top of page

As Encrobas, unha loita sen fin

Cúmprense case 50 anos dende que a veciñanza desta desaparecida parroquia levantou os sachos e paraugas contra as autoridades franquistas pola defensa da terra



A Lousa, Burís e Gontón son algunhas das aldeas que acabaron sepultadas baixo o lago das Encrobas. Unha parroquia obrigada a desaparecer e con ela todas aquelas familias e recordos. Un espazo que só queda na memoria de esas mulleres que se enfrontaron ás autoridades para defender o seu pasado, presente e futuro. Sen embargo, o réxime franquista acabou apoderándose de el con fin de explotar unha mina de lignito. Está é a historia das Encrobas, unha constante loita que nunca chega a seu fin.

“As Encrobas era un lugar cheo de vida”, conta Maruja da Lousa, veciña das Encrobas dende toda a súa vida. A orixe do conflito estivo nun expediente de expropiación forzosa, aprobada por Franco o 24 de agosto de 1976. Nel, declaraba o enclave das Encrobas de “interese preferente”, autorizando a expropiación das terras polo procedemento de urxencia co obxectivo de explotar unha fonte de lignito pardo localizado baixo os terreos da parroquia. Para a gran maioría das familias da zona, dedicadas á agro-gandaría, isto supoñía a desaparición da práctica totalidade das súas propiedades, incluídas casas e terreos de labranza, ademais dunha catástrofe medioambiental.

Coa intención de extraer o carbón, Unión Fenosa, crea a filial mineira denominada Limeisa. Con ela encargaríase de alimentar unha central térmica para a produción eléctrica que se instalaría tamén nas inmediacións do xacemento. A empresa decántase pola extracción a ceo aberto o que supón o desaloxo dunhas 400 familias. O pesadelo dos veciños convértese nunha realidade. Nesta década e as seguintes, a creación de minas e canteiras para a extracción de materias era moi común. Sen embargo, cós anos produciuse un forte declive, por exemplo na provincia de Ourense pasaron dás 99 canteiras no 1966 a só 13 no 2021.



A empresa realizou diferentes ofertas de compra antes de proceder coa expropiación forzosa. Porén, os terreos conseguidos foron mínimos. A partires de aí, comezan os primeiros enfrontamentos coa Garda Civil que, narrados e fotografados nos medios de comunicación, conmocionaron á opinión pública.

Tras varias expropiacións, unhas 5000 persoas maniféstanse en A Coruña no agosto de 1976. A mobilización remata coa intervención das forzas de seguridade. Todo isto enfurece a unha poboación xa alterada polos cambios e a interceda que traía consigo a Transición: “Recordo moito malestar. A xente ía ás manifestacións e revoltas e miña nai sempre volvía chorando á casa”.

O problema acadou gran repercusión e as reivindicacións dos afectados recibiron o apoio masivo da sociedade galega, un apoio que propiciou a apertura de negociacións entre representantes dos veciños e a empresa. Delas resultaron unhas condicións para a venta de terreos. As compensacións consistiron en medidas como postos de traballo na mina para polo menos un membro de cada casa afectada, unha pensión para os maiores de 55 anos e unha pequena vivenda e parcela en propiedade as familias arrendadas.



A Revolta das Encrobas

O ano seguinte, no 1977, o Franquismo da luz verde a Lignitos Meirama para ocupar centenares de terras e explotar así a mina. Todo isto, xunto coa tensión acumulada e o enfado dos veciños, propicia a coñecida como a Revolta das Encrobas do 15 de febreiro. A histórica loita foi un enfrontamento entre a veciñanza e os Gardas Civís que rematou con medio centenar de detidos. A batalla era a todas luces desigual, contra capas e fusís os residentes enfrontáronse co que tiñan (sachos, paus, paraugas...), converténdose así en toda unha loita social na que as mulleres estaban ao fronte.

Cortar o paso á Garda Civil ao terreo que o Estado pretendía expropiar tiña un significado máis aló do simbólico: a expropiación non sucedería mentres que un representante de Fenosa non puxese un pé sobre esa terra. Por iso, o obxectivo estaba claro: “Non pasarán”. Mais isto non foi así e un enxeñeiro de minas representante da empresa puxo os seus pés no val que as veciñas e veciños da parroquia defenderan con garras e dentes.

Despois deste día continuaron as tensións na zona tendo, incluso, un episodio tráxico. Un mozo faleceu electrocutado mentres colocaba un cartel en solidariedade cos veciños. Este feito produciuse na Universidade Laboral da Coruña, onde estudaba. Nese momento atopábase pechado na capela da mesma cuns setenta compañeiros en sinal de protesta. “O cable de alta tensión era de Fenosa polo que, en certa medida, foi asasinado pola propia empresa”, comenta Maruja.

Durante os seguintes meses transcorreron as negociacións entre veciños e a eléctrica, que chegaron a un acordo. En consecuencia, no 80 comezaron a explotación da mina que rematou case trinta anos despois, no 2007, tras extraer 94 millóns de toneladas de lignito. O peche da mina non acabou coa explotación da zona, a central térmica de Meirama seguiu a pleno rendemento ata o 31 de xullo do 2020, cando se autorizou o seu peche definitivo dentro da política de peche de centrais de carbón. O consumo deste material é o máis baixo entre as enerxías empregadas. No 2022 supuxo só o 3% a nivel nacional.



Descoñecese cal será o paradoiro final de esta localidade. Naturgy, a empresa que se apropiou de Fenosa, pretende crear un parque eólico que afectaría outra vez á pouca veciñanza que reside na contorna: “Pareceunos que íamos quedar nunha aldea normal, nunha aldea coma outra calquera, pero non. Agora xa veñen con outra cousa”. O que non é un incógnito é a unión veciñal que persiste nunha parroquia rota en anacos: “Esa unión aínda está. Xente que marchou para Carral, Ordes ou Cerceda pasa calquera cousa e veñen aquí. Hai un arraigo tremendo”. Un vinculo que non dubida volver a unir as súas forzas para defender “o que é noso”.


Laura Grela


1 comentario


angel.vizoso
24 ene 2024

O relato elaborado é moi bo e os materiais gráficos entran a el estando moi ben integrados. Ademais, en todo o que ten que ver coa programación hai tamén un bo traballo. Bótase de menos un pequeno axuste en termos de cor no último dos gráficos, pois vai nunha liña un pouco diferente á dos outros materiais. A maiores, dentro da infografía tocaría facer un pequeno axuste no relativo á posición dos elementos, xa que están un pouco tirados cara a esquerda, tendo moito menos marxe por esa zona que pola dereita. Fóra deses dous detalles, dicir que hai un moi bo traballo. Noraboa!

Me gusta
bottom of page