top of page

Santurtzi Itsasoko Ama, a auxe dun histórico do remo

A Sotera estableceu nos pasados dous anos un dominio sen precedentes na historia do clube biscaíno



Santurtzi celebra a Coroa Caixabank de 2021 | Imaxe: Eusko Label Liga

O Club de Remo Itsasoko Ama nace na biscaína localidade de Santurtzi da man da confraría de pescadores de Mamariga, barrio pesqueiro desta vila. Este club recibe o seu nome -como moitos dos clubes xurdidos das confrarías de pescadores- da Virxe do Mar de Santurtzi (Itsasoko Ama), venerada na ermida ubicada no barrio de Mamariga. A historia de Santurtzi está intimamente ligada ao remo con afán de supervivencia, pois a traíña era pouco máis que a ferramenta que permitía aos pescadores desta localidade poder desenvolver o seu traballo.


Fálase desta localidade ubicada na ría de Bilbao como un dos principais berces do “remo en estado puro”. O primeiro aliciente para entender o remo como unha competición chega ao final da xornada de pesca, cando aqueles homes que faenaban no mar remando en pesadas traíñas de madeira tiñan que rematar o esforzo chegando a terra antes que os seus competidores, para así poder vender o peixe a mellores prezos que aqueles que chegaban máis tarde.



A modernidade chega ao remo


Traíña de Santurtzi en 2019 | Imaxe: Eusko Label Liga

Case un século despois, as traíñas do Cantábrico evolucionaron á par coa mellora da tecnoloxía. O que antes era un simple bote de madeira con remos do mesmo material é agora unha embarcación de fibra de carbono, remos da mellor calidade e un sistema GPS para o control nas probas puntuables. A chegada da modernidade ao mundo das traíñas beneficiou ás grandes canteiras por cuestións económicas, pero outros clubes con menor capacidade tamén foron quen de evolucionar positivamente.


Un deses clubes foi Santurtzi. Os santurtziarras, despois do ascenso frustrado no ano 2010 despois de quedar campión da Liga ARC, mantivéronse na pugna no segundo chanzo do remo vasco. A culminación dese proceso de ascenso chega da man da aterraxe en Itsasoko Ama de Iker Zabala, remeiro procedente de Bermeo Urdaibai, que tamén faría as veces de técnico da entidade biscaína. Tras quedar segundos na Liga ARC, Santurtzi impúxose con autoridade nas dúas regatas do Playoff ante as traíñas galegas de Samertolameu, Ares e Puebla e a guipuscoana Donostiarra, que remataría por acompañalos na Liga ACT. Aínda que moitos máis formaron parte do éxito durante a tempada, os 14 remeiros que representaron á Sotera no playoff pasaron á historia do club.



Asalto ao ceo: a elite das traíñas


A súa chegada á elite rompeu o paradigma imperante na liga, sumándose pouco a pouco ao grupo dos “seis xigantes” da categoría raíña do remo de banco fixo. Se ben na súa temporada de debut en Eusko Label Liga a Sotera xa acadara a quinta praza do campionato, en 2019 achegouse máis aínda ao título. Grazas a unha exquisita preparación física e unha dirección deportiva coñecedora da disciplina, Santurtzi foi a terceira mellor traíña, só por debaixo da campioa Orio e a constante Hondarribia.


Ese mesmo ano, Santurtzi consegue tamén o terceiro posto na bandeira máis importante da tempada: A Kontxa. Nunha liña continuista en termos de traballo, Santurtzi consegue en 2020 un fito histórico, inédito até entón para eles, a consecución do primeiro título de Liga Eusko Label da súa historia. Capitaneados polo veterán Asier Zurinaga —elixido mellor patrón da tempada 2020, a Sotera impúxose na última regata nun dos finais máis apretados que se recordan na historia da Liga.





No 2021, Iker Zabala e Asier Zurinaga comunican á entidade santurtziarra que non continuarían para a tempada dese ano. A prensa local prevía unha baixada de nivel para a traíña defensora do título, pero a chegada de Gorka Aramberri a Santurtzi para ocupar o posto de patrón revolucionou as apostas e puxo novamente aos violetas como máximos favoritos á Coroa Caixabank da Eusko Label Liga. Nesta ocasión a Sotera foi moito máis dominante e conseguiu novamente superar a Hondarribia para ser campioa da Eusko Label Liga por segundo ano consecutivo.



Os biscaínos pecharon un ano digno dun soño coa súa primeira vitoria na Bandeira da Kontxa desde o ano 1985, o que os estableceu como o rival a batir de cara á próxima tempada. Continuará Santurtzi a nutrir a súa lenda?


 

Fontes empregadas:

- Eusko Label Liga:

https://www.euskolabelliga.com/estadisticas/index.php?id=es (estatísticas xerais, plantillas, posicións)

- Itsasoko Ama Santurtzi (Imaxes dos remeiros)

- EiTB e CRTVG (Vídeos de regatas)

Imaxes do vídeo extraídas da canle Inforemo Bancofijo en YouTube https://www.youtube.com/channel/UCxg2j2wo7bAVcDTeMVtMBWA


1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 29, 2022

Vou ser breve. Está perfecto. Absolutamente nada que dicir, pois todas as partes están de 10. A programación é boa en todos os materiais e a infografía realizada é súper efectiva. Sinxela, pero cumpre o seu propósito ao 100%.


Só cabe dicir un noraboa ben forte e a seguir remando con traballos tan ben executados coma este!

Like
bottom of page