top of page

O acoso e castigo á diversidade: os delitos de odio

O acoso e violencia cara as minorías é unha realidade profundamente arraigada e normalizada na nosa sociedade, e ven retroalimentada por factores como o silencio institucional ou a violencia simbólica.

Manifestación do Orgullo 2022 en Madrid / Luca Piergiovanni para EFE

“Un delito de odio é calquera infracción penal, incluíndo infraccións contra as persoas ou as propiedades, onde a vítima, o local ou o obxectivo da infracción se escolla pola súa, real ou percibida, conexión, simpatía, filiación, apoio ou pertenza a un grupo baseado nunha característica común dos seus membros, como a súa raza real ou perceptiva, a orixe nacional ou étnica, a linguaxe, a cor, a relixión, o sexo, a idade, a discapacidade intelectual ou física, a orientación sexual ou outro factor similar”.


Esta definición de delitos de odio foi elaborada pola Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa no ano 2003. 20 anos despois, segue figurando como definición oficial de delito de odio no portal web do Ministerio de Interior do Goberno de España. Ante isto, xorde unha gran cuestión: seguen sendo o contexto e situación dos delitos de odio os mesmo hoxe en día que no 2003?

O rexistro dos delitos de odio para a súa categorización e reconto non comezan por parte da administración española ata o 2013. Dende ese momento ata hoxe, obsérvase un aumento significante na cantidade de agresións rexistradas. Porén, son cifras que veñen afectadas por unha serie de circunstancias a ter en conta. Unha delas, e como advirte Pablo Zas, técnico de igualdade na Asociación pola Liberdade Afectivo-Sexual de A Coruña, resulta que “o aumento do número de delitos de odio no rexistro non quere dicir que se perpetúen máis, senón que a xente decide máis denunciar ou acudir a asociacións como nós”.


Unha violencia invisible

Agresión verbal por redes sociais a unha vítima anónima / Samuel Blanco

Outra das circunstancias que introducíamos anteriormente é o feito de que a maior parte dos delitos de odio forman parte do que Patricia Freire, educadora social e activista pola igualdade, define como violencia simbólica, unha “que non se rexistra, que se pasa por alto”. Para ela, “a invisibilidade tamén é un tipo de violencia, co que non se adoita contar. Se existen discriminacións, tanto físicas como verbais, en persoa ou a través das redes sociais, e non se rexistran, o que se consigue é perpetuar a violencia e cronificala”. Con isto, Patricia refírese a todos os delitos de odio que non veñen denunciados, ben por parte das vítimas ou dunha desatención institucional.



Outro dos motivos polos cales moitas vítimas de delitos de odio deciden non interpoñer unha denuncia é un descoñecemento de que facer. Pablo Zas destaca que “moita xente non sabe nin a que corpo de seguridade debe acudir para poñer a denuncia, que sería a Policia Nacional para as cidades e a Garda Civil no resto de lugares. A Policía Local non ten nin sequera competencias en materia de delitos de odio, polo que denunciar aí non serviría de nada”. Tanto el como Patricia Freire afirman que é necesaria unha campaña de concienciación máis efectiva para que as vítimas coñezan os seus dereitos como persoa e as obrigas que teñen as institucións para protexelas.


O asociacionismo


Pablo Zas, técnico de igualdade de ALAS A Coruña / Samuel Blanco

As asociacións ou organizacións pola defensa dos dereitos das minorías e dos colectivos supoñen un recurso moi efectivo para as vítimas dun delito de odio. Na súa meirande parte, estas organizacións dedícanse a ofrecer apoio e axuda as vítimas, como por exemplo un acompañamento en calquera dos procesos de denuncia ou un asesoramento legal. Moitas delas levan tamén a cabo campañas de concienciación e moito activismo a través das redes sociais ou de manifestacións, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos colectivos.


Ademais, asociacións como ALAS A Coruña, SOS Racismo, o Secretariado Gitano ou a EAPN (Rede Europea contra a Pobreza) elaboran informes sobre a súa actividade co obxectivo de contabilizar e visibilizar as agresións. ALAS A Coruña elabora o Observatorio Coruñés contra a LGBTIfobia (non obstante o seu nome, rexistran datos de toda Galicia e doutras asociacións que llos ceden), que rexistrou no 2021 unha suba do 76% nas asistencias ofrecidas (201 persoas). Por outra banda, SOS Racismo publica cada ano un Informe sobre o racismo no Estado Español. Entre os datos do 2022, atópanse 523 casos de racismo, 211 dos cales foron rexistrados en Galicia. Tamén, a EAPN, na súa Memoria de Actividade do 2021, destaca 17 actividades de inclusión social na que participaron 481 persoas. Finalmente, o Secretariado Gitano, no seu Informe Anual 2021, rexistrou 503 vítimas de discriminación racial atendidas en toda España.

A educación é a solución


O groso do sector do activismo en materia da defensa de dereitos dos colectivos considera a educación como a solución máis efectiva para erradicar os prexuízos e o odio que provocan a desigualdade e violencia cara as minorías. Patricia Freire, dende a súa perspectiva de educadora social, considera que “a pesares de ser moi necesaria, a educación en igualdade, a afectivo-sexual ou incluso programas interculturais ou de diversidade funcional non están incluídos no noso sistema educativo”. Ademais, a lei autonómica non favorece a inclusión deste tipo de educación.


En Galicia existe a Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais, que contempla unha ampla baralla de liberdades e dereitos. Porén, dende ALAS denuncian que “esta lei fai solo recomendacións. Se no seu lugar obrigase a levar a educación en igualdade aos centros, o alcance do noso traballo e o de moitas outras asociacións chegaría moito máis lonxe”.


Patricia asegura que “o sistema educativo quítase a responsabilidade totalmente e relega esta educación ás familias, que en moitos casos tampouco a teñen. É por iso que a educación nestas materias debería darse tanto aos profesores e ás familias como ao alumnado, canto máis pronto mellor. A maior parte das charlas danse na secundaria, e entón xa é demasiado tarde para conseguir algún cambio”. Para ela, é necesaria a presencia de educadores sociais nos centros, como un enlace entre os mesmos e todos os temas en materia de igualdade e dereitos.


É por estes motivos que aínda queda moito traballo por cubrir e avanzar para acadar a igualdade plena e a inclusión social de todos os colectivos e persoas que a día de hoxe seguen sufrindo a causa de discriminacións e prexuízos.





1 comentario


Moi ben traballado. Hai un moi bo relato dende o terreo da narración xornalística e tamén están moi ben integrados os materiais gráficos, que son pertinentes e están ben presentados.


O primeiro gráfico está perfecto e o mapa tamén. Na infografía habería que revisar a posición deses elementos do primeiro bloque que van entre comillas e tamén a posición das porcentaxes dentro dos cadros azuis, que non seguen unha norma de posición homoxénea.


Moi bo traballo! Noraboa!

Me gusta
bottom of page