top of page

Práctica 4: a violencia de xénero en España e en Europa

Para a cuarta práctica escollín elaborar as visualizacións en base a datos da violencia de xénero, tanto en España como en Europa, debido a que se trata dunha das problemáticas máis importantes da nosa sociedade, non só a nivel nacional e europeo, se non mundial. Citando ao portal de violencia de xénero do Ministerio de sanidade, servizos sociais e igualdade do Goberno de España, a violencia de xénero foi e segue sendo unha das manifestacións máis claras da desigualdade, subordinación e das relacións de poder dos homes sobre as mulleres. Este tipo de violencia baséase e exércese pola diferenza subxectiva entre os sexos. En poucas palabras, as mulleres sofren violencia polo mero feito de ser mulleres, e as vítimas son mulleres de calquera estrato social, nivel educativo, cultural ou económico.


O arquivo no que aparecen os datos das tres visualizacións:




Para a visualización ‘hierarchy’ decidín empregar os datos relativos ás mulleres falecidas a causa da violencia de xénero en España na última década. O datos proceden das fichas proporcionadas pola Delegación do Goberno contra a violencia de xénero e empreguei ese tipo de gráfico xa que me pareceu o máis axeitado para que se poida apreciar ben o número de falecidas nos últimos dez anos, así como aqueles anos nos que houbo máis ou menos falecidas ou os rangos de idade que desgraciadamente se ven máis afectados por este tipo de violencia e o número de falecidas en cada un deles. Así mesmo, as cores tamén son significativas, pois escollín unha paleta de cor morada (cor adoptada como símbolo de loita contra a violencia cara as mulleres) e que simbolicamente vai descendendo gradualmente, sendo o ano 2010 o que máis vítimas tivo e que ten a cor máis escura e o ano 2020 o que menos vítimas tivo e o que ten unha cor morada máis clara.






Para a visualización ‘scatter’ decidín empregar os datos relativos ás mulleres falecidas nos últimos anos a causa da violencia de xénero no continente europeo nos últimos anos. Aquí si que tiven que enfrontarme a algúns problemas, xa que non a puiden facer dun ano en concreto, pois son moitos os países que non actualizan os datos. De igual maneira, houbo países que non puiden incluír, xa que nin sequera teñen un rexistro dos datos das falecidas por violencia machista. Así mesmo, tamén quería incluír fotografías de diferentes manifestacións en contra da violencia de xénero nos diferentes países para visibilizar a repulsa da sociedade contra esta, pero de moitos non hai e dos países que si hai non se axustaba ben ao formato dos popups, xa que se vían moi pequenas e non se podía apreciar o que poñía nos cartaces, polo que optei por poñer unha imaxe da bandeira do país (pensei en optar pola opción de panel en lugar da de popup, pero ao non ter imaxes de todos os países, desboteina). Este tipo de visualización pareceume moi boa para poder ver con claridade cales son aqueles países nos que hai un número moi alto de vítimas (especialmente os de Europa Oriental como Rusia ou Turquía, nos que non hai leis que protexan ás mulleres da violencia machista e outros de Europa Central nos que non se fai unha distinción entre violencia de xénero e violencia doméstica e tamén que son os países que máis habitantes teñen). Empreguei a mesma paleta de cores ca na visualización de ‘Hierarchy’ para dar unha sensación de unidade entre as visualizacións. Os datos proceden dos distintos portais contra a violencia de xénero dos países como a Casa Internazionale delle donne de Italia, o Instituto belga para a igualdade entre homes e mulleres ou a asociación feminista portuguesa UMAR.




Para a visualización de libre elección decidín empregar os datos relativos ás denuncias por violencia de xénero por comunidades autónomas para visibilizar a gran cantidade de denuncias que se interpuxeron o ano pasado por calquera tipo de violencia machista, tanto física como psicolóxica e a relación coas habitantes (mulleres) de cada comunidade. Aquí si que puiden poñer fotografías das distintas manifestacións que tiveron lugar na correspondente comunidade autónoma e que ilustran un pouco a repulsa da sociedade contra este tipo de violencia. Trátase dun gráfico sinxelo, pero que expón con claridade o número de denuncias interpostas, e coas fotografías penso que se fai un pouco máis ameno e que fai que o lector queira ver cal é a seguinte. Tamén decidín poñer o número de denuncias en lugar do clásico punto para sinalar os picos da gráfica xa que é o principal da visualización e tamén así consegue saír un pouco do habitual. A elección da cor é a mesma ca nas dúas visualizacións anteriores. Os datos proceden do INE.


Nas tres visualizacións quixen escribir un subtítulo que introducise algún dato interesante e que non se reflicta na gráfica para incitar a ler a información e facer as visualizacións algo máis amenas.






1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 11, 2022

Bo traballo no terreo do tratamento dos datos e moi bo traballo en termos de programación dentro de Flourish. Todo funciona sen problemas nin espazos que transmitan a sensación de erro ou de perda.


Tanto o gráfico de dispersión como o de xerarquía están correctos e ben resoltos. No de dispersión poderías chegar a prescindir dun dos dous filtros, xa que achegan unha certa duplicidade (os dous serven para seleccionar entre rexións).


Onde temos máis problemas é no gráfico de libre elección, pois a selección do gráfico de área é, neste caso, incorrecta para os datos cos que contas. Nos gráficos de área (igual que nos sucede nos de liñas) precisamos un intervalo temporal ao que asociar a evolución dos…


Like
bottom of page