top of page

A multiculturalidade no Festival de Eurovisión a través dos idiomas

Nos máis de 60 anos do festival da canción, os idiomas foron e son un dos puntos clave deste evento multicultural celebrado en Europa


O Festival de Eurovisión, tamén coñecido simplemente como Eurovisión, vense celebrando dende 1956 no continente europeo. Non só se trata dun festival musical no que cada país que participa está representado por unha canción, senón que se trata dun espectáculo televisivo, escenográfico, de baile e cultural, que causa un gran impacto a nivel mundial.


O festival xurdiu no 1956 como iniciativa da Unión Europea de Radiodifusión (UER) para unir de novo aos pobos europeos tras a Segunda Guerra Mundial. Desde o seu comezo, non só participaron países europeos a pesar do prefixo ‘Euro’ no nome Eurovisión: Marrocos (1980), Israel (desde 1973) e Australia (desde 2015). Isto é posible grazas a que estes países e moitos máis que aínda nunca participaron no festival, poden facelo ao ser membros da UER. Ata o 2022 a maioría dos países europeos participaron no certame ao menos nunha ocasión.



Na primeira edición do festival cada un dos sete países participantes levou dúas cancións. A partir dese ano, cada país pasou a ser representado só por unha canción. Na actualidade non todas as cancións chegan á gran final de Eurovisión desde que se instauraran as semifinais no 2004. Previamente, no 1968 xa se implementara unha semifinal previa debido á gran intención de participación no festival dese ano. Tamén cabe destacar que a edición do 2020 foi cancelada debido á pandemia mundial pola Covid-19, sendo a primeira vez que isto sucedía en toda a historia do festival.


Un dos aspectos que fai tan único e que caracteriza a Eurovisión, é a multiculturalidade que ano tras ano se exhibe enriba do seu escenario. Ata a data, máis de cincuenta países participaron ao menos unha vez no festival. Con cantantes e grupos de distintas nacionalidades e etnias, que amosaron sobre o escenario distintas culturas populares a través da música, do baile, do vestiario e da escenografía. Non só se amosa a multiculturalidade a través dos participantes, senón que o país organizador ten cada ano a oportunidade de amosar parte do seu patrimonio cultural.


Ucraína foi o país gañador de Eurovisión 2022, cunha canción integramente en ucraíno. Imaxe: EBU/Sara Louise Bennett


A historia dos idiomas dentro de Eurovisión


Os idiomas nos que están compostas as cancións que participan no certame, son unha das grandes demostracións da gran riqueza cultural que se xunta no festival. Ao longo destas seis décadas de concurso, polo escenario pasaron cancións en máis de sesenta idiomas, tanto europeos, como de fóra das fronteiras do continente. Co paso dos anos, e como se pode ver a través dos datos oficiais de Eurovisión, o inglés foise posicionando como idioma superior do concurso. A maioría dos países comezaron a mandar propostas con partes da letra en inglés ou coa canción na súa totalidade nese idioma.


As cancións en Eurovisión non só van nun idioma, senón que é do máis habitual que se mesturen dous, ou incluso máis, nunha mesma canción. En Eurovisión houbo cancións en linguas oficiais dos estados participantes, tamén linguas cooficiais deses países ou linguas minoritarias, ademais de idiomas doutras partes do mundo e de distintos dialectos.



Nos primeiros anos non había regras a cerca do idioma no que debían estar compostas as cancións; todos os países presentaban de forma unívoca cancións nalgún dos seus idiomas oficiais, xa fora un idioma nacional ou unha lingua ou dialecto rexional. Polo tanto, ao principio era obvio para os participantes que debían cantar no idioma oficial do seu país. Porén, despois de que a canción sueca en 1965, “Absent Friend”, fora cantada en inglés, a UER definiu regras estritas sobre o idioma no que as cancións terían que ser cantadas. A partir do ano seguinte, as letras debían estar escritas nos idiomas nacionais. Con esa nova regra, ás letras só se lles permitían frases ocasionais noutros idiomas, como na gañadora austríaca de 1966 “Mercie chérie” ou a canción de Iugoslava de 1969.


En 1973 Israel convertiuse no primeiro país non europeo en participar en Eurovisión. Ese mesmo ano, as regras en torno ao idioma relaxáronse, e ao ano seguinte Suecia gañou co grupo ABBA e a canción en inglés “Waterloo”, converténdose na primeira vitoria en inglés dun país non anglófono. Cando a UER puxo fin á limitación de que cada país cantase nas súas respectivas linguas oficiais, no seu lugar cada televisión participante podía escoller o idioma que quixera.


Pero de novo entre 1977 e 1998, volveuse suprimir a liberdade de idioma. No festival de 1977, a pesar de volver instaurar a norma idiomática, Alemaña e Bélxica puideron cantar as súas cancións en inglés -sen ser o seu idioma nacional- xa que as escolleran antes de que esta norma se instaurara de novo.


A partir de 1999 suprimiuse esta norma, volvendo permitir aos países presentar cancións en calquera idioma, algo que segue vixente até a actualidade. A liberdade de elección de idioma conlevou a que a maioría de países chegaran á edición dese ano, que se celebrou en Israel, con temas total ou parcialmente en inglés. Esta medida incrementou significativamente o número de composicións en inglés, un idioma que ata entón só podían empregar Reino Unido, Irlanda e Malta.


Nesa edición, dos 23 participantes, doce cantaron só en inglés -entre eles Suecia, que gañou esa edición- e outros dous incluíron frases nese idioma. Outros países optaron por linguas distintas ao seu idioma nacional: Lituania volveu ao concurso cun tema en samogitiano e Alemaña incluíu o turco e o inglés na letra da súa canción, para acompañar ao alemán.


O fin da Guerra Fría a principios dos noventa, coa caída do Telón de Aceiro, e a absorción da rede Intervisión -que foi a rede de televisión para o intercambio de programas de televisión entre os países soviéticos do Leste de Europa- por parte da UER en 1993, unida á desintegración de Iugoslavia en 1992, levou a un repentino aumento do número de participantes, con moitos países do antiguo Bloque do Leste, ata entón pertencentes a Intervisión, querendo competir por primeira vez. Este proceso continuou nos seguintes anos, nos que outros países fixeron o seu debut. Coa entrada destes novos países, tamén aparecen novos idiomas en Eurovisión.


Os últimos países membros da UER en debutar foron Acerbaixán e San Marino, en Eurovisión 2008. O inglés seguiu sendo o idioma predominante ata que no ano 2016, case o 100% das cancións participantes levaban na súa totalidade ou parcialmente letras en inglés.


Hai moitos idiomas e dialectos europeos que aínda non foron a Eurovisión, e evidentemente hai moitos máis do resto do mundo que tampouco. As distintas linguas nas cancións eurovisivas ao longo dos case setenta anos do festival amosan a riqueza cultural de Europa, pero tamén as influencias estranxeiras e dos distintos movementos sociais e históricos, que influencian os pobos europeos.




1 comentario


Hai un traballo de datos inxente e moi bo. Noraboa por iso! As formas gráficas presentadas son pertinentes e funcionan ben para a información dispoñible. No mapa poderíase facer algunha modificación na ventá emerxente, destacando as cifras das participacións e vitorias para así poñer o foco no máis relevante e no gráfico de xerarquía igual compensaría apostar por cores propias de cada país.


Pero, o dito, é un moi bo traballo que parte ademais dun moi bo traballo de selección da información. Tíñaslle certo "temor", pero noutouse moi positivamente que che gusta a temática. Moi ben traballado!

Me gusta
bottom of page