A vellez intrínseca nun corpo que non a tolera
- raulsalgueiro5
- 22 ene 2024
- 4 Min. de lectura
Atravesamos un reto demográfico na que a mortalidade supera a natalidade, ao mesmo tempo que nos asusta a vellez

RAÚL SALGUEIRO || 22.01.24
Dóeme as costas e xa non sei se é polo frío ou por outra cousa. Fágome o maior e digo en voz alta que é cousa da idade, coma se eu xa tivese a vellez enriba miña. Quizais a culpable deste sentimento sexa a miña lectura actual, Olor a hormiga, que reflicte a vida dunha persoa maior nas súas páxinas. Nesta historia, coñecemos a Olvido, unha señora que envexa a beleza e a pel tirante da súa coidadora que non é máis que unha rapaza.
Júlia Peró, coa voz de Olvido, conta que a vellez é unha larga enfermidade difícil de manter no corpo porque este non a quere, rexéitaa. E eu penso nestas liñas e na crenza social de que a vellez non pode ser unha enfermidade. Descoñezo a resposta correcta, pero ao igual que acontece con moitos problemas de saúde, a vellez tamén asusta.
É incuestionable que estamos nun contexto no que a vellez nos abafa en calquera situación. Atopamos a súa pegada se prendemos a televisión ou abrimos o xornal. Semella unha pandemia que xa estaba entre nós moito tempo antes de que estivera aquela palabra na nosa boca. En España, a poboación está cada vez máis avellentada. De feito, Europa tamén se chama ironicamente Vello Continente, mais esta acepción trae consigo unha baixa natalidade e un aumento da esperanza da vida.
O resultado é un desafío demográfico no que atopamos máis índice de mortalidade. A idade media da poboación española ascende aos 45 anos. Os medios de comunicación falan dunha España máis chea, mais tamén avellentada con case 13 millóns de persoas que superan o limiar dos 60 anos.
No seguinte gráfico amósase a evolución da mortalidade e natalidade dende o 2000 ata o 2022.
Depender do próximo
Ten algo de cíclica, a vida. Sigo co libro que interpela a miña futura vellez. Enléome naquelas páxinas que din que os humanos coa vellez nas costas son iguais aos bebés con aquelas miradas perdidas, inocentes e puras.
Neste senso, tamén se caracterizan na urxencia dos seus coidados. Nesta parte do texto penso na miña nai e na miña avoa. A primeira coidou da segunda ata o último momento, incluso prescindindo dun salario que lle chegaba cada semana co seu traballo. Coidar dunha persoa, tamén significa sacrificar cousas da vida dun mesmo.
Galicia, Castela e León, Asturias e Aragón son as comunidades máis avellentadas no ámbito nacional. A taxa de dependencia entre persoas maiores tamén amosa unha gran incidencia nos territorios destas comunidades autónomas.
Entre as persoas coidadoras destacan as mulleres. Segundo unha enquisa do Instituto Nacional de Estatística (INE), máis do 60% da poboación enquisada eran mulleres ao cargo de persoas dependentes. En definitiva, seis de cada dez mulleres formarían parte deste sector de atención a persoas dependentes que nin sequera, en moitas ocasións, está remunerado.
Ademais, estes coidados son cada vez máis necesarios. Ao igual que Olvido, a protagonista de Olor a hormiga, a meirande parte das persoas maiores conviven soas. As mulleres volven a ser as máis afectadas pola vellez, posto que son o sector da poboación que vive máis en soidade, especialmente aquelas que superan o limiar dos 65 anos.
Ana María Mouta Otero, enfermeira no Centro de Saúde Concepción Arenal de Compostela, confesa que se atopa máis mulleres ao coidado doutras persoas [case sempre tamén mulleres] que homes. “Isto tamén é algo normal, posto que as mulleres viven case 5 anos máis de media que os homes”, asegura Ana María Mouta.
Viven máis, pero como dixemos tamén sofren máis. “Falando con compañeiras doutras áreas, vemos que as mulleres sofren máis o peso da vellez a nivel psicolóxico”, comeza Ana. “Penso que isto é case unha cuestión cultural porque nas películas e series vemos aos señores maiores encarnando a personaxes intelixentes e dandis, mentres que as mulleres adoitan ser as culpables dos grandes males dos homes ou meras acompañantes [e canto máis novas, mellor]”, conclúe.
O idadismo como mirada rabiosa
Estou rematando o texto e aínda me asusta a vellez. Porque non a entendo ou porque aínda non a teño enriba. Quizais tampouco chegue a comprendela no seu momento. Pero é parte da vida e, ao igual que esta, tamén debe ser complicada.
Un dos grandes males aos que se enfronta a vellez é o idadismo. É un termo acuñado por Robert Butler na década dos 60 para referirse aos estereotipos e prexuízos existentes ao redor da idade. Entendo isto como unha forma de mirar confusa e chea de rabia.
O idadismo maniféstase en calquera rango de idade, pero incide con maior intensidade na vida das nosas persoas maiores. Falamos de palabras ofensivas ata o desenvolvemento da vida ao redor do entorno dixital.
Moitas persoas observan como cada vez máis a súa actividade co mundo é máis limitado polo auxe das novas tecnoloxías. Alá atrás quedaron as camas brandas de cartos nas que durmían os avós ou os botes de cacao en po cheos de diñeiro e roídos polo tempo.
O idadismo tamén agrava a estabilidade emocional e psicolóxica da persoa que é vítima deste tipo de actitudes, accións ou comentarios.
Hai certa mirada universal na mocidade e un virar de cabezas pola vellez. Estamos preocupados por aprender e entender a xuventude, pero ninguén nos ensina a coidar da vellez. Ambas son imprescindibles e non son excluíntes. Son complementarias.
Aínda non rematei o libro e sigo sendo novo, pero dóeme as costas. A vellez asusta un pouco menos cando se vai escoitando e entendendo.
A nivel de construción da peza nada que dicir, pois está moi ben elaborada. Ademais, os materiais gráficos creados son pertinentes para a información e os datos dispoñibles. Como espazos para a mellora, sinalaría en primeiro lugar a necesidade de axustar un pouco mellor a cor ao longo de todo o proxecto, fundamentalmente no gráfico de xerarquía, que seguramene sexa o que máis se nos vai do estilo que viñas marcando. Ademais, habería que facer algúns axustes na ventá emerxente do gráfico de liñas, xa que creo que faltou por axustar o ancho máximo dese espazo. Finalmente, tocaría reconfigurar algunhas partes da infografía para favorecer a lexibilidade. Cousas como as que suceden en "Consecuencias", por ter unha das cores de…