top of page

España é o país de Europa con máis desigualdades entre rexións

O Comité Europeo das Rexións alerta de problemas como o despoboamento, a desigualdade ou a ameaza que supón o cambio climático sobre o turismo


Presentación do informe do Comité Europeo das Rexións o pasado mes de outubro. Imaxe: Xoel Rodríguez.


Por Xoel Rodríguez


A Semana Europea das Rexións e Cidades celebrada o pasado mes de outubro en Bruxelas tivo como preludio a publicación do informe elaborado polo Comité Europeo das Rexións (CdR), un organismo consultivo que representa aos entes rexionais e locais de toda Europa.


No texto, a institución alerta de “prominentes desigualdades” en España en canto a emprego entre rexións. Ademais, sinala que Ceuta, Melilla e Extremadura son as tres rexións europeas coa taxa de paro máis elevada.



Neste sentido, apúntase tamén á existencia dunha fenda de xénero nas taxas rexionais: en 2022, as cifras de desemprego feminino máis altas producíronse, principalmente, en rexións gregas e españolas.


Á vista destes e outros datos, o estudo do Comité das Rexións conclúe que será difícil que as rexións acaden o obxectivo comunitario de ter traballando, ao menos, a un 78% de cidadáns da Unión de entre 20 e 64 anos para 2030.


Grandes desafíos: cambio demográfico, éxodo rural e fenda verde


Á marxe das desigualdades, o informe pon o foco tamén en asuntos como o despoboamento e o envellecemento. Estímase que as zonas rurais de Europa perderán 30 millóns de habitantes entre 1993 e 2033, e é que o descenso das taxas de natalidade e o incremento do idade de vida da poboación poderían poñer en risco o mantemento do sistema dos Estados de Benestar en Europa.


A división entre as esferas urbana e rural ensánchase, cunha poboación en zonas rurais cada vez máis envellecida e reducida en canto a número. En relación con isto, a análise do CdR indica que varias comunidades corren o risco de caer no que denominan como unha “trampa para o desenvolvemento do talento”.

Espérase que, en 2033, trinta millóns de persoas «desaparecerán» das zonas rurais de Europa en comparación con 1993.

Os expertos do Comité recomendan ás autoridades dos estados membros que incrementen as inversións dirixidas á transición verde e dixital para “loitar de forma efectiva contra o despoboamento e atraer talento mozo”. Sinalan, como exemplos de boas prácticas, algunhas das iniciativas levadas a cabo en Castela A Mancha, Segovia ou Andalucía.


Noutras rexións, porén, preocupan os riscos que supón a transición industrial verde. Segundo un estudo publicado en febreiro de 2023 pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), Asturias está entre as rexións europeas máis vulnerables neste sentido. É por iso que, dende Europa, piden que se acompañe ás comunidades con investimentos e melloras de competencias para “evitar crear unha fenda verde”.


Crise climática e seca: outro gran desafío para España


O noso país xa sofre as consecuencias da crise climática, pero as consecuencias aínda non son completamente palpables. Atendendo ao informe do CdR, o aumento das temperaturas e as cada vez máis frecuentes secas terán un “efecto devastador” sobre áreas económicas como o turismo.


De feito, segundo os datos manexados polos técnicos do Comité, as olas de calor que sufriu o noso país no verán de 2023 provocaron perdas millonarias: os prexuízos na agricultura equivaleron a un custo do 1% do PIB. Un efecto visible tamén na colleita da laranxa, por exemplo: Italia e España son dous dos países máis afectados, cun descenso na produción dun 20 e un 16 por cento, respectivamente.


Conscientes do impacto devastador das secas na agricultura rexional, o Goberno de Cataluña aprobou en maio de 2023 o seu Plan de Xestión da Auga 2022-2027, unha experiencia que o Comité sinala como positiva e como exemplo a seguir por outras rexións.


Do mesmo xeito, Barcelona é sinalada como un exemplo a seguir en canto a “arquitectura verde”. Os expertos apuntan a unha transformación exemplar no relativo á accesibilidade do transporte público, á creación de espazos verdes e á incorporación de colectores de auga de choiva para a rega destas zonas.


Non obstante, se ben hai cidades que figuran como referentes, un 75% das rexións e grandes urbes afirman padecer a falta de mecanismos de financiación específicos para facer fronte aos retos da adaptación ao cambio climático. Segundo unha estimación da Axencia Europea do Medio Ambiente, Europa necesita 40.000 millóns de euros ao ano para adaptarse a un aumento da temperatura global de 1.5 graos por enriba dos niveis de 1990. Esta cifra ascendería a 120.000 millóns de euros e a 200.000 millóns ao ano se ese aumento fose de 2 ou 3-4 graos, respectivamente.


Recomendacións do Comité para o futuro


Na presentación do informe interviñeron a comisaria para a Cohesión e as Reformas da Comisión Europea, Elisa Ferreira, e o presidente do CdR, Vasco Cordeiro. Ambos lembraron que as rexións e cidades son chave para facer fronte a uns desafíos que afectan a todo o mundo.


Neste sentido, sinalan que a resposta debe ser conxunta entre todos os Estados membros, apuntando unha serie de recomendacións ao respecto. Entre elas, garantir un maior apoio para aplicar o Pacto Verde Europeo e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a nivel local e rexional, apoiar á agricultura local e sostible ou desbloquear máis investimentos para a transición ecolóxica e dixital.


Ademais, nesta última edición da Semana das Rexións e as Cidades, Galicia estivo representada en diversas citas, dúas delas organizadas pola Fundación Galicia Europa e relacionadas co papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial e co futuro da industria galega.

1 comentario


angel.vizoso
26 ene 2024

De forma global hai que falar dun moi bo traballo. Consegues elaborar un moi bo relato xornalístico no que están moi ben integradas as pezas visuais. Ademais, dentro destas, hai un bo traballo cos datos e a información, así como no terreo da programación. Tamén hai unha moi boa xestión da cor ao longo do proxecto, o que fai que todos os materiais estean unidos, aínda vindo de diferentes plataformas. Como punto para a mellora sinalaría só a necesidade de adaptar e facer homoxénea a presentación das unidades ao longo de todo o proxecto (texto e gráficos). Se te fixas, temos os decimais con punto e con coma, nuns sitios e noutros. Sería convinte facer ese pequeno axuste para que…

Me gusta
bottom of page