top of page

Práctica 3: A realidade do desemprego en España durante a pandemia

Actualizado: 19 nov 2021

As tres visualizacións desta terceira práctica tratan sobre diferentes datos en canto a taxas de desemprego en España no ano 2020 por CCAA e por sexos. Debido a que se trata de datos do ano 2020, o ano máis duro en canto á COVID-19, decidín reflexar esta realidade no título da entrada e das diferentes visualizacións. Pareceume un tema interesante a tratar xa que é unha forma de ver as diferencias en canto a desemprego de homes e mulleres nunha situación que afecta a todos pero non a todos por igual: unha pandemia. De feito, a media total de desemprego a nivel estatal dos homes -13,87- é moito menor que a das mulleres -17,42-, co cal se comproba que, neste aspecto tamén, as mulleres vense máis afectadas.


Os datos foron recollidos no Instituto Nacional de Estatística (INE). A primeira traba no camiño foi que, aínda que existe unha pestana para ‘filtrar’ parte dos datos, estes veñen presentados por trimestres e un ano consta de catro trimestres. Así, tiven que realizar a taxa media deses datos disgregados en grupos de tres meses para poder obter a taxa anual. No meu caso, obtei por realizar unha táboa nova cos datos filtrados no mesmo arquivo de Excel. Os datos están dispoñibles no seguinte arquivo:





A verdade é que, unha vez que toda a información está xa preparada para poder ser utilizada, o traballo en DataWrapper é bastante intuitivo. Neste sentido, non observei grandes problemas á hora de incorporar os datos as visualizacións. Para o gráfico, optei por un de barras xa que me pareceu o máis axeitado para mostrar a comparativa entre homes e mulleres. Pola mesma lonxitude da barra, e por estaren colocadas unhas enribas de outras, podes deducir mesmo sen fixarte no número, como é a situación en cada Comunidade Autónoma. No que se refire ao mapa, fixen un de burbullas previamente, mais resultou pouco estético e funcional. As burbullas non plasmaban ben as diferencias xeográficas entre si. Por iso, ao final rematei por facer un mapa coroplético no que as cores fosen moi diferentes entre si para poder resaltar ben as diferencias entre uns e outros territorios. O obxectivo estivo sempre en que o usuario poidese chegar a identificar e comparar realidades sen ter a obriga de fixarse só nos números.


Un dilema que tiven foi o idioma no que presentar os nomes das Comunidades Autónomas. Ao final, decidín presentalas en galego sempre que o programa o permitise -no mapa coroplético non deixa cambiar o idioma, xa que ven predefinido- porque me pareceu lóxico que, estando o texto en galego, a nomenclatura das Comunidades tamén o estivese.


Mais foi unha decisión tomada xa cando todas as visualizacións estaban feitas, de aí que no documento de Excel, cos datos filtrados e ordenados, aínda apareza a denominación que nun principio lle ía dar, que era a que utiliza o INE para nomealas.


Outro dos crebacabezas foi a cor. Aínda empregando Adobe Color, custame moito dar cunha combinación que me convenza ou que sexa axeitada para presentar os datos. Amais, non quería utilizar cores que poidesen dar lugar a tópicos para designar a ambos sexos (azul=homes, rosa=mulleres), por iso escollin unha paleta, nese sentido, neutral. En concreto, o mapa coroplético deu máis traballo en canto a coloración porque me obrigou a cambiar as cores pensadas nun principio -cores cunha gama e unha intensidade moi semellantes- para que as diferencias entre as Comunidades fosen máis notorias. Mais esta cuestión foi solucionada nas aulas polo profesor.






1 commentaire


angelvizoso
angelvizoso
24 nov. 2021

Pois realmente están moi ben resoltos todos os materiais. Hai que dicir que dende logo que terían o potencial de ser collidos para a súa presentación nunha información sobre esta temática.


Iso si, detecto o mesmo punto de mellora para os tres. Aínda que está ben solucionada esa idea de "*Datos en porcentaxes", o caso das porcentaxes é un deses nos que nos compensa poñer o "%" como sufixo. Isto mesmo tamén nos pode acontecer cas divisas.


Dito isto, en termos de cor e de presentación está todo claro. Toda a programación e as animacións introducidas funcionan de xeito correcto e a nivel visual non hai nada que dicir sobre a paleta elixida. Ademais, está ben ese exercicio de tentar…

J'aime
bottom of page