O galego: ameazado pola progresiva perda de falantes
- Paula Alvarez
- 13 ene 2023
- 5 Min. de lectura
A finais do pasado ano, un estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) viña a confirmar os peores presaxios no que se refire á saúde da lingua galega. Semella que cada vez son máis mozos e mozas que se desapegan da lingua, e tamén cada vez son menos os pais que apostan por educar aos seus fillos nela. A pregunta é: por que? A resposta aínda está sobre a mesa dos expertos, que deixan recaer os motivos sobre diversas cuestións lingüísticas, institucionais, sociais e educativas.

O censo sitúa por primeira vez o castelán como a lingua usada con máis frecuencia en Galicia. Ese foi o titular co que o xornal Praza Pública abría unha das súas novas, indicando que, por primeira vez na historia, o idioma galego é minoritario nos usos cotiáns. E, isto acontece, paradoxalmente, despois de corenta anos doestatuto de oficialidade. Ademais, a desgaleguización é especialmente aguda nas capas máis novas da poboación, pois segundo ese mesmo informe do INE, un 27,6% dos menores de 20 anos afirman non entender “nada” de galego. E outro 28,6% di que o entende "con dificultade".
"O 30% da xuventude confesa non ser quen de utilizar a nosa lingua con fluídez"
Os datos estatísticos confirman o que apuntaba recentemente outro informe, neste caso promovido polo Seminario de Sociolinguística da Real Academia Galega: o proceso de substitución do galego polo castelán comeza “moi cedo”, incluso no primeiro ano de escolarización, e chega a “afectar ao proceso de adquisición da fala”. Tendo en conta estes datos, non sorprende aos expertos o feito de que unha porcentaxe moi alta da mocidade galega, especialmente urbana, teña dificuldades para expresarse en galego e careza de competencias básicas. “O 30% da xuventude confesa non ser quen de utilizar a nosa lingua con fluídez”, manifestaba tamén recentemente Marcos Maceiras, presidente da Mesapola Normalización, no Portal Galego da LÍngua.
Por iso, neste contexto, xorde unha pregunta: cal é o papel que xoga o ensino, tanto público coma privado, nesta situaciónque atravesa a lingua? Para aqueles sectores máis moderados, a institución educativa non é quen de reverter o proceso enmarcha. Pero ademais, para as voces máis críticas, o ensino é o ámbito que está a promover activamente o desapegodunha parte importante da poboación coa lingua que naceu entre nós hai arredor de 1200 anos.
A voz dos expertos

Miguel Rodríguez Carnota, un investigador que acaba de editar o libro “Lingua, poder eadolescencia”, analizou, a través da entrevista a testemuñas galegofalantes, como o ensino actúa como un factor activo desgaleguizador, condicionando a mozos e mozas educados en galego a transformar os seus usos idiomáticos. Segundo mostra este traballo, é a presión dos compañeiros e docentes a que forza aos adolescentes a cambiar ao castelán, facéndose monolingües neste idioma. De feito, o traballo nomeado “Mapa sociolingüístico escolar de Ames”, demostra que de cada tres nenos que entran na escola falando en galego, dous cambian ao castelán e só un se mantén falando a lingua coa que comeza.
A situación coñécena ben os propios docentes, que conviven entre os alumnos e as súas rutinas lingüísticas. O director do IES Becerreá, Fernando Cerecedo, opina que “por desgraza, o galego está a sufrir unha involución entre o noso alumnado”. Segundo explica, “dáse a circunstancia de que agora os rapaces e rapazas fillos e fillas de antigo alumnado, que eran galegofalantes, falan principalmente castelán, especialmente nas interaccións entre iguais”. Partindo desta reflexión, Cerecedo engade unha firme conclusión: “se foron criados nas súas casas en galego, isto semella demostrar que é durante a escolarización cando se perde o uso do galego”. Con todo, tamén el mesmo destaca que na contorna rural, onde el imparte clase, este fenómeno é “menos acusado, aínda que parece unha dinámica con forte impulso”.
