top of page

Galicia, a comunidade autónoma coa taxa máis baixa de xóvenes activos

A situación da mocidade galega complicouse na última década, que cada vez acceden a menos contratos e a maioría deles temporais


Imaxe de: Fernando Lugo Méndez. Protexida baixo a licencia CC BY-NC-SA 2.0


O emprego xuvenil baixa na maior parte das comunidades españolas, entre as que destaca Galicia, que, segundo os datos do INE, presenta un descenso de 1,21 puntos no ano 2021 respecto do 2020. A mocidade galega, cun 24,78% de taxa de actividade, vive a situación máis complicada do Estado, ao estar no posto número 1 como a comunidade autónoma de España coa taxa de actividade de xente nova máis baixa. Pero que entendemos cando nos referimos á “taxa de actividade da xente nova”? Neste caso concreto que analizamos falamos de persoas menores de 25 anos que se atopan traballando ou nunha busca activa de emprego.


Cataluña ten un taxa de actividade superior en 22 puntos á de Galicia

Da outra cara da moeda sitúanse Cataluña e Madrid, como as dúas comunidades con máis taxa de actividade xuvenil, rexistrando un 42,54% e un 38,06% respectivamente. E neste sentido son múltiples os factores que poden explicar a gran diferenza das principais urbes españolas cos territorios do norte, como Asturias, Galicia e Cantabria, que non superan o 30% de taxa de actividade na mocidade. Pero ainda así, a situación afecta a toda España e incluso a Europa, converténdose a baixa empregabilidade xuvenil nun problema global dende o ano 2007, co comezo da crise financieira.



EMPREGO PRECARIO


A problemática tamén se acentúa cando falamos das condicións do emprego xuvenil, pois na última década, ademais de reducirse notablemente o número de asalariados menores de 30 anos, aumentan os contratos temporais fronte aos contratos indefinidos, e polo tanto, a calidade dos postos de traballo e de vida da mocidade experimenta un gran cambio, e neste caso a unha situación significativamente peor. Os datos do IGE demostran que o número de asalariados xóvenes (neste caso entre 16 e 34 anos) se reduciu do 2011 ao 2021 en máis de 80.000 persoas, pasando os contratos temporais a superar aos indefinidos.


O equipo de investigación Fundación Novia Salcedo, xa sinalaba no ano 2013 as múltiples variables que se engaden á crise económica para explicar a situación do emprego nos máis novos. “A sobreeducación e o exceso de competencias coexisten coa subeducación e a escaseza de competencias, e cada vez máis co desgaste da formación adquirida por causa do desemprego de longa duración”, aseguraban. O que nos permite establecer unha conclusión: canto máis se forman teñen acceso a menos postos de traballo. O que non quere dicir que a formación non sexa necesaria, senón que deben formular que nivel de educación precisan chegar para o posto que queren ocupar, podendo incrementalo a posteriori ao especializarse na labor concreta que desenvolvan.


“Comecei cobrando 600 euros e dependendo de meus pais para poder vivir na mesma cidade na que traballaba"

E que se lles ofrece hoxe en día aos mozos? Contratos estacionais, máis precarios e en condicións moito peores ás do resto dos traballadores. Condicións que se rematan por aceptar en busca de independencia económica, “comecei cobrando 600 euros e dependendo de meus pais para poder vivir na mesma cidade na que traballaba”, narra Jeanette Fernández, unha moza de 29 anos que agora leva 7 anos na mesma empresa na que conseguiu o seu primeiro traballo, pero que para alcanzalo tivo que aceptar condicións precarias.


“No meu caso comecei cunha beca que pagaba o meu soldo e repercutía un beneficio económico para a empresa”, narra Jeanette. E nese sentido podemos sinalar outra variable que afecta aos mozos: a contratación a través de bolsas ou por subvencións que as empresas reciben do Estado. Onde tamén entran en xogo as prácticas, moitas delas non remuneradas, que acaban influíndo no desenvolvemento do empregado a longo prazo. Así o sinala un estudo realizado no Reino Unido que asegura que “a maioría dos graduados que inician a súa vida laboral sen un bo ingreso, serán peor pagos ao terminar a súa carreira que os que empezaron directamente a traballar”.


ESTRATEXIAS PÚBLICAS


Pero para mellorar esta situación as administracións públicas comezaron anos atrás a desenvolver estratexias en múltiples direccións, entre as que destaca, por exemplo, o Plan de Garantía Juvenil. Un proxecto cofinanciado polos Fondos Europeos e impulsado no noso país polo Ministerio de Traballo, que cada comunidade xestiona e leva a cabo no seu territorio.



Pero como funciona o Plan de Garantía Xuvenil? Como un intermediario entre as empresas e os mozos para que estes últimos consigan traballo á vez que os empresarios reciben incentivos económicos por contribuír a mellorar esta problemática da sociedade e o mercado laboral actual. Nese sentido, os mozos entre 16 e 29 anos que non se atopen traballando nin estudiando, poden darse de alta no sistema para así ter acceso a ofertas de traballo, formacións e axudas ao emprendemento.


E pola súa parte, as empresas tamén poden rexistrarse para acceder a múltiples bonificacións por contratar xente nova. Uns beneficios económicos que chegan cando se formalizan contratos temporais cunha duración superior a 6 meses, e que se aumentan se eses contratos son indefinidos ou se se converte un contrato temporal en indefinido. Sen esquecerse dos incentivos á realización de prácticas, que á vez que ofrece a posibilidade aos mozos de adquirir experiencia, tamén o fai a nivel de formación e especialización en labores determinadas.





1 comentario


A corrección vai ser sinxela, pois case non hai nada que corrixir. O relato xornalístico é excelente e a contribución dos gráficos a este é perfecta. Ademais, a nivel de traballo coa cor está de 10 e a programación dos gráficos tamén é perfecta. Tan só sinalaría algo tan pequeno como a posibilidade de poñer o espazo de visualización de Datawrapper en galego. Fóra diso, de 10! Noraboa!

Me gusta
bottom of page