top of page

Diabetes mellitus: un percorrido pola enfermidade

Actualizado: 13 ene 2024

A diabetes é a sexta enfermidade máis común en España, a pesar disto segue habendo moitas incógnitas en canto ao que é e os seus coidados


Segundo a Federación Internacional de Diabetes (FID) na actualidade máis de 537 millóns de persoas conviven coa enfermidade crónica da diabetes, isto corresponde a un 10,5% da poboación adulta (20-79 anos) que hai no mundo. A súa prevalencia é cada vez maior, sobre todo tendo en conta os cambios no estilo de vida que se están a producir (sedentarismo, aumento da obesidade, etc.).


A diabetes é unha das enfermidades máis comúns na actualidade e prevese que para o ano 2030 a padecerán 643 millóns de persoas; por iso, moitos expertos consideran que é preciso unha maior divulgación e concienciación sobre a enfermidade e as súas consecuencias tanto físicas, como psicolóxicas.


En España, a comunidade autónoma con máis diabéticos é Canarias, na que o 7,44% da poboación é diabética; pola contra, a rexión con menos persoas con diabetes é Navarra cun 4,2%. A media española sitúase nun 5,71%.



A diabetes é definida pola Organización Mundial da Saúde coma “unha enfermidade crónica que se presenta cando o páncreas non secreta suficiente insulina ou cando o organismo non utiliza eficazmente a insulina que produce”. A insulina é a hormona que regula o nivel de glicosa en sangue (o comunmente chamado “azucre”) e que se emprega de xeito artificial na enfermidade.


Esta patoloxía pode presentarse de tres xeitos diferentes e cada un destes ten unhas características similares, pero moi características: diabetes mellitus tipo 1, diabetes mellitus tipo 2 e diabetes mellitus xestacional.


A diabetes mellitus tipo 1 é a menos común (9 millóns de persoas en todo o mundo segundo a FID) e é aquela na que o páncreas non produce insulina ou moi pouca. A diferencia da tipo 2, esta pode darse en persoas de calquera idade e require dun tratamento de insulina e control glicémico diario.


A diabetes mellitus tipo 2 é a máis común a nivel mundial, de feito é a que padecen un 90% dos pacientes e pode previrse. É diagnosticada de xeito común en adultos e trátase dunha resistencia á insulina, polo que é tratada mediante medicación oral na maioría dos casos.


Finalmente, a diabetes mellitus xestacional é aquela que se desenvolve durante o embarazo e que pode afectar tanto á nai, coma ao bebé que espera. Pode producir complicacións relacionadas coa xestación, pero soe desaparecer despois do parto.




Tratamento e coidados diarios da diabetes

O que teñen en común as tres tipoloxías da diabetes é que todas precisan un control dos índices de glicemia en sangue, se non de xeito diario, de xeito regular e tamén unha consulta recorrente con especialistas para o seu correcto tratamento.


No caso da diabetes tipo 1 os pacientes precisan tratamento con insulina artificial, xa que o seu páncreas non é capaz de producila por si mesma. Para poder facer isto é preciso un control dos niveis de azucre en sangue antes de cada comida e un posterior cálculo da insulina dependendo do que coma o paciente.

Isto é un dos puntos de máis estrés para os pacientes con tipo 1, xa que o control da enfermidade é constante: deben facer tamén medidas posteriores de glicemia para saber se teñen que volver administrar insulina correctiva ou non.


Como se emprega un bolígrafo de insulina? Hai que colocar a agullla estéril no seu lugar correspondente e posteriormente indicar na "rodiña" que ten na súa parte inferior a cantidade (medida en unidades) de insulina que se precisa


No caso da diabetes tipo 2, o que se administra na maior parte dos casos son os denominados “antidiabéticos orais”, que teñen como función principal regular a glicosa en sangue e que son combinados con exercicio e dieta.


A diabetes xestacional pode contar cun tratamento farmacolóxico e sempre será insulina, porque está contraindicado para as embarazadas tomar os fármacos orais.


A propia persoa con diabetes é a que ten na maior parte do tempo o control total sobre a súa enfermidade, polo que é o que a xestiona. Segundo o Hospital Clinic de Barcelona, estímase que un 90% das decisións que se toman en canto o tratamento dependen da propia persoa. Isto fai que unha persoa con diabetes teña que tomar moitas máis decisións que unha persoa que non a ten, Mario Rivas, enfermeiro, psicólogo e investigador experto en diabetes confirma que “teñen que tomar, teoricamente, 46500 decisións máis que unha persoa non diabética”.


Distintos produtos e medicación empregada no día a día dunha persoa con diabetes tipo 1 e 2. De esquerda a dereita:

Imaxe 1: caixa dun medidor continuo de glicosa co seu correspondente glicómetro; caixa de agullas; glicómetro tradicional; dous tipos de insulina; tiras reactivas empregadas por un glicómetro.

