top of page

Os suicidios: a pandemia do século XXI

Once persoas ao día se quitaron a vida en España no 2020, un 7,4% máis que no 2019. Isto pon en manifesto a necesidade de coidar a saúde mental e a non tratala como un tema tabú


Imaxe de recurso dunha muller desanimada. Fonte: Muy Interesante

Patricia Otero | Santiago de Compostela


Os suicidios son unha enfermidade silenciada ou tabú, á que non se lle dá a importancia suficiente e non se trata con demasiada profundidade nos medios de comunicación. Porén, os datos mostran o gran dano que fai nunha sociedade e a importancia que ten coidar a saúde mental.


O 2020 foi unha época cuns datos de suicidios completamente alarmantes e devastadores. Segundo datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), durante o primeiro ano de pandemia 3.941 persoas decidiron acabar coas súas vidas. É a cifra máis alta desde que hai rexistros (1906). Isto equivale a unha media de once suicidios ao día. Cada dúas horas e cuarto unha persoa decide que non quere vivir máis.



Un informe elaborado polo Observatorio do Suicidio en España evidencia como esta se consolida como a principal causa de morte non natural en España, superando en 2,7 veces ás provocadas por accidentes de tráfico. Ademais, o suicidio é, despois dos tumores, a principal causa de morte entre a xuventude española (15 a 29 anos).


Como dato relevante, o incremento foi maior en mulleres, onde os suicidios aumentaron máis dun 12%. É a primeira vez que os datos de suicidios en mulleres superan as 1.000 mortes. Nos homes tamén houbo un aumento de case un 6%. De todas formas, o 74% das persoas que se quitaron a vida foron varóns (2.930) fronte o 26% das mulleres (1.011).


Cabe destacar tamén o aumento de suicidios entre os máis novos. Catorce nenos menores de 15 anos se quitaron a vida no 2020, o dobre que no 2019. A franxa de idade máis susceptible é de 50 a 54 anos, onde case 450 persoas se quitan a vida ao ano.



Un suicidio ao día en Galicia


Na nosa Comunidade Autónoma os datos tampouco son positivos. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), no 2018 conseguiuse baixar da barreira dos 300 casos ano, dato que non se lograba desde o 2010. Porén, logo dun 2019 onde as cifras foron similares, no 2020 volveuse a superar o limiar das 300 mortes por suicidios (305). Isto supón case un suicido ao día na nosa Comunidade.


Con estas cifras Galicia convértese na segunda Comunidade con maior taxa de suicidios en España. Segundo os datos facilitados polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), Galicia ten unha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte o 7,79% nacional e o 11,93% europeo. A Coruña é a provincia con máis suicidios, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense.



A Covid-19, unha loita máis para a saúde mental


O confinamento provocado pola pandemia da Covid-19 chegou para cambiarnos, afectando á nosa saúde tanto física como psicolóxica. A situación actual supuxo unha carga emocional que entre as persoas con enfermidades previas resultou maior. Outros factores como a precariedade laboral ou a incerteza sobre o futuro axudan a que a saúde mental empeore.


O confinamento fixo que diminuíran as mortes por accidentes de tráfico ou homicidios. En cambio, no caso dos suicidios tivo un efecto adverso, cun aumento das conductas suicidas despois da etapa de illamento. Nos datos do INE obsérvase como a partir de maio (mes no que se levanta o confinamento) os casos de suicidios aumentan ata chegar ao punto máximo en agosto, onde faleceron 402 persoas por esta causa.



Por que máis homes?


Os homes foron os máis prexudicados polos suicidios. Porén, no informe do Observatorio do Suicidio explican que en realidade as mulleres intentan suicidarse tres veces máis que os homes, pero os homes conségueno tres veces máis que as mulleres.


O Presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia e psicólogo da Unidade de Prevención de suicidios de Vigo, José Eduardo Rodríguez Otero, indica que “os homes son máis impulsivos que as mulleres e as tentativas son máis letais” ao que a psicóloga da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, Sonia Nogueiras, engade que os homes adoitan pedir menos axuda, o que fai difícil chegar a eles. “O feito de pedir axuda pode que sexa un factor de protección”, comenta Nogueiras.



Necesidade de mellorar o sistema de saúde mental


Os especialistas indican que é necesario repensar o modelo de xestionar a saúde mental, considerando que a atención primaria e secundaria é esencial para o tratamento. Unha das críticas na que coinciden os profesionais é na falta de medios neste tipo de atención. A proximidade dos médicos da atención primaria e a confianza poden ser unha vía para unha detección temperá, pero as condicións das consultas debido aos ratios de profesionais non sempre permiten unha atención de calidade. “Necesitamos atención psicolóxica en primeira liña para detectar máis rápido os problemas”, opina Nogueiras.


A presidenta da Fundación Salma, Ana González, explica que “se houbese unha atención primaria onde puideras pedir cita e que houbese unha continuidade de coidados, habería unha taxa de suicidios, pero nunca tan alta”. Indica que cunha detección a tempo as posibilidades de recuperación son moi grandes.



Importancia de rachar cos mitos


Detrás da saúde mental seguen a ser moi comúns os estereotipos. Aínda que si se advirte unha mellora a través dos anos, queda camiño por recorrer. A estigma provoca que as persoas que padecen algún problema psicolóxico sexan máis reticentes a compartilo, por medo a sentirse avergonzados ou pensando que o que lles pasa é algo pouco frecuente, facendo que a ocultación sexa maior. No caso do suicidio, é necesario romper cos mitos que circulan arredor del para darse conta da súa magnitude e da necesidade da prevención.



 



Fontes:

  • Instituto Nacional de Estatística

  • Instituto Galego de Estatística

  • Observatorio do Suicidio en España

  • Instituto de Medicina Legal de Galicia

  • Guía para a detención e a prevención da conduta suicida

  • José Eduardo Rodríguez Otero do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia

  • Sonia Nogueiras da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña

  • Ana González da Fundación Salma

1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 28, 2022

A estrutura da peza é moi boa e, ademais, está perfectamente estruturada. Iso si, bótase un chisco en falta algún peche para a peza despois da infografía sobre os "Mitos sobre as persoas con ideación suicida". Polo demais, todos os elementos do conxunto aportan información relevante e que vai sumando conforme avanzamos por ela.


En canto ás formas gráficas, bótase de menos unha liña cromática que una os catro elementos. As dúas infografías si que gardan relación en termos de cor, pero o mapa e o gráfico van por camiños separados. Fóra diso, a programación e o traballo cos datos é boa e a presentación destes tamén. En principio non se aprecian erros nin puntos mortos nas visualizacións e as…

Like
bottom of page