Os niveis sintomatolóxicos depresivos en Europa e o número de psicólogos en España
- Iago Castro
- 17 dic 2022
- 2 Min. de lectura
Nesta cuarta e última práctica antes do proxecto final, decidín escoller o tema da saúde mental. Xa o tiña pensado facer en prácticas anteriores, pero nunca atopaba datos. Desta volta, como tivemos que empregar unha fonte internacional, puiden atopar datos e iso tamén me axudou a guiarme para atopar datos relacionados co tema nunha base de datos nacional.
Para o gráfico de xerarquía empreguei datos sacados do Eurostat. Escollín datos sobre o nivel sintomatolóxico depresivo en varios países europeos no 2019: España, Francia, Italia e Portugal. Escollín estes tres últimos países debido á súa proximidade con España, para poder comparalos seguindo algo en común. Dos datos que conseguín, quedeime cos niveis máis altos de síntomas depresivos (moderados, moderadamente severos e severos), ademais de coa franxa de idade de entre 15 e 24 anos. Decanteime por unhas tonalidades en azul para este gráfico, representando cada tonalidade un dos países presentados.
Para o gráfico de dispersión empreguei datos sacados do INE. Escollín os datos relativos á taxa de psicólogos en España por cada 100.000 habitantes no 2021. Ademais, para os pop-ups, empreguei os mesmos datos pero do ano 2019, para facer unha comparativa sobre o número de psicólogos antes e despois da pandemia. Todos estes datos están recollidos por Comunidades e Cidades Autónomas. De novo empreguei a cor azul tanto para os puntos como para os pop-ups.
A continuación deixo os documentos cos datos descargados das bases de datos das que os saquei, e os datos limpos (van incluídos no mesmo documento, menos os do gráfico de xerarquía, que xa os limpei o máximo posible na páxina do Eurostat).
En canto aos problemas que me supuxo esta práctica, contra todo pronóstico, non foron moitos. Principalmente foi a busca dos datos ao comezo, porque non sabía moi ben de que facer a práctica. Despois o maior problema que tiven foi o dos pop-ups no gráfico de dispersión, pois introducín un gráfico que non servía para os meus datos. Entón tiven que facer un novo gráfico, e quedei máis contento con ese que co outro. Tamén me custou facer ese gráfico porque non daba acertado coa forma final, ata que din cunha que me gustou.
P. D.: acabo de darme conta ao publicar a entrada de que o pop-up do gráfico de dispersión non se ve enteiro, e creo que é porque é moi grande. Perdón.
O de xerarquía está perfecto, tanto no terreo da programación como no dos datos. Tan só sinalaría a necesidade de revisar un chisco a escala de cor para facela un pouco máis harmónica. Fóra dese pequeno detalle está excelente. Noraboa!
No de dispersión non se aprecian erros. Habería certo terreo para unha maior complexidade na ventá emerxente, pero o presentado está perfectamente executado.