Os datos do senfogarismo en España
- Elena García
- 19 nov 2022
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 30 dic 2022
Nesta época de dificultades económicas para a práctica totalidade da poboación, decidín enfocar esta práctica nun dos colectivos que está vendo as súas condicións aínda máis complicadas debido á suba dos prezos: as persoas sen fogar. Para isto, tomei datos do Instituto Nacional de Estatística, que precisamente vén de realizar este 2022 a súa terceira enquisa nesta materia (as anteriores datan de 2005 e 2012). Traballei cos datos desta enquisa dende tres puntos de vista: a distribución por rexións, a distribución por nacionalidades e o peso no total da poboación. Cada elemento desta práctica céntrase nunha delas.
Elaborei en primeiro lugar o mapa das comunidades e cidades autónomas do Estado, que conseguín que funcionase ben dende o punto de vista visual debido ás disparidades na distribución dos datos. Neste sentido, atopei dificultades á hora de elaborar a paleta de cores, en termos de organizala da forma máis coherente posible para salientar as diferencias entre os datos. Porén, ao final conseguino e estou contenta co resultado. Tamén me resultou moi útil a posibilidade de incluír parágrafos de contexto ao inicio dos elementos, penso que axudan moito a comprender a información e tamén me axudaron a min mesma a entender que era o que debería destacar en cada caso.
Este mapa pareceume útil para entender a distribución da poboación sen fogar, pero tamén atopei varias limitacións. A primeira delas e a máis importante é que non tiña sentido informar destes datos sen poñelos en relación coa poboación total de España e de cada rexión, porque non daba unha imaxe real da situación de cada comunidade autónoma. Ademais, tampouco permite percibir de forma visual as situacións de Ceuta e Melilla debido ao seu pequeno tamaño.
Por tanto, decidín empregar a táboa para solucionar estes problemas e poñer os datos en relación coa totalidade da poboación. Isto non foi doado, xa que tiven que axustar os datos á fórmula e proporción correctas para que fosen máis fáciles de asimilar cun golpe de vista. Por exemplo, decanteime por axeitar os datos á proporción dos 100.000 habitantes en lugar de deixar os porcentaxes naturais, que incluían moitos decimais e eran cifras moi pequenas, moito menos visibles e memorables. Engadín tamén o dato do total de España para ter ese promedio de referencia, e de novo as cores axudan a entender a magnitude dos datos.
Por último, para o gráfico escollín a terceira variable que xa incluíra no mapa: a nacionalidade das persoas sen fogar. Neste caso cambiei de cores para representar que estaba referíndome a unha variable distinta, momento no que tamén atopei algunha dificultade para escoller o ton axeitado, que fose coherente coa paleta de cores do mapa e da táboa.
Alén diso, non tiven moito maior problema á hora de trasladar os datos e escoller como representalos. Resultoume bastante intuitivo e tiven a sorte de escoller un conxunto de datos nos que as cuestións a destacar eran doadas de identificar. Polo demais, en xeral tampouco atopei problemas para limpar os datos, que adxunto en formato Excel.
Mapa e táboa están perfectos, non hai nada que dicir sobre eles. Na táboa están perfectamente presentados os datos e ben acompañados por ese código de cor que nos axuda a saber onde é máis alta esa proporción. Ademais, combinas perfectamente tres medidas diferentes. No mapa hai unha boa escala de cor e tamén un moi bo traballo na edición da ventá emerxente, polo que funciona á perfección.
O único punto de mellora estaría no gráfico, pois ese total de España está facendo moito máis pequenas as súas partes. Xeralmente, cando comparamos unidades non debemos poñer o total, pois sempre vai ser inmensamente maior que as partes que o conforman. Distinto sería se falamos dunha taxa ou dunha porcentaxe. Neses…