Un estudo da situación da saúde mental en España
- Elena García
- 31 dic 2022
- 3 Min. de lectura
Para este último traballo escollín un tema cada vez máis en voga: a saúde mental, tanto dende o punto de vista do benestar da poboación como da cobertura do servizo sanitario que a protexe. Os seguintes gráficos formarían parte dunha reportaxe en profundidade sobre este asunto, téndoo en conta dende unha perspectiva internacional, estatal e rexional, e analizándoo tamén con respecto aos efectos da pandemia.
En primeiro lugar, representei no gráfico de xerarquía un estudo sobre os niveis de saúde mental na poboación europea, indicando a porcentaxe de persoas de cada país que manifestan síntomas depresivos (con datos de 2019), clasificándoas ademais por xénero e franxas de idade, para cumprir coa xerarquía que requiría o tipo de gráfico ao tempo que isto me permitiu ver patróns interesantes e chegar a pequenas conclusións, así como aportar un contexto de referencia aos datos españois.
Atopei numerosas dificultades ao longo do proceso, sendo a primeira delas o formato de gráfico que escoller. Ao traballar con porcentaxes, quixen buscar a visualización que en menor medida indicase unha "suma" dos datos de cada país, porque non se trataba de valores absolutos nin acumulables, polo que me decantei polo Treemap ou mapa arbóreo. Estou satisfeita co resultado que ofrece, xa que é un deseño que permite distinguir cun golpe de vista as diferencias entre países, sexo e idade en cada grupo, ademais de que me parece moi estético e non presenta incoherencias visuais que si que atopei nos outros modelos (por exemplo, no deseño en círculos non tiña xeito dividir os países en homes e mulleres, porque se representaban como conxuntos flotantes dentro deles, deixando un espazo baleiro que parecía non corresponder a ningún xénero, o cal non tiña sentido; e o diagrama circular parecíame moi complicado de ler). En canto ás cores, decanteime por cores frías e pouco animadas pola gravidade do tema. Para o segundo gráfico escollín a cor complementaria, con tonalidades de novo apagadas.
En xeral, traballar con porcentaxes é quizais o que máis me dificultou o paso dos datos á visualización, porque nunca van ser verídicas esas acumulacións dos mesmos que realiza o programa, pero non atopei datos noutro formato e penso que, con todo, describen unha realidade fácil de comprender.
Polo demais, gustaríame ter indicado de forma máis visible os datos totais de cada país, xénero ou da Unión Europea en concreto, pero creo que puiden indicalos de forma bastante orgánica na cabeceira e nos pop-ups. (Desbotei a idea de incluír os datos da Unión Europea, porque ademais de que en todas as opcións parecía un país máis, os seus datos non aportaban ningún patrón ou tendencia que non puidese indicar nos dalgún país ou segmento poboacional concretos.
Se ben este gráfico podería formar parte dunha primeira parte de contexto nesa hipotética reportaxe, que indicase a situación de partida nos momentos previos á pandemia (enfoque que tamén adoptei debido a que non atopei datos máis recentes), o gráfico de dispersión formaría parte dun estudo sobre a situación española en específico, enfocado agora na cobertura do servizo sanitario psicolóxico.
Escollín o gráfico de puntos conectados para representar o número de psicólogos en dous anos: 2019 e 2021, unha realidade anterior e outra posterior á pandemia. Neste caso apenas tiven dúbidas, xa que me parecía a opción máis visual e doada de manexar para o usuario.
Para este gráfico elaborei eu mesma as taxas, partindo dos datos do padrón de cada ano para obter a poboación de cada Comunidade Autónoma e dos datos do número de psicólogos colexiados en cada momento. Cunha operación calculei esa proporción de profesionais para obter un número máis cómodo e enteiro, sen decimais nin demasiado pequeno, como xa fixera na segunda práctica para obter a proporción de persoas sen fogar en España. Alén disto, calculei a taxa de incremento dun ano ao outro, para chegar a conclusións sobre os efectos que tivo a pandemia na concienciación pública da necesidade de mellora deste servizo.
De novo, aínda que me gustaría ter cambiado certas cousas a nivel estético, penso que comunica bastante ben as diferencias entre comunidades (tamén tiven a sorte de que son moi acusadas), aportando ao lector unha idea moi rápida de que rexións contan cunha mellor ou peor cobertura do servizo. Os pop-ups foron tamén de moita axuda aquí, se ben foi do que máis complicado me resultou de personalizar.
En xeral, os principais problemas que atopei á hora de usar Flourish foron a personalización de certos elementos (cando cambiaba algo, ás veces desmontábanse cousas configuradas que non tiñan que ver, tiven que refacer algún dos gráficos unha vez), e sobre todo, o xeito de ordenar os datos en Excel para que a aplicación os recoñecera. Polo demais, creo que son visualizacións que representan realidades moi comprensibles e permiten entender os patróns e tendencias dentro dos datos que trasladan, aportando conclusións de utilidade para o relato desa hipotética reportaxe. Paréceme unha aplicación extremadamente útil, que permite trasladar datos moi complexos de xeitos moi visibles, interactivos e amenos.
Ambos materiais están pefectos no terreo da programación e tamén no do traballo cos datos. O de xerarquía é magnífico, non ten ningún erro e funciona tamén moi ben no terreo da cor. Podería chegar a valorarse a posibilidade de presentar un nivel máis para que a audiencia tivese claro en todo momento que é un treemap de xerarquía e non simple, pero está moi ben conseguido.
No de dispersión máis do mesmo. Ben de programación e ben traballados os datos. O único punto no que tocaría fixarse sería no subtítulo, que se fai algo longo para tratarse dun gráfico. Fóra dese pequeno detalle hai que dicir que ambos están perfectos. Noraboa!