top of page

Chegar á meta: O deporte feminino en cifras

Ana Loureiro


Hai infinidade de cousas que as mulleres tardaron moitas décadas máis que os homes en poder facer, cousas que agora parecen tan simples como traballar, votar, escoller a roupa ou xestionar os seus propios cartos. O deporte está entre esas situacións que para elas sempre resultaron máis complexas, como unha carreira de fondo. Mais co tempo, como todo, fóronse gañando dereitos. Con traballo, esforzo e dedicación son moitas as mulleres que fan agora historia do deporte. Mais o camiño segue sen ser doado e en ocasións hai que loitar contra as estatísticas.



Malia todo, as cifras non deixan de ser un espello da realidade. Así, non se debe obviar unha evolución histórica chea de prexuízos. Desde a prohibición de practicar hípica ás mulleres casadas no século XIX moitas cousas mudaron, aínda que algunhas permanezan. Na actualidade, as diferenzas salariais, a falta de representación mediática ou a consideración dunha inferioridade física por parte das mulleres son algunhas das ameazas que penden sobre o deporte feminino.


Para paliar esta situación, en 2021 a Xunta de Galicia programou unha inversión directa de 1,8 millóns de euros para o deporte feminino. Así mesmo, empresas privadas como o grupo Iberdrola ofrecen bolsas de axudas para as deportistas máis destacadas, sendo este o caso de Lucía Rodríguez, líder do ranking mundial junior de dobres femininos de bádminton en 2022.


As características do deporte son tamén un forte condicionante para as deportistas, especialmente no que ao seu impacto social se refire. Así, Antía García, nadadora profesional na categoría de salvamento e récord mundial en 100 metros remolque de maniquí con aletas, argumenta que nos deportes minoritarios as diferenzas non veñen tanto polo xénero, senón pola propia consideración do deporte en si. 


O marco territorial é tamén fundamental. Tanto é así, que Águeda Serantes, xornalista deportiva da TVG, considera que parte do éxito mediático do club de fútbol sala Pescados Rubén Burela vén condicionado pola implicación da localidade co club, chegando a entendelo como “un motivo de orgullo para a zona”.


Un orgullo que se fundamenta en múltiples logros deportivos e un amplo palmarés, sendo o terceiro club máis laureado da competición e converténdose en 2022 no primeiro en gañar catro Copas da Raíña consecutivas.

Partindo desta teoría, pódese concluír que aqueles países con maior tradición nun deporte en particular ou máis avanzados no que a materia de xénero se refire, mellores condicións terán para as deportistas. Unha teoría que corrobora Lucía Rodríguez, asegurando que “nos países asiáticos é moito máis doado vivir do bádminton”.



Pasar polo aro


Se falamos do éxito, non debemos obviar a importancia que supoñen os xogos olímpicos para a carreira profesional de calquera deportista. Neste sentido, o camiño tampouco foi sinxelo. Tanto é así que o creador dos xogos modernos, Pierre de Coubertine, chegou a recoller nalgúns dos seus escritos que o deporte feminino era extremadamente “incorrecto”, asegurando que non era “práctico, interesante, nin estético”.


En consecuencia, Coubertine posicionábase en contra da introdución á muller nas olimpíadas. De feito, chegou a expresar que a súa única función era “coroar aos vencedores”, argumentando as limitacións físicas femininas e prohibindo a súa participación nos xogos. A pesar de todo isto, e despois de que nas súas orixes non puideran acudir nin como espectadoras, no ano 1900 as deportistas comezaron a participar en disciplinas como o tenis, o golf ou o criquet


Así, aos poucos, foron gañando terreo até estenderse a súa inclusión na totalidade dos deportes olímpicos. Con todo, figuras como o Papa Pío XI opuxeron resistencia, mais nada podería parar unha maquinaria xa en movemento.


Con todo, os xogos de Ámesterdam 1928 supuxeron un punto de inflexión na participación olímpica feminina. Cun total de 300 deportistas inscritas, algo máis do 10% do total, sería o comezo dunha cifra ascendente na procura da igualdade. Nas últimas olimpíadas, as de Tokio 2020, a porcentaxe de mulleres participantes xa se situaba nun 49% e agárdase que París 2024 supere esta cifra. Para España, este punto de inflexión chegaría algo máis tarde. 


De campionato


A profesionalización do deporte feminino é aínda un fenómeno recente. Tanto é así que non sería ata o 15 de xuño de 2021, coa aprobación do Consello Superior de Deportes (CSD), que o fútbol feminino tería, ao fin, o recoñecemento profesional. Ata ese momento, segundo a Lei do Deporte de 1990, só eran profesionais as primeiras categorías masculinas de fútbol e baloncesto e a segunda categoría masculina de fútbol.


A pesar de todo, cada vez hai máis campañas para visibilizar e poñer en valor o deporte feminino. Exemplos disto son a colaboración da Xunta coa escola Vero Boquete  para o fomento da igualdade entre homes e mulleres, ou o impulso ao programa Xogade, que busca fomentar a oferta lúdica e deportiva desde a óptica da participación mixta.


Vanesa Rial, adestradora de Rugby e participante nas olimpíadas de 2016 observa con ledicia como o aumento de referentes femininos está levando a que nenas cada vez máis pequenas se introduzan na práctica deportiva, asegurando que agora é posible ver a nenas de “5,6 ou incluso 3 anos xogando ao Rugby”.


Isto percíbese de maneira aínda máis evidente no club de taekwondo Número Phi de Caldas de Reis.

Alí, Lúa Piñeiro, excampioa de España nesta disciplina, conseguiu, como adestradora e cara visible do club, que nun deporte eminentemente masculino as cifras da localidade invirtan a tendencia habitual, con arredor dun 60% de alumnas. Por isto, Lúa non dubida ao afirmar que “o referente feminino é fundamental, sobre todo en deportes frecuentados principalmente por rapaces”. 



1.Lúa Piñeiro (esquerda). 2. Participante nunha competición de Taekwondo celebrada en Cuntis en 2022. 3. Noelia Montoro, do club Pescados Rubén Burela. 4. Lucía Rodríguez. 5. Antía García. 6. Vanessa Rial. (Autoría: Ana Loureiro -1,2 e 4- e cedidas polas fontes -3,5 e 6-)



Precisamente, a vitoria da Selección Española no Mundial de Fútbol Feminino ou os éxitos de audiencia e público no estadio do Fútbol Club Barcelona cando xoga a categoría feminina son exemplo de que algo está a mudar no ambiente.


Nesta busca de referentes, campañas como a impulsada polo concello de Santiago en conmemoración do día contra a violencia de xénero na que aparecen deportistas locais denunciando as discriminacións que viven, ou iniciativas como Dorsal 8: Deporte sen Adxectivos, creada por un grupo de alumnado da USC, demostran que o deporte feminino importa, está na rúa e cada día segue gañando. 

1 comentario


angel.vizoso
24 ene 2024

O texto está moi ben enfocado e moi ben traballado dende a óptica da redacción e dende a construción do relato xornalístico. Ademais, todos os materiais elaborados entran para sumar a el. Iso si, temos que facer uns cantos axustes máis antes de que quede ao 100%. Un dos principais chegaría na presentación das unidades, xa que temos variacións no formato (revisa, por exemplo, dentro da ventá emerxente do mapa coroplético). Ademais, temos un pequeno erro de concepción no gráfico de xerarquía, pois faltou sinalar que só queremos que se amose a ventá emerxente no último dos niveis. Iso é o que temos que facer cando temos datos de varios anos ou varios momentos nos que corremos o risco de…

Me gusta
bottom of page