top of page

Os carburantes, os novos produtos de luxo do século XXI


O aumento sen pausa dos prezos dos combustibles fósiles ao longo do 2022 provocaron unha sensación de incertidume con respecto do futuro desta situación

Prezos dos carburantes nunha gasolineira de Repsol. La Vanguardia


O estalido da guerra en Ucraína supuxo un cambio enorme no paradigma do comercio internacional. E unha das partes máis afectadas é a dos combustibles fósiles. Antes da fin das restricións de mobilidade pola pandemia da covid nos anos 2020 e 2021, o prezo dos carburantes chegou a rebaixar o umbral do euro. Mais coa recuperación dos movementos habituais, o aumento da demanda dos combustibles produciu un incremento dos seus prezos. A invasión rusa de Ucraína foi o detonante para que os carburantes tocaran máximos históricos nos seus custos. Rusia é unha das principais exportadoras de barrís de Brent – crú de petróleo para transformar en gasóleo –, pero co veto ao comercio con produtos do país soviético, os prezos dos combustibles escalaron ata niveis insospeitados.


Aínda que a partires do mes de xuño o prezo do barril de Brent foi diminuíndo paulatinamente, os carburantes non teñen unha relación de proporción directa en canto aos seus prezos. A Asociación Española de Operadores de Produtos Petrolíferos (AOP) explica que o prezo final depende das cotizacións da gasolina e do gasóleo nos mercados ao por maior de referencia. No caso español, estes son o do Mediterráneo e o do Norte de Europa, que se moven en dólares, polo que o cambio de divisa é un factor influínte. Ademais das cotizacións, hai que sumarlle aos carburantes os custos de produción, distribución e comercialización, xunto cos impostos que se lle apliquen e outros custos asociados – mantemento das reservas estratéxicas e a aportación ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética.

No caso de España, non todas as provincias sofren a escalada dos prezos do mesmo xeito. Isto está relacionado coa propia estrutura do mercado de cada provincia ou autonomía, segundo explicou nunha entrevista o portavoz da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) de España, Enrique García. Tendo en conta cada unha destas estruturas, se nunha provincia comezan a aparecer gasolineiras máis baratas, o resto tentarán imitar o seu modelo de negocio para poder ser o máis competentes posible. Pola contra, se non hai estacións de servizo que tiren dos prezos cara abaixo, estes non se van reducir. O Estado non decide o prezo do petróleo pero si a cantidade de impostos que se lle aplican a este. A propia OCU creou un buscador das gasolineiras máis baratas preto do punto que o usuario desexe buscar, para poder repostar e atopar os mellores prezos de xeito sinxelo.




O "Decreto anticrise": o parche contra a inflación descontrolada


A constante subida dos prezos dos carburantes comezou a crear unha situación de inestabilidade e de malestar entre todas as persoas que precisan dos seus vehículos para poder desprazarse. Esta situación traduciuse nunha redución do consumo dos carburantes e nunha recarga mínima dos depósitos, sendo cada vez menos as persoas que deciden encher os depósitos dos seus vehículos. Ante o desatado crecemento da inflación, o Estado decidiu crear un “Plan de resposta” chamado o “decreto anticrise”. Dito plan conta cun presuposto de 16.000 millóns de euros, para ofrecer rebaixas e axudas para os combustibles ademais doutras medidas. Isto supón un desconto de 20 céntimos por litro repostado, que nun primeiro momento permanecería vixente dende o 28 de abril que se estableceu esta medida, ata xuño do mesmo ano, mais esta rematouse prorrogando ata o 30 de decembro do 2022.


A eficacia deste subsidio público é bastante cuestionable, xa que os prezos dos combustibles continúan por riba dos niveis que tiñan co comezo da guerra. Estas axudas, agora reducidas, quedaban practicamente anuladas pola constante subida dos prezos dos carburantes, aínda que o prezo do barril de Brent foi rebaixando o seu prezo, como amosan os datos do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico.



Medidas ante as presións do sector dos transportes


Mentres os prezos dos combustibles continúen á alza, todos os ámbitos da economía se verán afectados por un mesmo motivo: o sector dos transportes. O malestar entre os traballadores deste grupo, tanto no transporte por estrada, aire ou mar, púxose de manifesto mediante unha folga que durou 20 días e causou o desabastecemento de produtos básicos en tendas e supermercados. Estas protestas estiveron motivadas polo malestar entre as xentes do sector, xa que non eran capaces de sufragar os custos do carburante cos servizos que ofrecían, polo que pediron solucións ao Estado.


Para tentar paliar esta situación, o Goberno firmou un acordo co Comité Nacional de Transporte por Carretera (CNTC), que suporía un aforro do 14% sobre o prezo neto que os transportistas estaban a pagar no momento no que este paquete de axudas foi aprobado, a finais do mes de marzo do pasado ano. Segundo explicou o Sindicato de Técnicos de Ministros de Hacienda (Gestha), este acordo inclúe unha dedución do IVE do carburante consumido, xa que afecta plenamente ao vehículo para o desenvolvemento da actividade. Así mesmo, os transportistas obterán a devolución parcial do imposto sobre hidrocarburos, de maneira que só tributarían o mínimo estipulado pola Directiva europea, de 33 céntimos por litro. A estes factores engádeselle o desconto de 20 céntimos por litro acordados entre o Goberno e as patronais do sector.


As gasolineiras low cost: a solución para aliviar os petos


A resposta aos aumentos desorbitados dos prezos dos carburantes, é a busca das opcións máis económicas. O auxe das gasolineiras low cost é unhas das principais apostas dos cidadáns á hora de encher os depósitos dos seus vehículos. As principais incógnitas que moitas persoas teñen sobre estas novas franquicias é a súa calidade. Que teñen, ou máis ben, que non teñen estas áreas de servizo? As gasolineiras low cost caracterízanse por ser autoservizo, non dispoñen de aseos ou dunha tenda na que mercar produtos básicos. Ao cortar en persoal e servizos que só aportan máis custos, estase a aforrar unha importante parte do presuposto á vez que se implementa un novo modelo de negocio.


Gasolineira low cost. Neomotor


En canto á calidade do produto, a única diferencia entre os carburantes de cadeas de gasolineiras máis famosas e as low cost, son os aditivos que se lle engaden ao produto. Estes son os que fan que os prezos se eleven máis ou menos, xa que tamén son os factores diferenciais. Nas estacións de servizo low cost, os carburantes non levan ningún tipo de aditivo, o que fai que o produto se abarate ao non ter ningún extra que mellore a súa calidade ou engada extras para o coidado do motor do vehículo.


Ante a continua subida dos prezos dos carburantes no mercado, sen ver ningún tipo de alivio para os usuarios, as gasolineiras low cost son as opcións máis buscadas e que máis éxito están tendo a día de hoxe no mercado. Sen dúbida, unha nova forma de negocio que marcará as pautas a seguir no sector dos combustibles fósiles dos vindeiros anos.







1 comentario


Facémolo rápido e comezamos pola nota, que é un 10 para este proxecto. O conxunto proposto é ideal, está ben escrito e hai unha moi boa integración dos elementos gráficos. Estes elementos gráficos, ademais, están perfectamente elaborados e funcionan de xeito ideal. Ademais, hai un traballo excelente coa cor ao longo de todo o proxecto. Só me queda felicitarte, pois é un peche excepcional para esta materia. Noraboa!

Me gusta
bottom of page