top of page

Práctica 3: defuncións por cancro en España no ano 2020

Para a terceira práctica escollín os datos de defuncións por cancro en España no ano 2020, por ser a terceira enfermidade que máis mortes provocou no territorio español por detrás da covid e das enfermidades cardiovasculares. Decidín separalo por sexos para poder tomar conciencia do número de homes e mulleres que faleceron ao longo dun ano a causa desta enfermidade e por comunidade autónoma, xa que así tamén se pode visualizar cales son as comunidades con maior e menor número de falecementos por esta causa. No mapa escollín reflectir só os falecementos femininos, xa que penso que é unha realidade que non se ensina dunha maneira frecuente e visual nos medios de comunicación de maneira frecuente. Así, pode servir ademais de para informarse, para tomar conciencia e axudar nas tarefas de prevención contra o cancro.


Un dos problemas cos que me enfrontei á hora de realizar a práctica foi a selección do ano sobre o que ía a escoller os datos, xa que nun primeiro momento só estaban dispoñibles os datos correspondentes ao ano 2019, pero cando puiden comprobar que xa podía consultar os do ano 2020, decidín decantarme polos máis recentes. Tamén me pareceu interesante escoller ese ano, xa que a raíz da pandemia de covid-19, as informacións sobre unha enfermidade coma o cancro, pasaron a un certo ‘segundo plano’. Os datos proceden do Instituto Nacional de Estatística e posteriormente, o que tiven que facer foi descargar as táboas correspondentes aos tumores correspondentes a cada un dos sexos e a correspondente aos totais e unín as tres nunha mesma folla de Excel e así pasar ao traballo en Datawrapper.


As táboas cos datos descargados directamente do INE:






A táboa que realicei posteriormente:






· Táboa:


Decidín ordenar as comunidades autónomas na táboa por orde de maior a menor número de falecidos para así facilitar a comprensión da táboa visualmente. Tamén decidín incluír un botón de ‘buscar’ xusto debaixo do subtítulo para que aqueles que non queiran revisar todos os datos, poidan localizar a comunidade autónoma que desexen dunha maneira sinxela. Tamén dividín a táboa en dúas páxinas para que non cansase visualmente ver a lista completa das comunidades ao carón dos datos. Por outra banda, decidín escoller unha cor azul claro (#a0beef) no header para que contrastase coa tipografía negra e sombrear algunhas das filas para non saturar a táboa de cores. Esa mesma cor tamén foi empregada no gráfico e no mapa para dar unha sensación de unidade. Tamén me pareceu conveniente poñer botóns que permitan compartir o contido en redes sociais (debido á súa importancia non só no Xornalismo, se non na sociedade en xeral), xa que se trata dun contido moi visual, perfecto para ser compartido en ese tipo de formatos, así como a posibilidade tanto de descargar os datos como a imaxe, pois poden ser empregados para complementar informacións relacionadas ou incluso en outro tipo de estudos ou traballos.





· Gráfico:


En canto á gráfica, decidín empregar ese tipo en concreto para que se puidese visualizar con claridade tanto o número de defuncións (colocando cifras redondeadas por riba do gráfico) como a diferenza entre ambos sexos. Ao igual que na táboa, decidín colocar botóns de redes sociais e a posibilidade de descargar os datos e a imaxe, ademais de resaltar a comunidade galega, xa que a gráfica está feita en galego e polo tanto, nun principio destinada ao público galego que deste xeito pode localizar os datos cunha maior facilidade. Ademais da mesma cor azul claro empregada na táboa, empreguei unha cor azul escuro (#21213b) para acentuar o contraste e porque é a cor do lazo do cancro colonorrectal, o máis frecuente entre a poboación.





· Mapa coroplético:


No mapa decidín facer de novo unha división en comunidades autónomas cun rango de cores que tivesen continuidade cas empregadas na táboa e no gráfico e que ademais se diferenciasen ben en todas as opcións do ‘colorblind check’. Ao igual ca nos casos anteriores, incluín botóns de redes sociais e opcións de descargar datos e imaxe, ademais dunha opción de facer zoom no mapa.





Nas tres opcións incluín subtítulos para contextualizar a táboa, o gráfico e o mapa e engadir algún dato adicional que invite ao usuario a continuar lendo.


1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Nov 25, 2021

Hai pouquiño que comentar no relativo a puntos de mellora, sinceramente. Os datos están ben traballados e ben presentados. Ademais, se observamos todo dende a óptica do conxunto, poderían perfectamente entrar a formar parte dunha peza sobre esta temática.


Iso si, prestaríalle atención á cantidade de texto da descrición ou subtítulo, que pode achegarse á zona de risco de ser excesiva. Neste punto non o parece polo tamaño que adquire o gráfico, pero se o gráfico fose estar insertado nun espazo máis pequeno xa sería outra cousa. Coidado sempre con iso.


Polo demais só cabe dicir un "noraboa!" ben forte. Ben traballado con Datawrapper.


Like
bottom of page