top of page

Os duros datos do cancro en España

Actualizado: 18 ene 2023

A realidade do cancro afecta ás 275.000 persoas que anualmente se diagnostican en España de algún tipo de cancro, e tamén ás súas familias.


Expertos e expertas coinciden na importancia da investigación e prevención, e para iso, o inicial é a concienciación. As cifras - moi duras - relatan de maneira doada a necesidade de aunar esforzos para pór fin a esta doenza que afecta a quen a sufre, e ós que sufren con eles.

Científicos investigando sobre o cancro de ovario. Foto: Adobe Stock


O cancro é unha das principais causas de morbilidade e mortalidade na sociedade do noso tempo. Como a meirande parte das enfermidades crónicas, a orixe do cancro é multicausal. Algúns estilos de vida, factores ambientais e determinantes sociais xogan un papel importante na saúde (ou na enfermidade), e por iso as mellores estatexias para paliar esta doenza baséanse na prevención, ademais da aposta polo desenvolvemento de políticas que así as apoien.


As estratexias de prevención baseánse en reducir os factores de risco – o que se denomina “prevención primaria” – e, por outra banda, nunha diagnose temperá da enfermidade (“prevención secundaria”). Así mesmo, débense desenvolver estratexias para que dende a política se tomen medidas que beneficien á poboación e axuden a reducir a exposición a factores de risco para a enfermidade. Estímase que entre o 80% e o 90% dos cancros poderían previrse mediante políticas de saúde pública.


Cada hora, 32 persoas son diagnosticadas de cancro en España

Porén, as perspectivas non son boas. Cada hora, 32 persoas son diagnosticadas de cancro en España segundo os datos da SEOM (Sociedad Española de Oncología Médica). Ademais, agárdase que os datos vaian en aumento co paso dos anos.


A investigación vólvese clave para a curación de tumores. Os datos de falecidos e falecidas deixan entrever a necesidade de apostar polos métodos necesarios para pórlle fin a unha lacra que, máis silenciosamente que outras coma a da covid-19; azota con dureza nos nosos días.


Incidencia por tipo de tumor


A incidencia do cancro é maior en homes e en mulleres - algo que os expertos relacionan cos hábitos de vida - e así mesmo, a incidencia mortal do cancro é tamén maior no sexo masculino.


Os cancros con máis casos son os de mama 68.125 casos nos últimos dous anos, o de próstata 66.648 diagnosticados; seguidos polo de pulmón, colon e vexiga.





A maior incidencia do cancro de mama fixo que os investimentos e avances en investigación sexan tamén maiores que noutro tipo de tumores, polo que as probabilidades de curación incrementáronse nos últimos anos.



As cifras negras do cancro

En España, o cancro foi a causa de falecemento de entre o 20% e o 30% das mortes de 2021. Son as comunidades do norte nas que os tumores teñen unha maior incidencia sobre os falecementos totais. A Comunidade Foral de Navarra sitúase á cabeza desta lista negra, cun 29,44% de falecidos a causa do cancro, seguida de Cantabria (27,69%) e o País Vasco (27,05%). No lado contrario, onde o cancro ten menor incidencia como causa de morte están as dúas Cidades Autónomas, Ceuta e Melilla, cun 20,92% e 21,24% respectivamente; seguidas de Castilla-La Mancha (23,72%) e Andalucía (23,96%).


En 2021, 113.662 persoas faleceron por cancro en España. Moi por enriba das mortes a causa de 40.039 defuncións, e tamén moi por enriba das causadas por accidentes de tráfico (1.599 falecementos).

Os tumores máis mortíferos

Aínda que os cancros de próstata e mama son os que acumulan un maior número de diagnoses ano a ano, non son os máis mortíferos. Os hábitos de realización de probas para a súa detección, así como a maior investigación e desenvolvemento de tratamentos para a súa curación, axudan a que as probabilidades de supervivencia sexan maiores.


En todas as Comunidades Autónomas de España, o cancro que deixa un maior número de falecidos é o relacionado cos tumores das vías respiratorias, é dicir, os cancros de pulmón, tráquea e bronquios; algo que os investigadores relacionan directamente co tabaquismo e coa contaminación (especialmente notable nas grandes cidades). En Galicia, numerosos estudos aseguran que a alta exposición ao gas radon é a segunda causa de cancro de pulmón (a primeira nos indiviudos que nunca fumaron).



O cancro de colon e recto é o segundo tumor maligno máis frecuente en España (considerando ambos sexos) e tamén a segundo como causa de falecemento por cancro. Cada semana, diagnostícanse en España máis de 500 casos deste tipo de doenza e falecen por esta, máis de 250 persoas. Porén, o cancro colorrectal é curable en máis do 90% dos casos se é detectado nas fases iniciais, de aí a importancia da implantación de programas de cribados poboacionais e de medidas de detección precoz.


Tamén hai lugar para as boas noticias

Nos últimos anos, son numerosas as investigacións e avances sobre tratamento, prevención e curación dos cancros.


En 2022, Javier Cortés (actual Director do International Breast Cancer Center - IBCC) presentou un estudo, DESTINITY Breast-03, no que revisa un novo tratamento en pacientes de cancro de mama baseado na utilización dun fármaco antigo, o trastuzumab deruxtecan que, renovado para ser máis potente, podería deter os cancros de mama de tipo HER2, que supoñen entre un 10 e un 20% dos cancros de mama totais.


Javier Cortés (Director do IBCC). Fonte: Hospital Ruber Internacional


Outro importante descubrimento deuse en 2021, cun novo fármaco efectivo fronte á proteína KRAS, que é a responsábel de promover moitos tipos de cancro nos seres humanos. A proteína KRAS foi descuberta por Mariano Barbacid (bioquímo español) hai xa tres décadas, pero ata o de agora non había ningún fármaco eficaz para deter a actividade desta proteína. O sotorasib é o primeiro medicamento, ata o de agora, que se amosa realmente efectivo ante a mutación da proteína KRAS, que ten unha gran incidencia por exemplo nos cancros de pulmón.


O apoio co que contan agora doentes e familias é fundamental. A labor de diferentes asociacións, como a Asociación Española Contra el Cáncer, contribúe á mellora da calidade de vida de persoas afectadas directa ou indirectamente por estas doenzas.


Se loitas contra o cancro, lembra, sempre terás a alguén aí



1 comentario


Está todo perfecto, tanto a nivel de narración como no relativo ao traballo cos gráficos. O único elemento que precisaría revisión é ese último gráfico de xerarquía. A alta división dos datos no conxunto empregado fai que o sunburst igual non sexa a forma que mellor nos funciona. Iso si, consegues solventar moi ben esta dificultade grazas ao filtro que nos permite viaxar polas cifras de cada Comunidade Autónoma. Moi ben traballado!

Me gusta
bottom of page