Unha terra que esmorece
- Eva Fernández Prieto

- 30 dic 2022
- 4 Min. de lectura
Actualizado: 13 ene 2023
A despoboación afecta a todo o territorio español, sendo Galicia unha das comunidades máis prexudicadas. Ourense é a provincia que máis habitantes perdeu no último medio século en todo o Estado e conta cunha das vilas máis envellecidas de toda Europa

Montañas da Fonsagrada (Lugo), concello que conta con aproximadamente 3.400 habitantes, segundo datos do INE. / Foto: Eva Fernández Prieto
A “España baleirada” existe, e tenta sobrevivir a pesar de todo. A despoboación é un drama que padecen moitas localidades españolas, non só rurais, senón tamén capitais comarcais e vilas intermedias. Nos últimos anos, a transformación económica española incentivou os movementos migratorios dende as zonas rurais ás cidades. Agora, o envellecemento está a provocar que moitas aldeas queden sen xente.
Institucións como o Goberno de España analizan este fenómeno demográfico nos seus informes. Deles extráense datos tan alarmantes como que o 61’9% dos municipios perdeu poboación dende o ano 2001 ata o 2017. Neste sentido, o saldo vexetativo é negativo no 78% dos concellos, segundo os datos do período 2011-2016.
O 48% dos municipios españois está por baixo dos 12’5 habitantes por quilómetro cadrado. Estes lugares están en risco de despoboación cun crecemento negativo da poboación entre o 2001 e o 2018, un saldo negativo dende o 2001 e unha densidade inferior ás 12’5 persoas por quilómetro cadrado.
A despoboación en Galicia, unha vella coñecida
Este problema peta tamén na porta de todos os galegos. Na nosa comunidade hai preto de 4.000 núcleos de poboación nos que non vive ninguén, pero este número continúa a aumentar. Ourense é a provincia española que máis sufriu a perda de habitantes nos últimos 50 anos. Entre o 1971 e o 2021 perdeu 136.054 habitantes.
Asociado a este despoboamento está o envellecemento da poboación. Ourense tamén é unha das áreas máis maiores do Estado. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) un 31’36% das persoas da provincia ten 65 ou máis anos. En toda Galicia esta porcentaxe é algo menor, sitúase nun 25’16%.
Pero as cifras tamén son considerables nos maiores de 85 anos: 136.443 persoas en Galicia no 2021, conforme ao que indica o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Para tratar de reverter esta situación na medida do posible, tanto o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico como as distintas administracións territoriais e locais implicadas, puxeron sobre a mesa unha serie de medidas. Principalmente buscan aumentar o investimento nas aldeas e nas súas actividades industriais e comerciais para xerar máis emprego aos seus habitantes.
O obxectivo tamén é promover e facilitar o uso das novas tecnoloxías nestas zonas rurais. Un dos motivos polos que a xente nova marcha do rural é a mala conexión á rede nalgúns lugares, o que dificulta o seu traballo diario no que precisan destas ferramentas.
Internet pode ser unha vía para innovar dende o rural. Os organismos públicos queren apoiar tamén o ecosistema emprendedor nestas zonas, así como impulsar o turismo. En enclaves como a Ribeira Sacra, o impulso económico dos visitantes está sendo notable tanto na temporada estival como nos meses de inverno.

Un can descansa na entrada da súa casa na aldea de Forcas (Parada de Sil, Ourense). Os cinco veciños que viven todo o ano neste lugar da Ribeira Sacra viron como aumentaban os visitantes nos últimos anos grazas ao turismo de natureza. / Foto: Eva Fernández Prieto
Dentro da negativa circunstancia da provincia de Ourense destaca San Xoán de Río. Esta pequena vila de aproximadamente 510 habitantes é un dos lugares máis envellecidos de Europa. A súa media de idade é de 63’5 anos e máis da metade da súa poboación supera os 65. Porén, dende a aparición da pandemia da Covid-19 o constante descenso cesou.
E en Europa hai despoboación?
San Xoán de Río destaca a nivel europeo, ao igual que España no seu conxunto, xa que é o cuarto país con máis municipios en risco de despoboación. Por diante colócanse Estonia, Finlandia e Letonia, segundo datos do Eurostat (oficina estatística da Comisión Europea).
O propio Eurostat destaca a España (93'8 habitantes por km2), Grecia, Bulgaria, Portugal, Romanía e os países nórdicos como algunhas das áreas con menor densidade de poboación da eurozona. Outros países veciños como Francia ou Italia atópanse nunha mellor situación: 106’1 e 201’5 persoas por km2 respectivamente.
No informe Tendencias demográficas nas rexións da UE, o organismo estatístico comunitario baralla unha serie de circunstancias que poden forzar aos habitantes do rural a deixar estas zonas. Entre elas están as poucas opcións de escolarización ou traballo, as dificultades de acceso aos servizos públicos, a inadecuada cobertura sanitaria ou a falta de espazos culturais e de ocio.
De acordo cos expertos, nos lugares máis afectados pola despoboación pode producirse un círculo vicioso de declive, xa que máis persoas terán que emigrar na busca de mellores perspectivas de futuro.
Neste informe tamén poñen o foco no feito de que os mozos das zonas rurais adoitan ser máis propensos a abandonar os estudos antes de tempo. Os rapaces da UE de entre 18 e 24 anos do rural que non tiñan emprego nin estaban estudando eran un 3’7% máis que os seus coetáneos das cidades.
A falta de oportunidades laborais ou o baixo rendemento económico dalgunhas rexións poden incidir de forma negativa no benestar e no desenvolvemento persoal dos habitantes do rural. As cifras do Eurostat do 2015 sinalaban que o 25’5% da poboación desas áreas atopábase en risco de pobreza ou exclusión social, mentres que nas cidades ese valor reducíase a un 24%.
Malia esta situación que parece tinguida de negro, aqueles que viven no rural loitan porque non se lles esqueza e buscan novas oportunidades para non ter que abandonar o seu fogar. Moitos rapaces e rapazas deciden quedar nas súas aldeas e vilas sabendo que teñen acceso a menos recursos que nunha gran cidade. Pero saben, que o que non ten unha urbe é a esencia, a pureza e a paz do rural.
A nivel de relato informativo está perfecto. No terreo das formas gráficas case tamén. Todas son pertinentes e están moi ben traballadas. O único que sinalaría como punto de mellora sería a necesidade de revisar a escala de cor do mapa de Datawrapper. A falta de degradado fai que teñamos case toda Galicia na mesma cor, non podendo apreciar así de xeito tan claro as diferenzas que poida haber entre os municipios. Fóra diso, excelente! Moi ben traballado!