Imaxe 2 : medidor de glicosa tradicional; fármacos orais para o tratamento e tiras reactivas.


O tratamento da enfermidade non só é relevante para as persoas que conviven coa diabetes, senón que tamén o é para as persoas do seu entorno. Existen moitas persoas que non saben como é a xestión da enfermidade para as persoas con diabetes. Teresa González, psicóloga e diagnosticada con diabetes tipo 1 con catro anos de idade, conta que “hai xente que me coñece de toda a vida e aínda me segue preguntando que me pasa cando me vou pinchar por exemplo. A xente que non está familiarizada coa enfermidade na súa parte máis “complexa” non acaba de entendela”.


Isto parece indicar que hai un descoñecemento social xeralizado. Mario Rivas tamén recalca que “en xeral, salvo que estea xa moi ligado ao tema, a sociedade non entende a diabetes. Sucede tamén dentro dos propios profesionais sanitarios, porque non hai unha formación específica”. Os estereotipos relacionados coa diabetes seguen á orde do día e isto ten que ver co descoñecemento e tratamento pouco profundo da enfermidade, Rivas di que “hai que facer campañas de promoción real da enfermidade, pero non dun xeito alarmista e tamén reivindicar figuras coma a da enfermeira escolar, que ten un importante papel na concienciación”.


Os pilares para unha correcta xestión da enfermidade son os seguintes: alimentación saudable, realizar exercicio de xeito regular, controlar os niveis de azucre, tomar a medicación correspondente, saber actuar ante as hipo ou hiperglicemias, reducir os riscos de complicacións agudas e crónicas a longo prazo e adquirir hábitos saudables.


Seguindo estas pautas, as persoas diabéticas teñen unha esperanza de vida igualada á daquelas que non padecen unha enfermidade crónica. A pesar disto, as mortes por diabetes aínda son comúns. En España, a comunidade na que máis persoas faleceron ni 2020 foi Castela e León, cun total de 44242 persoas falecidas.



A todo isto, hai que sumarlle un campo que está infravalorado en canto á xestión da diabetes que é a saúde mental. Estudos coma o Relación de las emociones con el control glucémico, no que investiga Mario Rivas e que será publicado pola Sociedade Española de Diabetes en 2024, demostran que as emocións e os niveis de glicosa están estreitamente relacionados.


A importancia da visibilidade

A diabetes aínda é unha enfermidade descoñecida, a pesar de ser unha das máis comúns do mundo. As redes sociais xogan na actualidade un papel moi relevante para a concienciación e como afecta á vida diaria das persoas que conviven con ela.


Teresa conta que “sigo a contas que me fagan sentir que non estou soa coa diabetes, pero a información máis importante gústame recibila da miña enfermeira”. Moitas persoas diabéticas comezan a investigar dentro delas sobre a súa enfermidade: “algúns perfís como @diabefem, fixéronme descubrir cousas moi interesantes como a relación entre o ciclo menstrual e a diabetes”.


Sentirse comprendidos é unha parte moi relevante para a saúde mental de calquera persoa, pero no caso das persoas cunha enfermidade crónica non sentirse sos dentro dos problemas que esta trae consigo é aínda máis relevante. "Eu buscaba referentes en famosos, porque me facían sentir que non estaba soa e tamén que era “normal””, conta González en canto a como viviu ela a súa enfermidade.

 

Dende a sanidade pública non se oferta un apoio aos pacientes máis alá da parte física, pero o certo é que a diabetes xoga un papel moi relevante na mente de quen a padece. Os grupos de apoio, as asociacións, as contas nas redes, etc. son puntos de encontro que moitas persoas diabéticas empregan para non sentirse soas e que serven como ventá á que o resto da sociedade as entenda.




En definitiva, a diabetes cada vez é unha enfermidade que padecen máis persoas, polo que a reivindicación dende os colectivos relacionados con ela é unha maior visibilidade e un maior aporte de recursos, tanto médicos como psicolóxicos, para conseguir que a calidade de vida das persoas diabéticas mellore dun xeito expoñencial.


1 comentario


angel.vizoso
24 ene 2024

O relato creado é moi bo e están ben integrados todos os elementos. Dentro dos gráficos comezabas a crear unha escala de cor que unía todos os materiais, agás no gráfico de xerarquía de Flourish. Todo está a funcionar correctamente en termos de programación, pero faltaría ese axuste de cor para que todo vaia a unha. Ademais, no primeiro gráfico sería convinte retirar a escala de cor co "total", xa que é o único que hai nese gráfico. Na infografía tocaría revisar a pertinencia de poñer todos os textos en maiúscula. Lembra que, como vimos na clase, ler textos en maiúscula sempre é máis complexo. Finalmente, no sunburst de xerarquía de Flourish tocaría retirarlle ese rol á cor, apostando seguramente…

Me gusta
bottom of page