top of page

Que será daquel esquío?

As causas, o ritmo e a magnitude da deforestación mudaron co tempo. A forma na que as súas diferentes causas interactúan entre si e os efectos que teñen nos montes varían segundo o territorio. A nivel mundial, xa se implementaron multitude de enfoques para deter este fenómeno e, malia que se lograron avances para detelo, a degradación dos montes continúa estendéndose a un ritmo alarmante.

A deforestación: o gran enimigo dos nosos montes. Foto: Amigos de la Tierra


Ano 2023: Que será daquel esquío do que falaba Estrabón? Aquel roedor que podía cruzar a Península Ibérica de póla en póla sen tocar o chan? Iso dicía o xeógrafo grego a comezos desta era pero, e agora? Sería posible atravesar o noso país de norte a sur, de sur a norte, esquivando por completo o solo?

Nós últimos anos, máis de 43 millóns de hectáreas foron destruídas a causa da deforestación en todo o mundo, acabando con montes e causando danos irreparables na calidade do chan. A este ritmo, e se non se busca unha solución, a maioría dos montes poderían desaparecer completamente dentro de 100 anos, e España non quedaría atrás.

As razóns da tala das árbores son moitas, mais a gran maioría están relacionadas co beneficio económico. O Informe de Frentes de Deforestación de WWF indica que a agricultura comercial é unha das principais causas de deforestación, con numerosas hectáreas baleiradas co fin de conseguir terreo para os cultivos ou o gando. Tamén teñen un papel moi importante as operacións madeireiras, así como toda a súa actividade indirecta (por exemplo as estradas que se constrúen para acceder a montes antes illados). Todo isto dependente das decisións políticas e económicas.



Queda claro que este fenómeno, sexa quen sexa o seu causante, ten numerosos efectos negativos para o medio que nos rodea. Perda de hábitats, potenciación do cambio climático, seca dos solos, interrupción do ciclo da fotosíntese ou mesmo a desertización dos continentes.


Pero, chegados a este punto, cal sería a solución máis rápida? Neste caso, a WWF fala de interromper a tala de árbores pero, malia que a deforestación diminuíra un pouco nos últimos tempos, a realidade financieira actual fan desta idea de “talas 0” unha alternativa totalmente inalcanzable.


AS CIFRAS DA DEFORESTACIÓN EN ESPAÑA


Segundo datos do Banco Mundial, España gañou un 33’6% de superficie forestal dende o 1990. Concretamente pasou dun 27’64% de territorio natural cuberto por monte nese ano a un 36’9% no 2016. Ten entón máis probabilidades o famoso esquío de cruzar o país de árbore en árbore? Aínda existen cortas dúbidas.


As Estatísticas anuais das cortas de madeira por Comunidade Autónoma publicadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico revelan datos máis esperanzadores, aínda que tamén outros menos.

Se se realiza unha comparación dos datos dos anos 2010, 2013, 2016 e 2019 obsérvase de xeito claro a variación e irregularidade do ritmo de talas nas distintas Comunidades Autónomas.


En Galicia, por exemplo, o ano de maior toneladas de leña foi o 2019; mentres que, no caso de Andalucía, foi no 2010. Si que é certo que as cifras da deforestación diminúen en España, pero tamén o é que baixan en certos territorios para aumentar de xeito notorio noutros. Como vai chegar o esquío de Galicia a Murcia se no norte xa toca o chan?



Imaxe aérea das efectos da deforestación en Galicia. Foto: INSA des


A SAÚDE FORESTAL EN ESPAÑA


O Anuario de Estatística Forestal publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico revela a situación dos montes españois, onde os ecosistemas forestais ocupan case vinte e oito millóns de hectáreas (27.965.808 ha). Delas, máis de dezaoito millóns (18.467.121 ha) están arborizadas e unhas nove (9.498.687 ha) desarboladas, que supoñen respectivamente o 29% e o 23% do territorio nacional.




Noutras palabras, estes datos revelan que case unha cuarta parte do país se atopa actualmente deforestada, o que equivalería a uns 10.555.555 campos de fútbol.


A Comunidade Autónoma máis afectada (tendo tamén en conta tamén as súas características singulares debido ao seu tipo de clima) son as Illas Canarias cun 60% do terreo forestal totalmente desarbolado.

No outro punto, atópanse as Illas Baleares, con tan só o 6%. Xa na Península, a máis afectada é Asturias cun 30% e a menos Castela A Mancha, cun 11% de terreo deforestado.

Porén, a maioría dos territorios superan o 15% de terreo deforestado dentro dos seus límites, unha media de 620.915 campos de fútbol en cada Comunidade.



A SOLUCIÓN MÁIS EFECTIVA


Distinguir as causas e recoñecer a realidade da deforestación non chega para mudar o presente que nos toca vivir, polo que é preciso atopar algunha medida para reverter a situación. Cómpre chegar a un acordo o máis universal posible, que agrupe a todos os gobernos, para tomar medidas consensuadas e poñelas en funcionamento.


Os obxectivos principais están máis que claros: previr e reparar. Previr para que non volva pasar nun futuro e reparar para remediar (dentro do posible) o mal xa feito.

Pero non todo depende só das institucións, hai solucións que requiren da acción cidadá e da coordinación gobernamental. Unha pequena pero importante parte tamén depende de nós, a nivel persoal, polo que debemos de estar concienciados e para coidar e loitar por todo o que nos rodea. Porque se non, que será daquel esquío? E de nós mesmos?


1 comentario


É un relato moi bo e está moi ben traballado. Habería que revisar algúns parágrafos que son algo curtos e que teñen unha liña e media ou dúas, pois abusar desa fórmula pode chegar a dificultar a comprensión dos textos.


Dentro das formas gráficas, que entran ao relato para sumar de xeito moi eficaz, sinalaría só a necesidade de revisar a cor verde dos parágrafos na primeira metade da infografía, xa que non dan tanto contraste como sería recomendable. Fóra diso hai un moi bo traballo no resto de elementos que, ademais, están perfectamente conectados grazas á cor. Moi bo traballo!

Me gusta
bottom of page