Coidemos daquelas que nos coidan
- laurarodriguezmart7
- 19 ene 2024
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 20 ene 2024
LAURA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ
A axuda a domicilio a pesar de ser unha práctica vital para a sostibilidade humana non está vista na sociedade como algo de valor, non foi ata a Lei de Dependencia do 2006 cando se empezou a regular o traballo a domicilio, xa sexa de maneira profesional ou coidando a alguén da propia familia asegurando unhas condicións e compensacións para as persoas que o exercen e tamén para as que reciben estes servizos.
Ese sería un dos maiores avances no mundo dos coidados pero segue a ter moitos rotos, entre eles que hai moita xente que atender e poucas persoas para realizalo. Isto fai que moitas coidadoras teñan que saír a fóra a facer o seu traballo pero ao chegar a casa tamén teñan que facer as horas do seu fogar, limpando as súas casas e coidando as súas persoas maiores, a maioría de veces de maneira altruísta.
No caso do concello de Malpica estas axudantes a domicilio están contratadas por unha empresa chamada SENES CITY, a cal xestiona moitos dos concellos de Galicia. Os seus servizos adoitan pagarse quince euros a hora e desa cantidade cada traballadora recibe aproximadamente sete. o SMI do 2023 atópase nos 8,45 euros a hora, o que deixa a traballadora por debaixo do salario mínimo español. Por outra banda as propias traballadoras no rural teñen que viaxar no seu coche posto que non se conta con autobuses con liña regular, o que supón un gasto a maiores, que a pesar que dende a empresa se lle da unha cota por quilómetros, só cobre o recorrido de fogar a fogar e non os traxectos dende a súa casa ata os domicilios.
Carmen Martínez Souto ( Tallo, 1967) leva trece anos sendo asistenta de axuda nos fogares. Ao largo da semana ten que acudir a cinco fogares pola empresa, un deles a súa propia casa onde coida súa sogra e ao seu marido. Dende fai dous anos faino por medio da empresa, o que lle permite cobrar por un servizo que xa leva facendo moito máis tempo. Ocasionalmente tamén vai a outros domicilios por conta propia.
Entre as cousas que debe realizar no seu traballo deben encargarse do aseo persoal, levar o control da medicación preparación da comida ou a limpeza.
Carmen levántase ás 7 e media da mañá para comezar a súa xornada laboral como axudante a domicilio ás 8:15 e esta non remata ata as 9:30 da noite. Ao longo da súa traxectoria chegou a traballar 9 horas nun día, aínda que hoxe adoita facer oito. Comeza levantando ao seu home e axudándolle a vestirse, antes adoitaba a realizar estas actividades el só pero tras unha operación pola enfermidade que padece (seringomielia), quedou limitado e precisa axuda.
Despois ten que facer o mesmo coa súa sogra, que é unha persoa con demencia, ademais de darlle as menciñas de pola mañá. En torno as 10 e cuarto, esta traballadora a domicilio deixa o seu fogar para ir coidar tamén a outras persoas dependentes da zona, todas as casas nas que desenvolve o seu oficio están no concello de Malpica.
Carmen, a parte de traballar fóra da casa coida a súa familia, que conta con dúas persoas dependentes.
Estas traballadoras encóntranse nunha constante exposición posto que as persoas que coidan poden ter calquera enfermidade infecciosa que as contaxie, por exemplo, no caso do COVID tiñan que seguir ofrecendo os servizos igual aínda que a persoa dese positivo neste virus. Non hai pandemia que pare os coidados.
O oficio, debido as poucas ferramentas de axuda técnica nos fogares para facilitar o traballo coas persoas, pode desencadear en problemas físicos para os auxiliares. Carmen Martinez explica que no seu caso sofre de moito de dores nos seus ósos debido ao esforzo diario, ademais de ter artrose, pero non adoita tomar ningunha pastilla de maneira frecuente, como alternativa toma todos os días coláxeno para fortalecelos.
Estes labores tampouco se libran dunha das maiores problemáticas da sociedade hoxe en día, a saúde mental. As persoas que se dedican á axuda a domicilio poden chegar a presentar estres, cefalea ou insomnio pero tamén depresión ou ansiedade, o que pode acabar desencadeando doenzas crónicas.
A sociedade debe decatarse da importancia de que coiden aos nosos cando non podemos e poñer en valor o seu traballo, tanto como oficio propio como a aquelas persoas familiares que día tras día axudan as súa xente e valorar, tanto socialmente como económicamente, o esforzo que realizan.








A nivel xeral hai un bo traballo de conxunción entre o que se conta no texto e o que se conta na parte visual. Ademais, consegues xerar unha liña cromática que serve para unir todos os proxectos. Como punto para a mellora sinalaría a necesidade de corrixir ese "All" do gráfico de Flourish e, por rizar o rizo, a posibilidade de poñer tamén en galego o espazo de traballo de Datawrapper. Ademais, tocaría aumentar un chisco o tamaño de letra na infografia do final, aproveitando mellor o espazo dispoñible. Fóra deses pequenos axustes, moi ben traballado!