top of page

Os recunchos da Terra Chá

A Terra Chá é unha comarca lucense situada na zona centro/norte da provincia que pola súa extensión está considerada a máis grande de Galicia. Nesa extensión acumúlanse múltiples espazos naturais e históricos para visitar e coñecer a cultura, a contorna e a tradición dos fermosos concellos que forman a Chaira (o nome "agarimoso" co que os chairegos nos referimos á nosa comarca).


O xornal El Progreso, que conta cunha delegación na Terra Chá, publica no seu suplemento semanal A Chaira cada un destes lugares, aos que denomina 'Recunchos da Chaira', e que se asocian cun protagonista e cunha historia única. Neste caso foron tomados como fonte, e referencia, os 'Recunchos da Chaira' dos últimos 6 meses, exceptuando casos puntuais nos que o lugar foi substituído para ofrecer unha visualización máis clara e limpa.


En relación co exposto anteriormente debo sinalar unha das maiores dificultades que se me presentou á hora de realizar esta práctica: escoller os puntos axeitados. Pois en algúns casos solapábanse os nomes ou os marcadores, o que facía o mapa pouco lexible e en consecuencia difícil de manexar. Por ese motivo decidín descartar algún dos recunchos escollidos na primeira selección por outros máis espallados ao longo da comarca chairega.


Outra dificultade foi o contacto cun programa que descoñecía, Flourish. O manexo do mesmo resultoume complicado ao primeiro (non na introdución dos datos, senón na modificación dos estilos) pero a medida que fun probando e modificando algúns aspectos, os demais foron máis sinxelos. En resumo, a medida que avanzaba coa práctica fun traballando de forma máis rápida e eficiente co traballo.






1 comentario


Pois nada que dicir. A programación do mapa é perfecta, sen erros nin puntos mortos. A parte visual está perfectamente executada, xa que as imaxes funcionan ben tanto no apartado de marcadores como dentro das ventás emerxentes. O menú da parte esquerda e, por tanto, as categorías creadas son tamén moi eficaces para a consulta do contido e este contido está ben estruturado. Podería quedar certa marxe para facelo máis lixeiro dentro das ventás emerxentes e combinar un parágrafo máis elaborado cunha serie de datos a modo de impactos, pero o certo é que o presentado funciona moi ben. Noraboa!

Me gusta
bottom of page