De aro a aro: mapa dos principais equipos galegos de baloncesto
- argizeva
- 6 dic 2022
- 2 Min. de lectura
Nesta práctica recollín os principais equipos galegos de baloncesto situados no mapa seguindo como criterio o seu lugar de xogo (que non sempre se corresponde co lugar de onde é o club, como no caso do Obradoiro Ames de Liga EBA). Os principais equipos galegos, é dicir, femininos e masculinos que na actual tempada 2022-2023 militan nas tres primeiras categorías do baloncesto con algunha representación galega, tanto do baloncesto masculino (ACB, LEB Ouro e Liga EBA - xa que en LEB Prata neste ano non hai equipos galegos) e femininos (LF Endesa, LF Challenge, LF2); categorías que, incluíndo LEB Prata, son as consideradas "profesionais" pola Federación Española de Baloncesto.
A ubicación dos puntos no mapa foi doada, xa que os lugares de xogo soen estar ben localizados en Google Maps, polo que as dificultades viñeron doutras cuestións. Por unha banda, a confluencia dos dous equipos lucenses (Breogán e Ensino) no seu campo de xogo, o que facía que na representación, só aparecese un equipo en Lugo. A solución foi darlle un tamaño diferente ó símbolo para sinalar os equipos (a icona do balón de baloncesto que, en función da categoría, ten unha cor no mapa).
Outra das dificultades foi conseguir que os escudos se adaptasen ó pop-up, xa que ao telos en formato .png (para evitar que cada un fose cun fondo distinto e ao mesmo tempo, que tiveran mellor calidade) cada un era dun tamaño e non se axustaba a esa fiestra emerxente, polo que quedaban ou ben recortados os escudos, ou ben desproporcionados. A solución foi axustar no código esa proporción de ancho por alto, que non custou precisamente pouco descubrir.
En canto á elección de cor da lenda, responde a un criterio de semellanza á cor habitual coa que se relaciona o baloncesto e o balón do mesmo: o laranxa.
Os datos recollidos son os "esenciais" para alguén que pode acudir a buscar información rápida dun club, como pode ser a división na que milita ou o seu campo de xogo. Información esquemática que se adapte ao consumo dun pop-up e á vez, este remite ás páxinas web do equipo en cuestión, polo que quen quixera, podería afondar máis na información do mesmo.
Xa para concluír, un par de reflexións. Primeiramente, destacar como a representación galega na máis alta competición do baloncesto - tanto feminino como masculino - está ben surtida (dous equipos masculinos na máxima categoría, e un feminino, por exemplo), algo que lle queda moi lonxe ó fútbol e que, porén, levanta moita maior paixón.
Por outra banda, destacar como no mapa se pode apreciar como a gran concentración de equipos se sitúan na costa oeste, provincias de A Coruña e Pontevedra; tal e como ocorre coa distribución da poboación e da actividade económica. Dito doutro xeito, o mapa do baloncesto podería reflectir tamén o mapa da complicada situación da Galicia rural, da Galicia interior.
43.57654550657513, -7.269896575782031
Isto que vai aquí arriba son as coordenadas do Pavillón Torques de Marzán, casa do CB Celtas de Foz, con máis de 40 anos de historia no baloncesto galego! Pero, bueno, queda moito traballo para poder volver a saír nun mapa coma este.
Xa fóra de bromas, hai moi pouco ou case nada que dicir. O traballo está perfecto de programación e de contido. Como (mini)punto para a mellora sinalaría só a posibilidade de retirarlle o fondo a algúns escudos como o do CB Chantada ou o do Celta Baloncesto. Estes fondos están en branco e nótase a diferenza co que sería o fondo da ventá emerxente. Pero só iso, pois polo demais está perfecto. Noraboa!