O fogar: elemento clave
Con todo, se ben é certo que, tal e como di Fernando, a escola non está respondendo a un certo interese pola lingua, semella quetampouco hai unha demanda social que o esixa. Isto enténdese botando man dos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Estas cifras mostran como, ao longo dos anos, vai diminuindo a porcentaxe de persoas ás que seus pais lles falaban galego cando eran nenos ou nenas, ou o que é o mesmo, o número de pais que deciden educar aos seus fillos nesta lingua.
Esta gráfica mostra como diminúe co paso dos anos (entre 2003 e 2018) a porcentaxe de pais que lle falan aos seus cativos e cativas en galego, ao mesmo tempo que a cifra dos que apostan polo castelán rexistra un pequeno aumento nesa mesma franxa de anos. No 2018, ao 49.6% de nenos seus pais falábanlles en galego, fronte ao 57,3% do ano 2003. Neste sentido, o descenso reflexa preferencia por outros idiomas coma, neste caso, o castelán.
Isto está, ademais, completamente relacionado con outra variable de datos ofrecidos polo IGE, que é o número de fogares nos que ningún dos seus membros (de 5 ou máis anos) falan habitualmente só o galego. Estas cifras diminúen tamén progresivamente co paso dos anos, isto é, hai menos fogares ca fai uns anos nos que os seus integrantes falen só o galego. Loxicamente, trátase dunha dinámica que inflúe nas rutinas lingüísticas dos nenos e nenas que medran entre eles.
Neste contexto, cómpre destacar a opinión de Antón Santos, docente graduado en Historia. Segundo el, como trasfondo desta situación atópase, entre outros aspectos, a "pervivencia de enraizados prexuízos lingüísticos que cuestionan o dereito á normalidade do noso idioma, argumentando unha suposta inutilidade social do mesmo".
As rutinas dos adolescentes
Todo o aprendido durante a infancia, tanto na escola coma na casa, adoita ser o que se reflexa durante o resto da vida dos rapaces e rapazas. No caso do idioma, as rutinas lingüísticas que adquires cando eres pequeno son as que, posiblemente, se quedan contigo durante a adolescencia. Neste sentido, non cabe dúbida do papel que xogao ámbito académico e familiar, nun contexto no que as cifras sobre o uso da lingua son demoledoras. Como vemos, esa falta de apego á lingua que se produce co paso dos anos (cada vez menos pais educan aos fillos en galego e, polo tanto, cada vez menos nenos falan galego) é visible tamén entre a actual xuventude, que é a que acarrea esa falta de uso dende que son pequenos.
O 28,2% de rapaces e rapazas menores de 20 anos non empregan nunca o galego cos seus amigos e amigas
O censo do INE deste último ano deíxanos datos sobre o uso da lingua galega en diferentes ámbitos e nas diferentes idades:
Estes datos veñen a demostrar o que explicamos. O 28,2% de rapaces e rapazas menores de 20 anos, non empregan nunca o galego nas relacións cos seus amigos e amigas; só o 7,1% o usan sempre neste contexto. Pero resulta curioso comparalo coas cifras que reflexan a situación dos maiores de 60 que, como dicíamos, foron educados en galego. O 46,8% dos maiores de 60 anos empregan sempre o galego nas súas relacións de amizade; isto é, case o dobre ca porcentaxe de adolescentes. E un caso semellante ocorre nas relacións coa familia.
O relato informativo é excelente. Ademais, están moi ben integradas as formas gráficas dentro del, fundamentalmente grazas ao traballo coa cor, que é tamén moi bo.
No primeiro gráfico, o de xerarquía, faltaría a autoría e a fonte e tamén retirar ese filtro, que non está actuando como tal. O gráfico de liñas está ben traballado, aínda que faltaría mudar o punto pola coma como separador dos decimais, iso si. Finalmente, os traballos en Datawrapper están ben resoltos e moi ben integrados no conxunto a nivel de tamaño. Noraboa e grazas polo esforzo!