top of page

O maior drama humanitario de Europa despois da II Guerra Mundial

Millóns de refuxiados intentan cada día cruzar fronteiras para fuxir das guerras, da fame ou da persecución dos seus países de orixe



Fotografía: Massimo Sestini


En 2015 a fotografía do cadáver do neno sirio Aylan Kurdi conmoveu a todo o mundo e puxo, por fin, o foco no drama da crise dos refuxiados. Porén, a traxedia foi invisibilizándose á vez que a situación de millóns de persoas que intentan fuxir do seu país sucumbido en conflitos ou pobreza. O pasado agosto, este problema volveu a aparecer pola toma de Kabul, capital de Afganistán, por parte dos talibáns. As imaxes das persoas escapando dos seus fogares na procura de subirse a un avión para que os seus dereitos básicos non desapareceran, especialmente as mulleres, fixeron visible este traxedia humanitaria. Non obstante, o esquecemento regresou aos nosos días, pero 26’4 millóns de refuxiados -máis da metade menores de 18 anos- seguen arriscando as súas vidas e deixando os seus fogares cun mesmo obxectivo: atopar un asilo nun país que lle conceda protección.


A solicitude de asilo é un dereito fundamental que pode pedir calquera persoa que considere que se encontra en perigo no seu país de orixe e, mentres esta solicitude se está estudiando, a persoa non pode ser expulsada, é unha práctica ilegal. Os distintos Estados establecen os seus procedementos para examinar e determinar o status das solicitudes de asilo, moitos deles incrementaron as limitacións para poder aceptar estas solicitudes.


Procurar un asilo nun continente que constrúe muros

Nos últimos anos o número de persoas que buscan protección en Europa está crecendo considerablemente. O ano 2015 protagonizou un éxodo masivo que levou ao continente a enfrontarse a unha crise humanitaria e política sen precedentes no que varios países, como Alemaña ou Austria, abriron as súas fronteiras para a recepción de solicitantes de asilo. Con todo, numerosos países responderon impoñendo unilateralmente restricións legais e físicas máis estritas ao acceso ao seu territorio, como República Checa, Eslovaquia e Letonia que se opoñían con forza ao reparto de asilados polo continente, ou Hungría que levantou unha grande valla fronteiriza con Serbia.


O ano pasado, as solicitudes de asilo presentadas na Unión Europea caeron drasticamente respecto aos anos anteriores. O rexistro alcanzou niveis de 2013, cando aínda non se producira a chamada “Crise dos Refuxiados”, cunha baixada do 32% respecto ao 2019, e do 64% comparado co máximo alcanzado en 2015. Durante ese ano, os diferentes países de recepción tiveron que atopar fórmulas equilibradas entre as restrición contra o coronavirus -sobre todo de mobilidade- e o respecto ao dereito ao asilo para persoas que necesiten protección internacional. Pese a esta diminución xeral nas demandas de asilo, algúns países da Unión Europea rexistraron fortes aumentos delas, como Romanía ou Bulgaria, onde en 2020 aumentaron un 138% e un 64% respectivamente. Isto débese a que, pese a que a ruta no mar Exeo que conecta Turquía coas illas gregas está practicamente desactivada, miles de refuxiados permanecen encallados nos Balcáns. O cruce de fronteiras nesta zona vai en aumento e os primeiros países da Unión Europea aos que acceden estas persoas son, precisamente, Bulgaria e Romanía, a pesar de que ningún dos dous forma parte do espazo Schengen, que consagra a libre circulación de persoas nalgúns dos Estados membros.

