O complexo panorama da pesca local galega
- Elena García
- 20 ene 2023
- 4 Min. de lectura
O sector primario galego está a vivir un momento de recesión a varios niveis, motivado tanto polo novo marco europeo lexislativo enfocado ao ecoloxismo como polas dificultades propias dun tecido laboral conformado por pequenas empresas familiares. As asociacións e entidades pesqueiras guardesas realizan un percorrido polos detalles deste novo panorama.

Ata as últimas décadas so século XX, a práctica totalidade das vilas costeiras galegas baseaban a súa economía na pesca, dedicándose unha boa parte da súa poboación ao mar dun ou doutro xeito. Aínda na actualidade, na maioría das familias destas localidades inclúese cando menos un armador, un mariñeiro, un vendedor de peixe, un mariscador ou unha redeira, ben sexa en activo ou xubilados.
Porén, o sector primario foi perdendo moita forza fronte ao terciario, e a economía destes pobos comezou a enfocarse cara á hostalaría, a restauración e o turismo de sol e praia, ao tempo que o número de buques pesqueiros foi decrecendo en cada localidade. É o caso de pobos como A Guarda, situada na desembocadura do río Miño, que durante a meirande parte da súa historia baseou o seu modelo produtivo no mar.
Segundo a Consellería do Mar, nesta vila de 10.000 habitantes hai na actualidade inscritos arredor de 75 buques pesqueiros de distintos tipos, unha cifra que confirma esta caída do sector pesqueiro: os membros da confraría local lembran unha frota que chegaba ao centenar de embarcacións ao finais do século pasado, cando a maioría dos mariñeiros faenaban en Marrocos.
Consecuentemente, os datos recollen igualmente unha significativa baixada nas vendas da lonxa guardesa, aínda que a recadación non se reduciu ao mesmo nivel:
Este contexto de crise palpable no sector percíbese así na confraría de pescadores da Guarda, que recentemente reduciu o seu número de socios en case 50 persoas, agrupando agora a uns 130 traballadores do mar asociados. Así, o pasado mes de novembro deuse o cambio correspondente da directiva da asociación, e o novo patrón maior, Rubén Adrover, asumiu o posto decidido a introducir melloras no desenvolvemento deste oficio, por exemplo tratando de atraer máis compradores.
“A maioría das embarcacións venden agora en Vigo e noutros portos, porque hai determinadas especies que se traballan en grandes cantidades para as que non hai tanta demanda na Guarda”, indica Adrover, explicando ese dramático descenso nos rexistros de vendas da lonxa miñota.
O mariñeiro razoa tamén a constancia nos niveis de facturación. “O que queda na vila é peixe de moi boa calidade, e os compradores que hai púxano ben porque o necesitan”, apunta o patrón maior guardés, que sinala a importancia da restauración: “Cando hai peixes escasos pero con moito valor gastronómico, o prezo sube moitísimo, algo que se nota sobre todo no verán”.
O novo líder da confraría guardesa concorda co desafío que supón a falta de mariñeiros entre a mocidade. “Non é un oficio tan agradecido á hora de deixarse de pais a fillos como podía ser noutrora, cando non había un acceso tan doado a outro tipo de estudos”, explica Rubén Adrover, quen opina que é un traballo moi vocacional e moi duro, pese aos avances nas súas condicións que se deron nos últimos tempos.
Con todo, dende a confraría amósanse optimistas, xa que a medida de idade dos seus socios é baixa, entre os que mesmo se atopan mariñeiros na vintena que veñen de mercar novas embarcacións. “Non pensamos que sexa máis complicado que antes manter ben o noso oficio, porque sabemos que é unha cousa moi necesaria: ter peixe fresco é comparable con ter leite diario”, conclúe o novo patrón guardés.
Este optimismo compártese en ORPAGU, a Organización de Palangreiros Guardeses, fundada nos anos 90 polos mariñeiros da confraría dedicados ao palangre de superficie, e que a día de hoxe é a asociación máis importante de Europa desta arte pesqueira. O seu presidente, Joaquín ‘Balueiro’ Cadilla, comparte esta visión sobre o futuro local: “O peixe costeiro como o que hai aquí ten unha enorme calidade e é para mercados coma este, e non van vir frotas estranxeiras a pescalo”.
Precisamente, a competencia foránea é o principal problema que están a atopar os mariñeiros da asociación, dedicados á pesca internacional. Cadilla conta que, se ben a frota guardesa non foi a que máis minguou en Galicia, a nivel europeo a situación é crítica: “A frota propiamente europea reduciuse, pero dende o punto de vista dos océanos estase pescando máis que nunca, principalmente por parte de buques chinos e outras frotas estranxeiras que non sofren tanto o control internacional que as OROPS das Nacións Unidas regulan sobre a nosa pesca”.
É dicir, para o presidente de ORPAGU, a Unión Europea está a abandonar a produción pesqueira para adoptar unha posición compradora, dependendo de frotas como as asiáticas. Países como China, Xapón ou Corea do Sur pertencen ás asociacións internacionais de control, pero contan coa liberdade como para opoñerse a toda medida medioambiental enfocada a reducir a produción, e así adoitan facelo, como relata Joaquín Cadilla. Así, estes buques estranxeiros poden pescar maiores cantidades e con maior rapidez, causando un efecto sobre o ecosistema mariño moito máis nocivo que a pesca europea.

Con todo, o éxito da asociación no local e comarcal é palpable, xa que de forma pioneira vén de abrir unha nova planta conserveira e frigorífica en Tui, inspirada na tradición familiar de elaborar pequenas conservas de peixe e alimentos marítimos que moitos socios palangreiros lembran da súa infancia. Trátase dun proxecto vital para o afianzamento da empresa como entidade creadora de emprego no Baixo Miño, que conta co apoio da Unión Europea e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e na que Joaquín Cadilla depositou moito esforzo e ilusión. “É un salto cualitativo tremendo para nós, que é imprevisible saber a onde nos levará, pero si que sabemos que canto mellores ferramentas teñamos, máis posibilidades teremos de sobrevivir”, conclúe.
Neste momento de vital importancia para a supervivencia da pesca local, na Guarda persisten múltiples iniciativas que traballan por manter a vida mariñeira na vila, tanto a nivel económico como cultural:
En xeral, se ben o sector primario está a vivir as súas horas baixas, son as vilas como A Guarda as que o manteñen vivo e nas que segue a ser o piar fundamental que sustenta a súa actividade laboral e económica. A pesca e a vida mariñeira poden estar nun momento de dificultade, pero os seus actores indican que está moi lonxe da súa desaparición.
Realmente está todo perfecto o conxunto é magnífico e hai unha moi boa integración dos elementos gráficos, que son pertinentes e están perfectamente traballados. Os únicos puntos que sinalaría como necesarios para a revisión sería seguramente tentar reducir o subtítulo dos gráficos, que é algo longo e, en menor medida, tamén axustar a gama de cores entre o primeiro e o segundo gráfico (aínda que no mapa tomas as tres cores). Fóra destes dous pequenos detalles é todo magnífico! Noraboa!