top of page

A complexa situación dos solicitantes de asilo: España só dá protección ao 15 % dos casos

Actualizado: 25 ene 2024

O número de solicitudes de protección internacional, o máis alto da historia, fai que o proceso se ralentize cada vez máis. En Europa, hai grandes diferenzas entre Estados.


Nunca tantas persoas solicitaran protección internacional en Europa como na última década. Segundo datos de Eurostat, só no 2022 (último ano do que hai cifras completas), pediron asilo nos países do club comunitario 955.525 persoas. Este rexistro rompe a tendencia descendente que se viña detectando dende o bieinio 2015-2016, cando 2,5 millóns de persoas se viron obrigadas a solicitar protección. É, ata o momento, a cifra máis elevada dende a II Guerra Mundial. En España, o récord deuse no 2023, con 162.420 solicitudes.



Detrás desta cifras, hai milleiros de historias e un mesmo obxectivo: unha vida mellor en Europa. O primeiro paso para conseguilo é chegar ao continente, de forma regular (dende os países para os que non se require un visado de turista) ou irregular, sobrepasando as fronteiras ou caendo en mans das mafias e embarcándose nas complicadas travesías que os migrantes realizan en pateira dende o Magreb ou o Sahel. 


O segundo paso, en canto chegan a territorio europeo, é solicitar a protección internacional. E o 75 % destas solicitudes en Europa concentráronse, ao longo do 2022, en cinco países (Alemaña, Francia, España, Austria e Italia, por orde de máis a menos solicitantes). Só eles recibiron máis de 714.000 solicitudes das 955.525 presentadas no club comunitario.


Hai países máis receptivos que outros a admitir solicitudes de protección. Entre os países de Centroeuropa (Hungría, Eslovaquia, Polonia e Chequia), que suman arredor de 12.000 solicitudes, destaca o irrisorio dato da república maxiar: 45 solicitudes. No outro lado da balanza, obviando os principais países receptores, destaca o caso de Chipre, o Estado membro co maior número de solicitudes por habitante. 



Un trámite que pode demorar anos

En España, solicitar protección internacional é un trámite complexo, que pode iniciarse no aeroporto (se se chega por vía aérea) ou na comisaría da Policía Nacional máis cercana ao concello onde se empadroe a persoa solicitante. 


A primeira opción é un proceso rápido. A persoa chega ao aeroporto, manifesta a súa intención de pedir asilo e recibe unha resposta en 24 horas. Pero na maior parte dos casos, Estranxeiría responde negativamente e aínda podendo recorrer a decisión, o trámite remata coa deportación da persoa. 


A maior parte das persoas optan por reclamar o asilo nas comisarías de Policía Nacional. «Pero a situación desbordouse e están saturadas», explica María Teresa Bustamante, xurista da Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA), que recibe acotío persoas nesta situación. 

«A situación (nas comisarías) desbordouse e están saturadas»

Hai que superar varios obstáculos. O primeiro é conseguir unha cita coa Policía a través do número que a comisaría habilita para o efecto. En Santiago de Compostela, ese teléfono só se atende os martes pola mañá. «E podes estar un mes chamando para que, simplemente, che dean a primeira cita», afirma Bustamente. Conseguir esa cita supón ser inexpulsable do país. 


Nesa primeira cita coa Policía, o solicitante é requerido para unha segunda ocasión, na cal se lle realiza unha entrevista. «De media, tárdase entre 6 e 8 meses ata pasala», explica a xurista de AMIGA. Na entrevista preséntanse probas que xustifiquen a petición (imaxes, audios, noticias…) e dela sáese, por fin, cun documento no que consta a solicitude de protección internacional. 


Con ese documento en man, que outorga un Número de Identidade de Estranxeiro (NIE) provisional, ábrese un período de incerteza para a persoa solicitante, que non ten dereito a traballar ata que pasan seis meses dende que se admitiu a solicitude, o que supón que deba sobrevivir cos seus aforros ou, en moitos casos, dependa da axuda de ONGs. 



A resposta de Estranxeiría

O resultado da solicitude, que pode tardar anos, pode ser negativo ou positivo. No caso de que se acepte (no 2021, en España, no 15,3 % dos casos), Estranxeiría pode outorgar tres graos distintos de protección. O máis alto é a protección internacional propiamente dita, que concede o estatus legal de refuxiado á persoa e é ilimitado no tempo. A segunda é a protección subsidiaria, que se debe renovar cada cinco anos se se considera que o perigo para a persoa permanece. E a terceira é a protección por razóns humanitarias, que se concede por un ano.


Porén, a maior parte das peticións de asilo (en España, no 2021, case o 75 %) remata cunha resposta negativa por parte do Ministerio de Interior. «En moitos casos, porque non se presentan as probas suficientes», expón María Teresa Bustamante. Na entrevista coa policía, a persoa debe presentar probas que xustifiquen a solicitude de protección, pensada para persoas non nacionais da UE ou apátridas que tiveran que desprazarse do seu país de orixe e non poidan volver a el porque se violan algúns (ou varios) dos seus dereitos fundamentais.

En primeira persoa

Esa resposta negativa foi a que recibiu, aos tres meses de tramitar a solicitude en Santiago, Sady Valladares. Avogado laboralista de profesión, viuse forzado a abandonar a súa Colombia natal por «problemas con extorsións da guerrilla». «Tivenme que mudar de cidade porque me estaban vixiando e finalmente, optei por marchar do país», lembra Sady. A decisión de viaxar a España tomouna nunha semana. 


Instalouse en Santiago no 2021 e a súa ampla experiencia no Dereito permitiulle xestionar o trámite da protección internacional con determinación. Pero denuncia a condescendencia co que o trataron. «Antes mesmo de contar a miña historia, advertíronme que o asilo se denegaba no 90 % dos casos». Aos tres meses, recibiu a resposta negativa de Interior e presentou unha queixa no Defensor del Pueblo. «Os argumentos (para rexeitala) que me daban eran infundados», afirma. 


E conseguiu algo pouco habitual entre os solicitantes de asilo: unha prórroga da súa solicitude, que lle permite traballar e residir de forma legal en España. Porén, tivo dificultades para realizar outros trámites, como o empadroamento, o alugueiro ou a homologación dos seus estudos, sen a cal non pode exercer como avogado. «Hai moita falta de información entre os funcionarios, tiña eu que explicar ás veces cales eran os meus dereitos», expón.


OS DATOS





1 comentario


angel.vizoso
25 ene 2024

A parte de redacción e de construción do texto xornalístico está ben executada. No que respecta aos gráficos, imaxino que por temas de velocidade, faltaron algúns axustes finais. O primeiro deses axustes iría no terreo da cor, algo que lle afecta especialmente ao gráfico de xerarquía, no que seguramente este elemento non tería que ter un rol de importancia. Ademais, hai un desaxuste no mapa de Datawrapper, xa que os intervalos pechan na mesma cifra na que comeza o seguinte (10.000-50.000 e 50.000-100.000).


A maiores, nas infografías habería marxe para un maior reforzo da xerarquía do texto nos titulares, fundamentalmente, así como para unha mellor xestión do espazo ocupado polos textos.

Editado
Me gusta
bottom of page