top of page

O suicidio e a mocidade

Actualizado: 24 ene 2022

Unha reportaxe sobre a segunda pandemia máis importante do século XXI



“A morte de Chatterton”, cadro do pintor británico Henry Wallis


O suicidio é, en poucas palabras o acto de poñer fin á vida propia de maneira voluntaria. A pesar de tratarse dunha causa de morte non natural, hoxe podemos falar dun auténtico e importante problema de saúde pública a nivel mundial.


Na meirande parte dos casos, o suicidio é a consecuencia dun sufrimento psicolóxico dilatado no tempo, podendo este estar relacionado con situacións negativas tales como dificultades económicas, períodos de soidade non intencionais e distintos tipos de problemas nas relacións interpersoais. Precisamente, estas dúas últimas circunstancias son males endémicos do noso tempo. Na época da historia na que, con moita diferenza, máis conectados estamos é o momento no que máis sós nos atopamos. E do mesmo xeito, cantas máis facilidades temos para pedir axuda e saír da espiral na que estamos inmersos, menos nos custa illarnos.


Neste senso, cabe dicir que non é paradóxico o feito de que esteamos máis “preto” que nunca e aínda así os nosos contactos humanos sexan cada vez menos e máis fríos. Son, xustamente, as novas formas de relacionarnos as que realmente poñen barreiras entre nós, e nos levan progresivamente a adoptar actitudes ás que o noso cerebro –sempre social, independentemente dos nosos hábitos- non é capaz de acostumarse.


O suicidio e a mocidade, unha relación cada vez máis estreita



Fotografía de US News Health


Actualmente, o sector da poboación na que máis efecto ten esta deriva da nosa sociedade son as persoas novas. Conflúen pensamentos como a incerteza sobre o futuro, disfuncións nas relacións persoais, o medo ó estigma das enfermidades mentais, o estrés emocional e o acoso. Todas elas, en maior ou menor medida, potenciadas polo efecto de internet e as redes sociais, como explica o artigo "Ciberacoso y comportamiento suicida. ¿Cuál es la conexión? A propósito de un caso" da psiquiatra colombiana Juliana Escobar e colegas.


Así, atopamos que no ámbito español, desde os anos 80 ata a actualidade, a tendencia foi xeralizadamente ascendente; segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. No estudo realizado marcamos os 39 anos como límite superior para conformar o grupo de “persoas novas”. De antemán, cabe aclarar que o feito de centrarnos neste sector da poboación non obedece, nin moitísimo menos, a valorar como máis graves ou importantes os suicidios en determinadas franxas de idade. O obxectivo non é outro que reflectir o gran –e cada vez maior- peso que o suicidio ten en idades concretas. A Organización Mundial da Saúde leva anos advertindo sobre el e, de feito, xa se sitúa como a cuarta causa de morte máis frecuente en persoas de entre 15 e 19 anos.


Por outra banda, apuntar ó caso concreto das persoas novas é tamén poñer o foco en aspectos moi particulares. Por exemplo, mentres o acoso é o móbil principal dos suicidios en menores de idade, practicamente non se dá en persoas maiores de 65 anos –un sector da poboación que tamén posúen unha taxa de suicidio alarmante-. Polo tanto, notar a evolución deste tipo de mortes nos últimos 40 anos é absolutamente revelador sobre as problemáticas que seguimos, como sociedade, sen ser capaces de resolver.





Mentres no 1980 foron un total de 457 persoas menores de 40 anos as que decidiron poñer fin á súa vida, no 2020 –cos datos máis recentes dispoñibles- o total ascende a 724; case un 60% máis. En menores de 10 anos non foi rexistrado ningún caso de morte autoinflixida. Non obstante, en adolescentes de entre 10 e 14 os suicidios anuais oscilaron sempre as mesmas cantidades (unha media de 15), algo que tamén ocorre coa franxa dos 15 ós 19 anos (unha media de 74 suicidios anuais, aínda que con maiores variacións). É nos 20 e os 30 anos onde se produciu un aumento realmente alarmante, chegando a duplicar as cifras en cuestión de catro décadas.


