top of page

Práctica 4. Flourish

​Múltiples opcións para a presentación visual dos nosos datos

Seguimos avanzando no traballo coa visualización da información e facendo dela unha ferramenta máis dentro de todas as dispoñibles á hora de comunicar grandes conxuntos de datos e facelos máis accesibles. Na práctica 2 iniciamos o noso camiño neste mundo da man de Datawrapper, pero dende hoxe subimos un chanzo máis na escala da complexidade continuando co traballo na ferramenta Flourish

Flourish fai posible levar a cabo traballos máis personalizables e ricos en formas gráficas que o que podiamos atopar en Datawrapper. Ademais, o abano de formas gráficas que é posible crear nesta ferramenta foi medrando co paso do tempo ata introducirse tamén en fórmulas que fan posible a presentación de contido incluíndo elementos como imaxes, audios, etc. Grazas a isto Flourish —de igual xeito que sucede con Datawrapper— foise facendo un oco entre as aplicacións empregadas polos medios de comunicación á hora de adentrarse no mundo da visualización da información.

Un bo xeito de achegarse ao traballo nesta ferramenta é facer un percorrido pola súa páxina de exemplos. Nela é posible coñecer de primeira man que é o que se pode chegar a facer con Flourish a través dos traballos doutras persoas. Ademais, se visitades esta páxina poderedes dar con exemplos do uso desta utilidade no campo do xornalismo, mais tamén en entidades doutro tipo.

A NOSA PEQUENA MISIÓN APOLO 🚀🌕
 
Con esta práctica facemos a última aproximación ao que será a nosa historia ou proxecto final no que debemos contar unha historia sendo nós responsables de todo o proceso e todos os elementos: texto, elementos multimedia como imaxes ou vídeos —que non teñen que ser elaborados por nós— e gráficos ou infografías que desexemos engadir.

 

Nesta práctica imos traballar con dous conxuntos de datos de das organizacións, entidades ou colectivos que elixades. Iso si, terán que ser da mesma temática ou ser susceptibles de aparecer nunha información sobre un tema ou realidade concreta. Así, debemos seleccionar como mínimo dúas fontes ou dous materiais que potencialmente poderían aparecer de forma conxunta nunha única noticia ou reportaxe. 

Serven informes, publicacións de organismos públicos e privados, enquisas, datos procedentes de institutos de estatística, etc. O que consideredes de interese para aplicar a unha potencial información sobre o voso tema.

Unha das dúas fontes debe ser internacional para así poder enfrontarnos ao reto de traballar con xeitos de presentar os datos ou a información que poden diferir do que habitualmente facemos no noso contexto.

Con estes materiais debemos facer tres visualizacións, nas que non é preciso que crucemos as variables das fontes (podemos seguir o esquema 1 fonte = 1 visualización):
 

  1. Scatter (dispersión).

  2. Hierarchy.

 

NOTA: se non atopades dous conxuntos de datos que vos sirvan para facer as tres visualizacións podedes optar por un terceiro que cumpra as características que vos faltan para poder facela. Nese caso pode ser da mesma entidade ou organización que algún dos anteriores. Por exemplo, se os nosos datos proceden de Eurostat e do INE e non temos un conxunto no que haxa unha xerarquía (categorías e subcategorías), podemos buscar outro set de datos diferentes na mesma e integrar un terceiro conxunto dunha desas dúas fontes.

Unha vez máis temos que subir á nosa entrada tanto o propio material gráfico elaborado como os documentos cos que traballamos. Así, de xeito semellante ao que fixemos na práctica anterior subiremos os tres materiais, a URL de cada un dos conxuntos de datos e o arquivo orixinal coas modificacións realizadas.

IMPORTANTE: lembrade acudir ao Catálogo de Visualización de Datos para solucionar as dúbidas que poidades ter á hora de elixir unhas formas gráficas ou outras.

EXEMPLO

Os meus datos son, en primeiro lugar, rexistros da evolución da taxa de paro tomados do INE. Deste lugar obtiven o primeiro arquivo de datos, que podedes consultar a continuación:.

O segundo dos arquivos cos que traballei procede de Eurostat, e nel abórdase a cantidade de pensións de xubilación e o seu tipo en tres países (España, Portugal e Italia). O resultado obtido foi este arquivo:

Unha vez realizado o proceso de limpeza iniciei o traballo en Flourish. Aquí, a diferenza de Datawrapper, si que é un chisco máis doado traballar na parte dos datos, polo que nos permite facer certa parte do proceso de limpeza dentro da propia aplicación se o consideramos máis interesante. Iso si, recoméndovos fixarvos mooi ben en como están construídos os exemplos que trae a propia aplicación, para entender como debemos dispoñer os elementos nesa folla de traballo e como lle asignamos un cometido a cada unha das columnas.

E, por último, o resultado final. Coma sempre debemos facelo a través das opcións para incrustar da nosa plataforma de publicación e subindo tamén a URL e os arquivos de datos cos que traballemos. Anímovos a explorar ao máximo todas as opcións de Flourish, pois xa veredes que son moitas e moi variadas. 

bottom of page