top of page

Práctica 4: a situación do desemprego en Europa e en España

Actualizado: 26 dic 2021

Nesta práctica catro, previa á reportaxe final, quixen traballar sobre a temática do desemprego, apoiándome nos datos de dúas fontes: Eurostat e o INE. Quixen tratar tres puntos nas tres visualizacións: a situación do paro no contexto europeo, a situación concreta de cada un dos sectores laborais en España e a diferenza de parados en función do sexo no noso país.


Escollín o diagrama de dispersión para contextualizar a temática e comprobar, deste xeito, como é a situación do desemprego a nivel europeo, traballando sobre a taxa de desemprego do ano 2020 dos países da Unión Europea. Nesta visualización, aproveitei a ocasión para practicar cos popups incorporando a bandeira de cada un dos países. Porén, vinme limitada pola aplicación xa que, aínda que a ferramenta si que me permitía modificar o tamaño da visualización, este non se gardaba, polo que no resultado final non todos os países aparecen recollidos no eixe y, a pesar de poder verse nos popups.





A través da visualización de tipo xerárquico xa me centrei na situación española, concretamente no número de desempregados por sector e comunidade autónoma. Grazas a ela pódese comprobar, a pesar das diferenzas xeográficas, como o sector servizos é o que concentra o maior número de parados. Neste caso, tiven maiores dificultades xa que quería representar diferentes anos, pero como eran variables que non se podían sumar, tiven que centrarme só nun trimestre, polo que traballei sobre o último período, o terceiro trimestre do ano 2021.






Para o de libre elección escollín un gráfico de barras porque, aínda que se trata dunha visualización relativamente sinxela, creo que me permitiu representar de xeito claro as diferenzas do número de parados en función do sexo e da comunidade autónoma. Xeralmente as mulleres adoitan ser as máis afectadas polo desemprego, polo que me pareceu importante profundizar nesta cuestión.








O proceso de limpeza foi semellante nas tres tipoloxías xa que o realicei na propia ferramenta. Como serían tres pezas que poderían formar parte dunha mesma información, en todas elas intentei manter unha unidade no tratamento das cores. Á súa vez, na elección das tonalidades tiven en conta que nunha das visualizacións ía existir a diferenciación entre homes e mulleres polo que, para evitar caer nos tópicos, evitei a elección cromática típica (azul, rosa).


A maior dificultade neste exercicio foi o propio manexo da aplicación, xa que ao tratarse dunha ferramenta máis completa que DataWrapper que ten máis posibilidades de personalización dos contidos, costoume entender e adaptarme ao seu funcionamento. Finalmente, fun averiguando como modificar as distintas cuestións ata lograr un resultado co que estivese máis ou menos satisfeita.


1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 07, 2022

Pois realmente os tres materiais funcionan perfectamente, teñen sentido como visualizacións de datos, trasladan a información de xeito claro e correcto e non conteñen erros de programación ou puntos mortos que trasladen a sensación de fallo.


Como aspecto común a mellorar nos tres estaría o tema do xeito no que presentas as unidades (o seu formato). O formato habitual en galego e en español é 1.000.000,00. A coma separa os decimais e os puntos os milleiros. é importante ter en conta estas cuestións e, xa que Flourish nos deixa mudalas, non deixar de prestarlle atención a eses detalles.


Por todo o demais, moi ben traballado coa ferramenta e moi ben traballado cos datos. Noraboa!

Like
bottom of page