top of page

Un escenario laboral complexo para as persoas con discapacidade

Malia os avances en materia de fomento do emprego entre as persoas do colectivo, as taxas de desemprego seguen a ser preocupantes e detéctanse notables desequilibrios en comparación coa poboación sen discapacidade


Unha persoa con discapacidade física no seu posto laboral. | Imaxe de Marcus Aurelius.

Hai arredor de 87 millóns de persoas na Unión Europea que sofren algún tipo de discapacidade. En España son máis de 4 millóns. Esta parte da poboación está obrigada a lidiar con múltiples conflitos que diariamente limitan o seu benestar na sociedade e que van máis alá da súa enfermidade, desde o estigma social ata as barreiras laborais, que lles impiden un desenvolvemento económico digno.


As persoas con discapacidade sempre tiveron máis dificultades para conseguir un posto de traballo, cuestión que vai da man do factor educativo, pois este colectivo rexistra unha alta porcentaxe de abandono escolar prematuro. Aínda entre aqueles que si que están ocupados, os seus salarios son inferiores aos dunha persoa con discapacidade. Así, non só están sometidas á exclusión social e discriminación, senón que ademais sitúanse máis préto de estar en risco de pobreza.



Un panorama laboral aínda negro, pero con visos de mellora


No noso país, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, a taxa de actividade das persoas con discapacidade é do 34,6 %, fronte ao 77,7 % das persoas sen ela. Alarma aínda máis o feito de que só están empregadas o 26,9 % do colectivo con discapacidade, mentres a taxa de paro ascende ata o 22,5 %. As mulleres, como acontece entre a poboación xeral, son as peor paradas.


Con todo, é necesario salientar que esta situación vén mellorando nos últimos anos. No 2014 a taxa de paro ascendía ata o 32,7 %, e ata agora foise reduncindo considerablemente.


Aínda así, se se compara a situación nacional coa europea atendendo á taxa de desemprego, detéctase que España está peor que a media da UE, que se sitúa no 17,4 %. De feito, España é un dos países con maior número de parados con discapacidade.



A fenda salarial, tamén presente entre as persoas con discapacidade


No referido aos salarios, e segundo datos do último informe do INE sobre o salarios das persoas con discapacidade, estes foron incrementándose nos últimos anos, situándose no 2020 nos 20.799,3 euros brutos anuais, fronte aos 25.305,3 euros de media que perciben as persoas sen discapacidade. Percíbense asimesmo diferenzas por sexo, percibindo os homes un 12,5 % máis de ingresos que as mulleres con discapacidade.


Do mesmo xeito, neste campo cómpre referirse ás diferenzas segundo o tipo de discapacidade. Así, a disparidade entre o salario dunha persoa cunha discapacidade física e outra cunha discapacidade intelectual fíxase en 8.638,2 euros de media.



O tipo de discapacidade tamén é un factor que inflúe no número de contratacións. Estes son os últimos datos sobre contratacións entre persoas con discapacidade, correspondentes ao 2021:



É innegable que se teñen dado grandes e efectivos pasos de cara a inclusión plena na sociedade das persoas con calquera tipo de discapacidade, pero queda moito camiño por percorrer. No referido ao eido laboral, Anxo Queiruga, presidente da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica, e tamén presidente de Cogami, indica que o traballo en prol da accesibilidade ao posto de traballo é un dos factores principais a salvagardar para garantir o bo desempeño das persoas con discapacidade. Asimesmo, considera que é preciso «reformar a normativa dirixida á inclusión laboral».


Neste sentido, no noso país hai leis que regulan o emprego entre as persoas con discapacidade para garantir os seus dereitos e fomentar a súa inclusión. Destaca a Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, que está a actualizarse actualmente. Entre as medidas máis relevantes que estipula o Estado está a da obrigación, para aquelas empresas que conten con máis de 50 traballadores, de reservar un 2 % dos seus postos de traballo para persoas con discapacidade, se ben xa se teñen detectado varios casos de incumprimento. Tamén existen subvencións e bonificacións nas cuotas de cotización para este tipo de contratacións.


Dentro da nosa comunidade autónoma, a Xunta tamén establece mecanismos para o fomento do emprego, como a realización de convocatorias a prazas públicas independentes para as persoas con discapacidade e o axuste de tempos para a realización dos exercicios. Asimesmo, impúlsanse actividades de asesoramento e apoio con entidades como Fademga e Cogami.


O avance na integración laboral das persoas con discapacidade é perceptible e é innegable que se está a remar na dirección correcta, pero queda tempo para lograr a plena inclusión, o que pasa, primeiramente, pola concienciación e compromiso cos dereitos sociais de toda a poboación.



Tres empregados con discapacidade nun restaurante. | Unha imaxe de Mart Production.

1 comentario


Nada que dicir. Unha peza moi ben elaborada a nivel de relato, perfectamente escrita e cunha serie de elementos gráficos que funcionan á perfección no conxunto. Ademais, hai unha boa conexión cromática entre os elementos propostos, están ben traballados no plano dos datos e non se observa ningún erro de programación. O único punto a sinalar sería mudar o formato dos números nos gráficos de Flouris, pois temos o punto de separador dos decimais. Fóra dese detalle enano, nada que dicir. Moi ben traballado!

Me gusta
bottom of page