top of page

O risco de que o sistema sature ao mesmo ritmo que a mente

Nos últimos anos a saúde mental tomou un protagonismo que anos atrás non tiña, ou polo menos non en tal medida. Os cidadáns comezan a entender a importancia do benestar mental e así o transmiten nas enquisas.


A preocupación dos cidadáns españois pola súa saúde mental aumentou de maneira exponencial nos últimos meses; unha situación agravada pola covid-19 e as tensións provocadas pola mesma, así como os confinamentos interminables, a crise económica e sanitaria e a situación de incerteza. Finalmente, no 2021 España situouse como o terceiro país europeo máis preocupado polo benestar mental tal como indica o informe 'World Mental Health 2021' de Ipsos.


Dentro do imaxinario colectivo da sociedade a depresión e a ansiedade son os trastornos mentais máis comúns e importantes, mais non son os únicos que agrúpanse dentro da ampla categoría de saúde mental. A Organización Mundial da Saúde destaca dentro do campo dos trastornos mentais a depresión, o trastorno afectivo bipolar, a esquizofrenia e outras psicoses, a demencia e os trastornos do desenvolvemento.

O certo é que no desenvolvemento dunha depresión inflúen moitos factores, nos que se inclúen a xenética, o estado físico, a situación psicolóxica do paciente e mesmo o entorno que rodea a este. Neste sentido, cuestións como o nivel socioeconómico, o estrés diario ou o illamento social resultan clave para unha boa saúde mental. Con todo, cabe resaltar que a depresión pode manifestarse de formas tan diversas como pacientes que a padecen. A depresión non é sinónimo de choros e baixo ánimo, unha persoa alegre tamén pode padecela.


Falta de investimento, falta de estabilidade

En España a situación é complicada xa que arredor de 2 millóns de persoas conviven coa depresión e coas barreiras físicas e mentais que esta supón. A irritabilidade, a apatía ou a incapacidade por sentir pracer son algúns dos síntomas máis claros da enfermidade, e que terminan por limitar a calidade de vida daquel que a padece. Acudir ao lugar de traballo, poñerse diante duns apuntes ou mesmo saír da cama e darse unha ducha poden resultar tarefas imposibles para unha persoa con problemas de saúde mental como a depresión.



O apoio dun profesional da psicoloxía é a ferramenta máis eficaz para a superación deste tipo de trastorno mental. É certo que existe unha tendencia a alza na concienciación social sobre a importancia de acudir a terapia, porén os prezos dificultan o acceso a esta. O prezo medio das consultas debuxan unha liña infranqueable para as clases sociais máis humildes; que non poden asumir o custo medio por sesión de 51€/hora, segundo indican observatorios como o de prezos de Mundopsicologos.com.

En teoría, todo aquel con acceso ao sistema de saúde pública española pode contar cun profesional que lle axude nas cuestións necesarias para ter unha boa saúde mental e que, de non abordarse, poden confluír nunha depresión. Con todo, a teoría non sempre -máis ben case nunca- se aplica. Máis da metade das persoas que padecen dun trastorno mental en España ou ben non reciben tratamento, ou ben non o tratamento axeitado segundo indica a Estrategia en Salud Mental del Sistema Nacional de Salud 2009-2013.


A sanidade española non ten os suficientes recursos como para ofrecer unha atención psicolóxica axeitada para os residentes no país, algo que manifestou o Valedor do Pobo en xaneiro de 2020 ao “recomendar ao goberno e as CC.AA incrementar a asistencia psicolóxica no sistema nacional de saúde”. Unha das principais queixas dos cidadáns so SNS é a demora na obtención dunha cita cun psicólogo mediante o sistema público. As sesións dun paciente poden incluso chegar a unha consulta cada tres meses para “tratamentos que requiren unha periodicidade moito maior”, segundo o Valedor do Pobo; Francisco Fernández Marugán.



Similares, que non sinónimos

Para o tratamento da depresión é común tanto iniciar unha terapia psicolóxica con un facultativo, ou ben comezar un tratamento cun psiquiatra. Moitos mitos foron espallados na poboación con respecto ás diferencias entre as dúas figuras. En primeiro lugar é habitual escoitar que o segundo é para aqueles que están “tolos” como termo despectivo. Nada máis lonxe da realidade. O psiquiatra é un doutor especializado da saúde mental e, como tal, é quen de diagnosticar e elaborar o tratamento de calquera patoloxía mental; incluído o tratamento farmacolóxico.


O psiquiatra pode aplicar psicoterapia ao paciente, aínda que o máis habitual é que este solicite o apoio doutros profesionais como os psicólogos. Cristina Otero, médica de familia en Vigo, compara esta diferencia, descoñecida pola meirande parte da poboación, cunha analoxía: “Es lo mismo que médico rehabilitador, el traumatólogo y el fisioterapeuta. El médico diagnostica e indica el tratamiento para el aparato locomotor y el fisioterapeuta administra la terapia solicitada; en ningún caso la famacológica”.


A media de 6 psicólogos por cada 100.000 habitantes de España en 2018 dista moito da media europea, que chega a triplicar a marca do país hispano con 18 profesionais por cada 100.000 europeos. Asemade, a diferencia entre o investimento en saúde mental tamén queda latente na cantidade de camas psiquiátricas á dispor dos habitantes dos principais países da Unión Europea.


Así España, un dos países coa cidadanía máis preocupada por cuestións referentes á saúde mental, mantén unha atención sanitaria moi feble e que, ocasionalmente, pode traducirse na saturación do sistema. Unha fenda que, de non arranxarse, pode traducirse nunha maior inestabilidade da poboación, con todo o que isto significa.



Fontes e bases de datos empregadas:




1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 29, 2022

Pois hai moi pouquiño que dicir, xa que está todo resolto dunha maneira brillante. A estrutura da peza e a aportación que realiza cada unha das partes é impecable. Os materiais visuais funcionan á perfección co texto e todo suma á hora de entender perfectamente a temática descrita.


Hai unha liña cromática que serve para unir a infografía e as visualizacións elaboradas. Así, aínda que proceden de ferramentas diferentes, o resultado final é o de unidade. Moi ben por esa aposta!


Como punto de mellora só sinalaría a falta de contraste nalgúns puntos da primeira infografía. Hai anacos de texto como as porcentaxes do comezo nas que habería que apostar por unha cor que nos aportase un contraste maior con…

Like
bottom of page