top of page

Cinema galego: un ecosistema por descubrir

O cinema galego vive un tempo especialmente próspero: o éxito de movementos como o Novo Cinema Galego e as novas remesas de promesas do audiovisual parecen garantir unha boa saúde da industria para os vindeiros anos. Raro é o caso de quen non escoitou nunca falar de O que arde (Oliver Laxe, 2019), se é que non foi parte dos milleiros de espectadores que encheron as salas galegas durante as semanas que estivo en exhibición, e moi pouca xente quedou á marxe do éxito de Cuñados (Toño López, 2021), a última comedia de produción galega. Pero, en realidade, que é o cinema galego?



Cinema galego: máis de 50 anos na procura dunha definición


O certo é que non hai unha proposta firme e aceptada por artistas, audiencia e academia sobre o que é e o que non é o cinema galego. Son os filmes en lingua galega? Ou aquelas películas de produción galega? Ou son as obras que tratan temáticas nas que se pode recoñecer unha ‘galeguidade’?


Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989) foi a primeira longametraxe en galego filmada en 35mm

Hai un momento específico que serve para situar o nacemento do cinema galego: 1973, a I Semán do cine, xornadas sobre cinema celebradas en Ourense que reuniron a cineastas, críticos e produtores e serviron de escaparate para a produción galega do momento. Unha das conclusións fundamentais foi a necesidade dun cinema propio que fose instrumento ao servizo do país e da identidade. É dende 1973 cando podemos comezar a falar dun “cinema galego”, que se sabe galego. Pola contra, a etiqueta de ‘cinema en Galicia’ aínda hoxe se emprega para abarcar un amplo espectro de producións que, aínda tendo algunha relación con Galicia, non son consideradas galegas como tal. Pode ser o caso de filmes como Death and the Maiden (Roman Polanski, 1994), filmada en Valdoviño (A Coruña) pero ambientada en Arxentina.


A discusión sobre este tema aínda hoxe segue tirando conclusións moi dispares. Para o cineasta Alberte Pagán, unha das voces máis innovadoras do Novo Cinema Galego, “o novo cinema galego nom fala da Galiza senom que fala desde a Galiza”. No outro extremo, o investigador Brais Romero afirma que “no es ni la financiación, ni la procedencia del equipo ni el idioma del título de la película lo que define a una película como gallega o marroquí: es el fondo, su historia”. Aparecen así dous xeitos radicalmente opostos de comprender o que é e o que non é unha película galega. A conversa continúa activa, e o momento no que se chegue a un punto común parece aínda afastado no horizonte.



Un presente esperanzador


Os últimos 5 anos da produción de cinema galego (2016-2021) están a ser especialmente vizosos, produtivos e innovadores. Esta etapa quedou marcada pola aparición da etiqueta Novo Cinema Galego, coa publicación do artigo xornalístico “2010, o ano do Novo Cinema Galego”, asinado polo crítico Martín Pawley no Xornal de Galicia o 2 de xaneiro de 2010, que auguraba non só un bo ano para a produción galega, senón “o ano máis importante da historia do audiovisual galego”.



En 2019, O que arde converteuse na primeira película en galego proxectada no Festival de Cannes

As tensións na escena da produción cinematográfica galega habitualmente se resumen na dicotomía entre o cinema de vocación comercial e o que carece desta para asumir unha vocación máis artística, unha división habitual na produción cinematográfica. Nos últimos tempos, a tensión entre estas dúas tendencias está a verse avivada na escena galega: debemos procurar que as producións galegas accedan aos circuítos de distribución e exhibición mainstream ou unha escena cinematográfica ás marxes que permita unha produción máis libre?


Pero igual que hai puntos intermedios á hora de definir o cinema galego, neste aspecto tamén existen algúns espazos que se afastan desas dúas tendencias de carácter marcado. Do mesmo xeito, outros formatos do audiovisual están comezando tamén a gañar peso, impulsados polo éxito das plataformas de vídeo baixo demanda. É o caso de series como Hierro (Jorge Coira, 2019-2021), Fariña (Carlos Sedes e Jorge Torregrossa, 2018) ou O sabor das margaridas (Miguel Conde, 2018-2020).


O punto intermedio entre estes dous modelos, a terceira vía, resulta, como o mesmo concepto de cinema galego, complexo de definir con claridade. Os filmes situados neste terceiro espazo son aqueles producidos sen acceder a sistemas de produción tan grandes coma no primeiro modelo pero sen chegar a ser tan experimentais e reflexivos coma os do segundo. Exemplos desta terceira vía son os producidos por Vaca Films (El desconocido, Quien a hierro mata...), filmes que no estético e formal procuran, en certa medida, a innovación e a vangarda pero que tamén procuran unha achega ao gran público.


Nos últimos 5 anos, ata 2021 incluído, estreáronse en salas de exhibición 13 longametraxes de produción galega e filmadas en galego. Salvo Arima (Jaione Camborda, 2019), todas elas están entre os 20 filmes coas cifras de recadación e de espectadores máis altas da historia do cinema galego.




A escena crítica galega


Unha das posibles funcións que se lle presupoñen a quen fai crítica cinematográfica, e aquela pola que apareceu en orixe, é poñer os seus coñecementos para analizar e interpretar unha obra e finalmente ditaminar así o seu valor e interese. Outra posible función estaría máis relacionada coa prescrición: o público confía no criterio persoal de quen fai a crítica e por tanto decide se segue ou non as súas indicacións. A crítica pode ser tamén un apoio para o público, un texto do que se vale para chegar a significados máis profundos do filme e poder comprender mellor a obra e, finalmente, obter un desfrute maior e unha experiencia máis plena. Sexa cal sexa a función básica que se lle recoñeza, a crítica ten un inevitable impacto no seu receptor.


No ecosistema galego de medios escritos, pódense distinguir dúas clases que publican crítica cinematográfica: prensa de información xeral e medios de información selectiva. No primeiro caso están os xornais diarios como Nós Diario ou La Voz de Galicia, no segundo medios como Balea Cultural e Vinte e no terceiro A Cuarta Parede, que se define como “a primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica” e que, ata o momento, é a única. De corte editorial distinto e con, en principio, diferentes intencións cos seus lectores parece natural que aparezan neles diferentes tendencias e actitudes cos filmes dos que se publica unha crítica. O certo é que estas cinco cabeceiras acollen sempre con alegría a aparición dun novo filme galego, publicando textos críticos, comentarios e críticas-evento sobre as estreas. Ademais, o groso das críticas publicadas sobre os filmes máis recente son moi positivas: de 65 textos, só dous son negativos, ambos publicados por Balea Cultural.




E agora que?


Lucía Estévez co Mestre Mateo que gañou pola webserie 'Xan'

O Novo Cinema Galego comeza xa a deixar paso ás novas creadoras que comezan a levantar a súa voz no audiovisual. Aínda é cedo para prever que novos movementos e correntes artísticas ocuparán as pantallas de cinema e as páxinas de crítica dos xornais e revistas galegos, pero cómpre poñer atención a novas autoras como Aldara Pagán, Sol Mussa e Lucía Estévez. Esta nova xeración garante unha nova era para o novo cinema galego que promete ser, como pouco, moi interesante.






1 comentario


O relato informativo é magnífico e, ademais, os elementos gráficos están perfectamente integrados nel, entrando a sumar. Hai un bo traballo coa cor e os gráficos están perfectamente programados, sen fallo ningún. Noraboa!!! Moi ben traballado!!

Me gusta
bottom of page