de vehículos con estas características tamén aumentou, xa que no 50% da súa gama hai algunha versión eléctrica.
Pola contra, no concesionario oficial de Audi e Volkswagen, Apersa, non notaron un aumento da venda de coches híbridos ou eléctricos: «Os clientes miran que sexa un coche eficiente, o consumo, as emisións e que cubra unha serie de prestacións, pero non se compran un coche polo que vaia a pasar dentro de 10 anos». Ademais, tamén sinalan que o mercado lucense principalmente se interesa por coches de gasolina, algo que supón unha transformación.
«A nosa marca si que notou un cambio importante, pasamos de vender hai tres anos un 80% de coches diésel en Lugo, a vender máis dese 80% de gasolina», apuntan desde Apersa.
Ese aumento de coches a gasolina tamén o reporta o grupo Ditram, concesionario oficial das marcas Mercedes-Benz, Nissan, Honda e Hyundai para a provincia de Lugo. Este combustible é o que máis elixen os clientes que optan por marcas más xerais, incluso as propias casas de Nissan e MG só ofrecen vehículos de gasolina ou eléctricos, tal e como sinala o grupo: «Cada vez se venden máis coches eléctricos, pero o crecemento é lento». Desde o concesionario destacan «os prezos elevados, a falta de infraestruturas ou a incertidume coa durabilidade das baterías» como algúns dos motivos polos que os lucenses non optan por comprarse un coche con motor eléctrico.
ESTÁ LUGO PREPARADA PARA OS MOTORES ELÉCTRICOS?
O grupo Breogán, concesionario das marcas Toyota, KIA, Lexus e Porsche, vende principalmente coches híbridos na cidade lucense: «o 90% dos modelos de Toyota son híbridos actualmente, sendo a marca número un a nivel de España». Con todo, aínda que o híbrido está gañando popularidade, non sucede o mesmo co eléctrico. «Aínda non hai unha rede de estacións preparada, aquí en Lugo non hai ningún cargador posto polo Concello», sinalan desde o grupo Breogán.
O tempo medio de carga necesario dun coche eléctrico é de entre 1 e 2 horas, o que resulta pouco atractivo para aqueles que dependen dun medio de transporte eficiente en traxectos longos, especialmente no escenario vixente de falta de estacións de recarga.
Actualmente na capital lucense, segundo a información que ofrece a aplicación Electromaps, hai 32 puntos de recarga de uso público entre concesionarios, aparcadoiros, instalacións municipais, supermercados e hoteis. Dos puntos sinalados só 21 funcionan correctamente e sobre os 11 restantes os usuarios reportan problemas indicando que están duplicados ou fóra de servizo, como por exemplo o punto de carga recentemente instalado na Biblioteca Intercentros da USC ou o que se atopa no Hospital Rivera Polusa.
A ANFAC estima que hai 25.180 puntos de Recarga de Acceso Público en España, dos cales 8.869 están fóra de servizo, é dicir, máis do 25%. Aínda que a cifra vai en aumento, queda moi lexos dos máis de 111.000 puntos de recarga de Países Baixos ou os 87.674 de Alemania. Así e todo, a normativa vixente en España establece a obrigatoriedade de contar con puntos de carga para coches eléctricos en espazos de acceso público. Estes son os aparcadoiros dos hoteis, restaurantes, supermercados, centros comerciais ou edificios non residenciais privados, como garaxes públicos ou centros de traballo. O número de puntos por cada instalación tamén se determina nesta norma, xa que sempre que conten con máis de 20 prazas deberán ter instalado polo menos un cargador cada 40 de aparcamento.

GIF de Lucía Campos
Nada que poida dicir. Só agradecer o esforzo e felicitarte polo resultado. A xestión da información é brillante e as infografías son espectaculares. Un pracer ter visto este proxecto. Noraboa!