A subida dos prezos dos alimentos en España e en Europa
- paulahernandezplatero
- 25 dic 2023
- 2 Min. de lectura
Nunha época caracterizada polas comidas copiosas como é o Nadal e a subida do aceite de oliva á orde do día, decidín investigar sobre a subida dos prezos dos alimentos e cales son os que presentan unha maior inflación. Por unha banda, informeime sobre a subida a nivel español por Comunidades Autónomas e, por outra, escollín distintos produtos de consumo diario e desglosei a inflación de cada un deles en varios países de Europa e España.
Penso que o resultado son gráficas de gran actualidade que poderían figurar en varias reportaxes sobre prezos e consumo e cun gran interese xeral.
Este primeiro gráfico elaboreino empregando o formato Scatter. Nel amósase a inflación acumulada dos alimentos e das bebidas non alcólicas entre 2021 e 2023 nos meses de xaneiro, xuño e novembro nas distintas Comunidades Autónomas de España. Se colocamos o cursor enriba dalgún dos puntos aparece a media nacional e información máis concreta.
Se ben non hai grandes diferenzas ao tratarse dun mesmo país, si que podemos ver unha evolución e realizar unha comparación entre as Comunidades.
(Pese a ter a altura máxima, Wix non amosa todas as Comunidades Autónomas. Deixo por aquí a ligazón para poder visualizar os datos ocultos: https://public.flourish.studio/visualisation/16252647/)
Para este segundo gráfico, decidín que quería coñecer as subidas de distintos produtos que soen compoñer a cesta da compra diaria e que diferenzas había entre os distintos países de Europa. Escollín estes países (Francia, Italia, Portugal, Lituania e Turquía, sen contar a España) debido a que ou son os que maior subida presentan ou porque están próximos.
Este gráfico realizouse coa plantilla Hierarchy e co modelo de círculos xa que pensei que era máis visual e claro. A diversidade de cores pretende que se distingan ben os datos que corresponden a cada país e parécenme axeitadas ao tratarse das cores de varios alimentos (vermello: carne, amarelo: aceite, marrón: café e cacao, azul: peixe...). A inflación que se amosa é a acumulada entre novembro de 2022 e novembro de 2023, os últimos datos dispoñibles.
Como xa imaxinaba, o aceite de oliva é o produto que máis subida experimentou nos últimos anos, especialmente en España. Con todo, é unha mágoa que non atopase o dato de Turquía ao ser o país de Europa que máis inflación presenta. Esta ausencia probablemente débese ao peche de exportacións de aceite de oliva no que se atopa.
En xeral estou satisfeita co resultado desta práctica. É certo que ao principio desespereime un pouco tratando de atopar datos en Eurostat ao ser unha páxina descoñecida para min e inicialmente custoume manexar o programa ao ser plantillas que non empregáramos antes. Con todo, penso que superei todas as dificultades e collinlle aínda máis o "tranquillo" a Flourish.
Xa o dixen ao entregar a práctica anterior e sigo pensando que Flourish é un recurso moi interesante e intuitivo. Seguirei empregándoo de cara a proxectos posteriores.
Os dous materiais están ben traballados no terreo dos datos e ben presentados, funcionando tamén ben no terreo da programación. Como puntos para a mellora sinalaría dous. En primeiro lugar, tocaría corrixir ese "All" do menú do gráfico de xerarquía. A maiores, tocaría procurar un axuste maior en termos de cor entre os dous materiais, xa que agora van por camiños un pouco diferentes. Moi bo traballo!