top of page

O National Mall e Arlington: A Sede do Goberno dos EUA

Para a miña segunda infografía quixen esclarecer unha das preguntas que moita xente se fai sobre a localización dos edificios do Goberno dos Estados Unidos. Todos sabemos onde se atopa, en Washington D.C., pero aparte da Casa Branca, o Capitolio e algún que outro monumento, o resto dos edificios son descoñecidos para grande parte da poboación. A infografía busca mostrar todos os parques e edificios que se espallan dentro e arredor do National Mall, o parque que vertebra o centro político dos Estados Unidos.


Para facer a infografía máis liviana, tentei combinar puntos de interese con áreas e texto, para localizar ben todos os elementos do mapa. Optei pola vista satélite para que o lector vexa xa no propio mapa o edificio do que estamos a falar con máis detalle, especialmente nas áreas nas que se agrupan varios edificios. Os elementos da infografía están agrupados en catro categorías por cor para unha mellor visualización: verde (parques e monumentos), azul (edificios do goberno), vermello (museos) e amarelo (outros puntos de interese). Ao mesmo tempo, os items do mapa teñen iconas distintas para de novo mellorar a experiencia visual e identificar o tipo de edificación antes de facer clic.


Por último, engadín imaxes na maioría dos puntos para unha maior identificación dos edificios no mapa, así como unha breve descrición do elemento e a súa funcionalidade, así coma algún dato histórico. Case todos os items teñen un enlace á paxina web dos sendos edificios para que o lector acceda se queren saber máis ou incluso planear unha viaxe.


A infografía penso que foi doada de realizar grazas ao software intuitivo de MapHub, que fai que sexa moi fácil construír unha narrativa agradable á vista, aínda que sen moitos artificios. Botei de menos máis opcións de personalización, coma a posibilidade de facer liñas curvas ou áreas circulares, e a opción de utilizar a vista satélite na versión gratuíta -para utilizalo na miña tiven que rexistrarme na versión de proba porque o traballo perdería moita calidade visual sen unha vista satélite-. A ferramenta tamén quizáis se fai algo pesada despois dun rato, por ser demasiado repetitiva, aínda que esto tamén podería ser unha vantaxe xa que fai que se aprenda a utilizala e dominala moi rápido. En xeral penso que estou satisfeito co traballo, e que MapHub me ofreceu as suficientes ferramentas para facer un mapa interactivo correcto.



1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Nov 08, 2021

Pois non hai moito que dicir porque todo o que introduces no proxecto ten pleno sentido dentro do mesmo. A nivel de contido, moi ben, pois está compensado e non é excesivo. Todas as tarxetas aportan información na medida xusta, polo que non se fai pesada a consulta dos diferentes puntos. Esa organización a través da cor é tamén moi eficaz. Podería discutirse se habería oco para un menú ou non, pero a opción empregada e a boa disposición dos elementos dentro dela (a través da organización por bloques de cor) funciona de xeito moi correcto.

Moi bo proxecto!!

Like
bottom of page