As 7 claves da Lei de Benestar Animal
- Rafael Ruiz- Matas Menes
- 15 oct 2023
- 2 Min. de lectura
A Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais, promulgada polo ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030, foi motivo de polémica desde que entrou en vigor o pasado 29 de setembro. Algunhas persoas descoñecen cambios importantes que introduce a norma respecto ao anterior marco lexislativo. Esta infografía pretender ofrecer unha guía accesible para toda a cidadanía que facilite a comprensión dos puntos máis relevantes da nova normativa.
Para elaborar esta infografía tomei como referencia un modelo previo que se adaptaba ás necesidades do deseño que quería realizar. A partir da estrutura inicial, que me serviu como inspiración para construír a base do proxecto, personalicei todos os elementos. En primeiro lugar cambiei a gama cromática (de verde a azul) co obxectivo de conseguir un aspecto máis amable e atractivo para o espectador. A continuación modifiquei a altura e a anchura de cada unha das celdas para artellar os sete espazos que necesitaba para delimitar cada un dos puntos que ía tratar. Finalmente substituín os elementos gráficos existentes por outros que encaixaban mellor coa información que quería trasladar.
Durante o proceso realicei unha serie de modificacións no deseño. O cambio máis salientable foi reducir o texto, xa que os contidos da primeira versión eran demasiado densos e dificultaban que o lector puidese descodificar correctamente a imaxe. Despois aumentei o tamaño das iconas coa idea de potenciar o aspecto visual e concederlle ás imaxes maior preeminencia, en consonancia coa natureza das infografías. Cómpre sinalar que as cores definitivas non son as que empreguei na fase máis temperá do deseño. Inicialmente utilicei o beixe e o granate para crear contraste pero o resultado era demasiado agresivo. Despois de barallar diferentes posibilidades, finalmente optei por empregar a gama de azuis.
En xeral hai un bo traballo de composición e, sobre todo, de traballo coa cor. Falta a sinatura do traballo, iso si. En canto a elementos a revisar, sinalaría dous. En primeiro lugar, algúns dos iconos poderían ser un chisco máis pequenos (por exemplo os circulares da parte baixa), xa que hai moita distancia de tamaño con respecto aos textos. Ademais, estes textos en maiúscula están funcionando ben onde son curtos, cando elaboras un pouco máis o discurso como no caso de "Desbloqueado o acceso..." esa maiúscula non é tan eficiente visualmente. Nese aspecto si que habería que tomar algunha decisión, sexa textos máis curtos ou ir á minúscula. Pero, fóra deses detalliños, está moi ben executada. Noraboa!