O teito de cristal: o inimigo do ascenso profesional feminino
- iriafernandezcalvo
- 12 ene 2023
- 3 Min. de lectura
A pesar dos avances da loita feminista, continúan existindo notables diferenzas entre a presenza de mulleres e de homes en altos cargos, o que evidencia a dureza desta barreira invisible aínda presente nas sociedades actuais
Sen dúbida, a histórica loita feminista acadou moitos logros nos últimos anos. Un dos máis evidentes correspóndese coa maior visibilización de todas as problemáticas desembocadas dunha estendida ideoloxía machista. Entre elas, a existencia do denominado teito de cristal, que dificulta o ascenso profesional das mulleres.

Manifestación feminista na praza de Trafalgar Square, en Londres (Reino Unido). Foto: Giacomo Ferroni (Unsplash)
O certo é que, a día de hoxe, este tipo de cuestións están moi presentes no debate social. En especial, cando saen á luz datos como os publicados polo Índice de Igualdade de Xénero (GEI) na súa edición do 2022, no que se aportan porcentaxes que indican as avultadas diferenzas entre ambos xéneros. Por exemplo, tan só o 7% das persoas que alcanzaron postos de dirección executiva (CEOs) son mulleres. De feito, só se alcanza a paridade cun 50% de ocupación en cargos de nivel básico.
O teito de cristal tamén se deixa ver en España
O Instituto Nacional de Estatística (INE) analizou a cantidade de homes e de mulleres que ocupaban cargos de distinto nivel no ano 2021. Deste xeito, demóstrase unha vez máis que, na sociedade actual, o xénero feminino conta con menos posibilidades de prosperar no que respecta á vida profesional. Vense obrigadas a romper cun teito de cristal que lles coloca moitos máis obstáculos no camiño.
Segundo Oxfam Intermón, unha organización non gubernamental que traballa contra as desigualdades sociais e económicas no mundo, estas son algunhas das barreiras coas que se atopan as mulleres: o feito de asociar os homes ao xénero competitivo, o reparto desigual das cargas familiares, políticas de empresa pouco inclusivas e os prexuízos acerca da súa falta de aptitudes para exercer como líderes. Todo isto tradúcese nunha pirámide que lle pon o camiño máis doado aos varóns.
Ademais, a ideoloxía machista no traballo non se reduce exclusivamente á existencia do teito cristal, senón que tamén aparece a través da brecha salarial de xénero. Nun informe de Comisións Obreiras do 2019 indícase que o soldo medio das mulleres debía incrementarse un 24% para equipararse ao dos homes.
Dende o propio sindicato propuxeron unha serie de medidas que contribuirían á erradicación das devanditas problemáticas. Entre elas, traballar cunha maior transparencia en canto aos salarios e en relación aos criterios de promoción, de modo que resultaría máis doado crear plans de igualdade. E, logo, promover medidas de conciliación que fomenten a corresponsabilidade dos homes, ademais dunha maior flexibilidade dos horarios laborais que permitiría dar valorar máis a produtividade da persoa traballadora que o feito de estar presente.
O teito de cristal na política europea
Este teito invisible expándese, por suposto, ao mundo da política. En Europa non hai ningún país que publique datos ao respecto no que as mulleres ocupen, como mínimo, a metade dos escanos dos diferentes parlamentos nacionais. Neste caso, España está preto de acadar a equidade entre ambos xéneros, ao igual que acontece cos países do norte do continente.
Pola contra, os Estados da Europa oriental, o Reino Unido e Irlanda recollen unha diferenza moito máis notable que nos demais territorios. Hungría correspóndese co país que conta con menos mulleres no seu parlamento: un 13,1%. Este conta cunha brecha de xénero -con respecto aos recursos e oportunidades dos que dispoñen- dun 69,9%.
Hai quen di que o teito de cristal ou a brecha salarial non existen, que tan só son escusas. Precisamente por iso, o colectivo feminista ve necesario que ambas cuestións continúen formando parte da súa lista de “puntos pendentes”. Tanto os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística como pola Oficina Europea de Estatítica evidencian que aínda queda camiño por percorrer para acadar a equidade no ámbito laboral.
Hai un bo relato xornalístico e unha moi boa selección dos materiais gráficos. Ademais, estes están perfectamente conectados a través da cor, moi ben utilizada neste proxecto. Como puntos para a mellora sinalaría fundamentalmente a necesidade de de revisar o gráfico de xerarquía. Nel sería máis convinte suprimir ese anel exterior e facer que eses datos fosen os que lle dan tamaño (size by) ao nivel anterior (Mulleres/Homes). Así non todos os sectores terían o mesmo tamaño, pois non teñen os mesmos datos.
Fóra dese detalle só queda dicir que está todo moi ben traballado. Noraboa!