España, o país que máis rexeita peticións de asilo da UE

As cifras de 2020 volven a poñer a España á cola dos países da Unión Europea en canto a recoñecemento de solicitudes de asilo recoñece. O estado español só recoñeceu protección internacional a 5.700 persoas, unha cifra que non chega as 114.919 solicitudes de asilo estudiadas, e que se coloca por debaixo doutras nacións veciñascomo Francia (22%), Bélxica (35%), Alemaña (44%) ou Italia (23%) en resolucións favorables. As primeiras nacionalidades que chegan a España pedindo protección son latinoamericanas, especialmente Venezuela e Colombia, as persoas deste último país acumulan máis da metade das denegación realizadas.



A taxa tan baixa de recoñecemento de refuxiados que existe en España ten unha certa particularidade. A diferenza do resto dos países do seu entorno, que concentran o maior número de sirios ou afgáns que foxen de conflitos declarados, máis do 80% dos solicitantes que piden asilo no territorio español son latinoamericanos aos que a comisión interministerial que estudia os casos non recoñece a súa protección. No caso específico dos venezolanos, a maioría si que se lles denega a solicitude (e rematan engrosando a enorme bolsa de desaprobación), mais en cambio si que se lles concede un permiso de residencia e traballo por razóns humanitarias. Este permiso obtivérono case 41.000 persoas en 2020; practicamente todos de Venezuela.


Agora ben, estes casos específicos non xustifican que España se manteña á cola da Unión Europea. Ao observar o recoñecemento doutras nacionalidades, os datos demostran que o país mantén criterios máis restritivos que o resto dos seus socios. No caso dos sirios, onde na maioría dos países da Unión Europea o recoñecemento oscila entre o 60%, España só recoñece a protección a un 35% dos que o solicitan. Esta é unha das taxas máis baixas do continente.


Unha travesía mortal

O ano 2020 tamén veu como as chegas irregulares a través da ruta do Mediterráneo central (é dicir, de Italia a Malta) estiveron cerca de triplicarse e pasou a ser a ruta migratoria máis activa de toda Europa. Houbo máis de 35.600 destas chegadas o ano pasado fronte as case 11.500 en 2019 e a maioría das persoas chegaron a Lampedusa (Italia). Canarias experimentou un número récord de chegadas de migrantes as súas costas tamén en 2020, cun aumento significativo no cato últimos meses. En total, detectáronse máis de 22.6000 cruces fronteirizos na ruta migratoria de África occidental, oito veces a cifra do ano anterior. Desgraciadamente, son moitos os falecidos nesta travesía do Mediterráneo. O número de falecidos ascendeu a un 5%, con case un total de 1.800 mortes, os migrantes finados no Mediterráneo dende 2014 suman xa máis de 20.000.


Non son cifras, son persoas -moitos deles menores- que arriscan a súa vida na procura dun país que lles poida ofrecer condicións e dereitos humanos fundamentais para vivir. Fai un século, case medio millón de galegos tivo que migrar por motivos económicos para mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias. A historia é cíclica, o que nos tocou a nós vivir pode volvernos a suceder e, dende logo, non nos gustaría atoparnos un muro ou limitacións fronte a procura dunha vida digna. Ningún ser humano é ilegal.




Fontes:


  • Ministerio do Interior

  • ACNUR (Axencia da ONU para os Refuxiados)

  • Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas

  • Parlamento Europeo

  • CEAR (Comisión Española de Axuda ao Refuxiado)





1件のコメント


angelvizoso
angelvizoso
2022年1月31日

Moi ben en termos de estrutura e da contribución de cada unha das partes ao conxunto proposto. Os materiais de visualización están ben unificados dentro dunha liña de estilo común marcada pola cor.


Con todo, no gráfico de barras verticais realizado en Flourish (o primeiro presentado) habería que facer unha reformulación. A forma gráfica elixida é correcta para o tipo de datos cos que contas, pero a abundancia de países e as baixas cifras dalgúns deles fai que as barras queden tan pequenas que resulta posible pasar o rato sobre elas. Unha posible solución podería ser a de mudar o filtro e que en lugar de filtrar por anos (xa temos esa información na lenda de cores), filtrar por países.…


いいね!
bottom of page