Crime e castigo: taxa de criminalidade en España e prisioneiros en Europa
- M VL
- 29 dic 2022
- 4 Min. de lectura
Para esta 4ª infografía fixen dous gráficos relativos á xustiza. Primeiro, un gráfico de dispersión que recolle o número de delitos por cada 1000 habitantes en cada unha das CCAA españolas; e, segundo, un gráfico de xerarquía que amosa o número de persoas encarceradas por crimes graves en 4 países europeos.
Esta temática non foi a miña idea inicial, xa que quería facela sobre migración. Pero variei de tema varias veces (datos sobre a comunidade LGBT, salarios dos sanitarios e cifras de emigración destes a outros países, prezos dos pisos e soldos medios...), e non atopaba a información que quería, ou cando atopaba algo que me interesaba, non se correspondía ben coa outra fonte de información. Finalmente decidinme por este porque me parecía que funcionaba ben xunto e era manexable.
Para o deseño, escollín estes formatos porque me parecía que permitían organizar ben a información e eran lexibles/comprensibles. Tamén escollín a cor primeiro do scatter, e despois apliquei esta cor e outras cores que fosen neutrais a esta para o gráfico de xerarquía. Gustábame o vermello, e ademáis (de forma moi simplista) asocieino enseguida co punitivo. Non quixen usar cores moi fortes ou dispares para non distraer, pero si que usei un azul para a táboa de evolución dos popups, para distinguila e resaltala.
Tiven varias complicacións ademáis dese problema de cambiar o tema. Tiven que refacer varias cousas e modificar datos pola orde na que estaba a información no gráfico, o formato de numeración, buscar información que encaixase ben nunha unidade... (por exemplo, un dato dentro do gráfico de dispersión: a porcentaxe de persoas que declaraban vivir delincuencia na súa zona. Foi complicado atopar algo que cadrase ben coa información base e que non usase unha unidade moi diferente.) Creo que finalmente o traballo resultante foi bo, aínda que quizais me gustaría que tivese saído mellor.
Outra cousa que non rematou de encantarme foi que non podo hilar tan ben como quería unha coa outra. Teñen relación e poderían estar perfectamente na mesma noticia, pero quería poder comparar o número de presos e o índice de criminalidade respecto ao mesmo tipo de crimes (porque distan moito os roubos dos asasinatos, por exemplo) e non fun capaz de atopar táboas mellor avenidas. Creo que encaixan, pero preferiría ter atopado outros datos tamén. Ademáis, tiven que empregar os datos de 2020 porque era o ano máis recente que fose común a todas as táboas.
Para este traballo usei varias táboas de datos de dúas fontes: o INE e Eurostat. Aquí abaixo deixo as táboas que usei, e en cada gráfico están enlazadas estas fontes (a súa versión online) cun link.
Criminalidade en España e en Europa
No ano 2020, a nivel español, se produciron 37,3 delitos/faltas por cada 1000 habitantes (o que se chama taxa de criminalidade). Non é unha cifra particularmente alta. Esta varía dependendo da CCAA; por exemplo, Melilla foi a autonomía española con máis delitos por cada 1000 habitantes, con 53, seguida das Illas Baleares con 49,2. A taxa de criminalidade en Galicia foi de 27,2. A taxa máis baixa de España osténtaa Extremadura, cun 23,6.
Porén, como se indica na táboa inserida dentro dos popups, estas cifras antes eran maiores, e tiveron un baixón en 2020, seguramente motivado pola pandemia. Antes, dende 2011 houbera baixadas e subidas, pero dentro dunha estabilidade.
(Por algunha razón, deixoume modificar ben o ancho da táboa, pero non o alto. Perdón se as liñas están demasiado xuntas, parece que ten como un bug e se queda pillado cando lle modifico as dimensións aquí.)
Sabemos entón unha cifra de delitos cometidos, pero sabemos cantos presos hai en España?
Eurostat recolle o número de persoas encarceradas por país e por ano, por tres crimes graves: homicidio intencionado, violación e abuso sexual. E neste gráfico recollemos todos os presos, homes e mulleres, no cárcere por un destes tres crimes - de 4 países de Europa cunha poboación notoria: Polonia, España (que nos interesa persoalmente, ademáis para conectalo coa taxa de criminalidade antes mencionada), Francia e Alemaña, en orde de poboación.
O número de habitantes de cada país aparece rexistrado, para contextualizar a información. Por exemplo, Alemaña é o máis poboado destes tres países (máis de 83 millóns de persoas), pero ten un número similar a España en canto a homes presos por homicidio, cando España ten 47 millóns de habitantes.
En todas as categorías hai máis homes presos que mulleres, por moita diferenza; o máximo número de mulleres presas (desta lista) corresponde ás presas por homicidio intencionado en Francia (523).
Antes que Polonia e Alemaña quixen engadir Italia e o Reino Unido, por ser ambas máis próximas en poboación a España e Francia. Porén, non había datos dos últimos anos de Reino Unido, e de Italia en 2020 só había datos dos presos por homicidio intencionado. Entón escollín outros 2 países que se achegasen relativamente en habitantes a Francia e España.
Engadín a barra para elixir país así estruturada porque me parecía moi fácil de usar e moi directo; só hai que facer un clic.
Datos adicionais
Escollín estes países por facer unha comparativa entre territorios cunha poboación relativamente similar (Polonia e Alemaña distan bastante, pero son dos máis poboados de Europa, aínda así; a maioría son pequenos e máis despoboados). Porén, hai outros países que ostentan cifras moi notorias que non incluín por non desequilibrar excesivamente a balanza.
Romanía, por exemplo, non chega aos 20 millóns de habitantes, pero ten máis presos homes por homicidio intencionado que Alemaña, España e Polonia: 4.764.
Pero o dato máis significativo é o de Turquía. Tamén en número de homes presos por homicidio intencionado, o país, que ronda os 85 millóns de habitantes (algo máis que Alemaña), tería encarcerados por este crime a 36.094 presos (segundo os rexistros de 2020 da táboa de Eurostat). A cifra de mulleres presas por este crime é tamén alta respecto ao resto de datos, con 1.270 presas.
No país eurasiático tamén hai 11.590 presos e 137 presas por violación, e 10.283 presos e 41 presas por abuso sexual. Quería destacalas porque son as cifras máis altas do rexistro; hai que ter en conta Turquía é o país máis poboado desta base de datos. Pero Alemaña, por exemplo, que ten unha poboación relativamente similar, ten moitos menos presos.
Non figura o título do gráfico en ningún dos dous traballos. Este é un elemento que debe formar parte dos traballos, pois moitas veces poden ser tomados de forma illada. Ademais, tampouco temos a autoría no de xerarquía.
No de xerarquía hai un bo traballo cos datos e tamén unha boa presentación. Ademais, o filtro empregado é de utilidade para explorar o conxunto.
En canto ao de dispersión, é correcta a presentación e o traballo cos datos. Tan só habería que axustar un chisco máis a conexión cromática entre o gráfico principal e o que temos na ventá emerxente.