A morte antes de tempo

Dalgún xeito, o suicidio en persoas novas resulta dobremente duro de asimilar para maioría de nós. É como se este fose contra a natureza por partida dobre. En primeiro lugar, porque nos custa concibir o feito de elixir voluntariamente a data da nosa morte, e en segundo porque sempre sentimos que a data escollida foi demasiado temperá. Isto é un pensamento inconsciente que nace da observación directa da realidade, e é que o normal, segundo as normas que rexen a nosa especie, é que os anos sexan o factor que máis relación garde coa taxa de mortalidade.


Se no ámbito español as cifras eran preocupantes, a nivel europeo movémonos en números semellantes. Neste caso, non só é interesante facer visible como aumentou o número de suicidios co paso dos anos, senón representar o peso que o suicidio ten no total das mortes.





Cunha mostra obtida de Eurostat de todos os anos con datos dispoñibles e todos os países con información completa en cada campo, pode semellarnos que a proporción entre suicidios e mortes por calquera causa non é demasiado alto. Con todo, cómpre puntualizar que non foi rexistrado ningún suicidio en menores de 10 anos, polo que todas as mortes nesa franxa son por accidente ou enfermidade. Así, o que nos queda é unha situación na que a morte autoinflixida ronda o 10% do total para os menores de 25 anos en rexións como Alemaña, Austria e Polonia e que, ademais, mantense unha tendencia ascendente xeralizada en todos os países co paso dos anos.


Así mesmo, para entender aínda mellor o peso que o suicidio ten nas persoas novas en relación á pouca importancia que se lle dá nos medios de comunicación, no 2020 –o ano de estoupido da pandemia do coronavirus- houbo máis mortes por suicidio que por Covid-19 en persoas novas –en todas as franxas de idades de menores de 40 anos-.





A única cura é a prevención

Os estudos psiquiátricos e psicolóxicos cos que contamos actualmente revelan que a única arma que temos para loitar contra esta pandemia é a prevención. Tal e como se explica na guía “La Conducta Suicida: información para pacientes, familiares y allegados” do Ministerio de Sanidade, sabemos que non existen métodos exactos para prever o suicidio. Con todo, está nas mans de todos nós prestar atención ós que nos rodean e tentar minimizar na medida do posible calquera risco.



Conferencia de Carmen García en TED sobre os estigmas e a prevención do suicidio


Así, o todo se resume en ter unha base sólida de coñecemento sobre o tema. Cómpre saber de que falamos ó referirnos ó suicidio, ser capaces de desmentir todos os estigmas e crenzas falsas que xiran en torno a el e, especialmente, estar preparados para actuar se é necesario. Só coa información poderemos poñer fin a esta pandemia.







Autor: Eladio González Lois.


Todas as fontes empregadas para a redacción foron indicadas ao longo do texto.
No caso das bases de datos, son as seguintes:


Primeira visualización:



Segunda visualización:



Terceira visualización:


Información para a infografía (xa mencionada na peza):





1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 29, 2022

Dende logo hai un relato moi ben elaborado e moi ben estruturado á hora de presentar a información. Ademais, a conexión entre a parte textual e a parte visual é moi boa, de xeito que obtemos datos relevantes de todos os elementos.


Ademais, hai unha liña cromática que serve para unir todos os materiais, tal e como sinalamos na clase. Deste xeito consegues que materiais que proceden de ferramentas diferentes teñan unha certa unidade a través da cor.


En canto á elaboración dos materiais gráficos, as tres visualizacións elaboradas en Flourish están perfectas, tanto en presentación como en programación e tratamento dos datos. Na última infografía hai tamén unha estrutura clara e ben deseñada, pero quedaría un chisco de terreo…


Like
bottom of page