Os cruceiros que levan a Compostela
- Elena García
- 28 dic 2022
- 2 Min. de lectura
Para esta terceira práctica escollín un tema compartido con outro traballo que estou a realizar cunhas compañeiras, a Traslatio ou ruta Mar de Santiago: un Vía Crucis marítimo, o único en todo o mundo, que se desenvolve no tramo da costa galega percorrido polo corpo do Apóstolo Santiago nunha barca de pedra dende Xerusalén, onde foron atopados os seus restos, ata Padrón; tal e como relata o Códice Calixtino e demais textos datados do século IX.
En primeiro lugar, a maior dificultade que atopei foi conseguir fotos de calidade, xa que moitos dos cruceiros son de difícil acceso polo que apenas hai documentación gráfica ao respecto. De feito, as fotos do propio documento do que partín son de calidade bastante baixa, de pequeno tamaño ou non amosan os cruceiros completos senón unicamente un detalle no seu capitel, ou pola contra son panorámicas a unha longa distancia dos mesmos.
Ante este problema, decidín dar un menor protagonismo ás imaxes e representar os cruceiros no mapa con iconas, cambiando a súa cor segundo o modo de acceso, que considerei a característica que mellor permitía diferencialos. Aínda así, as imaxes están presentes no panel de cada cruceiro (nun tamaño reducido porque, como comentei, por desgraza non son de moi boa calidade), permitindo ao usuario facerse unha mellor idea do entorno de cada monumento.
Retomando a cuestión das cores, escollinas en sintonía co mapa e cos valores que representan: mar (azul) e terra (marrón), en coherencia cos tons do deseño de mapa que máis similar a un pergamino ou mapa "histórico" atopei, en referencia á orixe mítica desta ruta. Si que atopo quizais algo repetitivo o uso das mesmas iconas, pero prefíroa á solución das imaxes en pop-ups ou á utilización de iconas diferentes para cada categoría, que indicaría que non todas son cruceiros, o cal non é certo e ademais é confuso.
Polo demais, a recollida dos datos foi sinxela. Tratei de realizar en cada panel (que escollín fronte aos pop-ups porque me permitían un maior volume de información cunha visualización moito máis cómoda e orgánica) unha descrición morfolóxica dos cruceiros, establecendo tamén relacións entre eles para que os elementos gardasen unha certa relación entre si e dar máis cohesión ao conxunto da visualización. Gustaríame telos agrupado dalgún xeito por tramos (os da primeira metade da ruta son moi similares entre si, os catro últimos tamén; ademais de que a documentación indica que foron construídos en datas próximas...), a través da cor ou de diferentes iconas, pero non atopei finalmente o xeito de facelo sen ter que descifrar unha lenda demasiado complexa, que non tiña moito que ver cunha ruta que en realidade é moi sinxela.
Tamén me resultou bastante competitivo a nivel de contido, especialmente na descrición dos cruceiros que en moitos casos era moi similar, por iso preferiría telo simplificado o agrupado dalgún xeito. Con todo, penso que o resultado é bastante satisfactorio, unha visualización comprensible e que indica con claridade todos os puntos desta singular ruta e aporta información de interese sobre cada un deles, permitindo ao usuario obter unha comprensión xeral do tema e facer tamén relacións entre os seus contidos.
De programación está ben e os materiais son correctos. O punto para a mellora estaría no contido, xa que tocaría revisar eses dous parágrafos de introdución (que acaban por ocupar arredor do 25% do espazo vertical do mapa) e tamén algo dentro das ventás emerxentes. Nestas funcionaría ben espaciar algo os parágrafos para facilitar a consulta/lectura. Ben traballado!