top of page

O espellismo universitario: o falso pasaporte que salva da precariedade

Actualizado: 25 ene 2022

A clase traballadora da xeración baby boom creceu convencida de que os estudos universitarios era o camiño perfecto para evadir a precariedade e cobrar un soldo digno. Puxéronse como meta asegurarlles estudos superiores a seus fillos para salvalos das condicións de vida das que eles non puideron escapar.

Fonte: Unsplash


A xeración dos nosos pais enfrontouse á precariedade durante toda a vida. Abríronse paso no mundo laboral sendo moi novos, nunha época na que a EXB, sendo moi optimistas, era o máximo ó que podían aspirar os fillos das familias con menos recursos. Fixéronlles crer que os salarios baixos, os contratos en negro e as xornadas de traballo interminables eran culpa súa. O discurso meritocrático fixo todo o posible por lavar as mans e culpar ás vítimas da súa propia explotación.


O sistema vendeu a universidade como un ascensor social que os salvaría da precariedade. Miraban que todo o que tiña acceso a ela conseguía salarios “dignos” e mellores condicións de vida. Pero para eles, unha xeración nada e criada nos últimos vestixios da posguerra, era demasiado tarde. Non quixeron perder a esperanza; pensaron que, enviando ós seus fillos á universidade, serían capaces de salvalos dunha precariedade á que estaban practicamente condenados. Agora, tras anos de esforzo e sacrificio, ven que nin sequera unha carreira universitaria vai poder asegurarlles unha vida mellor que a súa.


O perfil dos universitarios: clases altas e poucas bolsas


A educación superior sempre foi unha institución reservada ás clases máis altas. Podían estudar aqueles que non tiñan que traballar para levar un soldo a casa. Mentres que en 1950 unha enquisa realizada por Manuel Fraga apuntaba que tan só un 4’4% dos universitarios eran fillos de labregos, o informe de Via Universitària de Xarxa Vives, con datos compilados entre 2017 e 2019, afirma que a clase social predominante na universidade é a alta, cun 55% de presenza nos graos e un 58% nos mestrados. O alumnado de clase baixa supón o 10’6% e o de clase media un 34%.


Pasaron máis de 70 anos dende aquela enquisa feita por un Fraga ao que lle faltaban aínda unhas décadas para ser presidente da Xunta de Galicia, e a pesar de que a educación superior está un pouco máis democratizada, as clases altas seguen a ocupar máis da metade das aulas das facultades.


Nun contexto coma este, as bolsas convértense nunha das únicas ferramentas que poden axudar aos estudantes da clase traballadora a entrar na universidade. As axudas económicas son a segunda fonte de ingresos máis popular entre os alumnos de estudos superiores, mentres que 6 de cada 10 estudantes non recibe ningún tipo de bolsa, o que podería explicarse coa gran presenza das clases altas nas aulas. Logo das bolsas, un de cada catro estudantes traballa a tempo parcial para costear os seus estudos.


O presuposto destinado a axudas económicas para os estudos aumenta levemente cada ano dende hai máis dunha década. No 2020 a cantidade rozaba os 2000 millóns de euros. A cifra evoluciona á par do número de estudantes beneficiados con este tipo de axudas. Máis de dous millóns de estudantes recibiron algún tipo de apoio económico por parte do goberno no curso 2019 – 2020, pero tan só medio millón correspondía á alumnado universitario, arredor do 24%. O resto repártese e ensinanzas obrigatorias e post obrigatorias non universitarias.


A xeración baby boom e o oasis universitario


É na década dos 60 do século XX cando os catedráticos empezan a falar dunha suposta “democratización da universidade” e xorden multitude de debates arredor deste termo. A pesar do que indican algúns informes da época, esta democratización era relativa. Segundo O Libro Branco da Eduación de 1969, só un 0’2% de fillos de obreiros agrícolas cursaba estudos superiores (escolas técnicas ou universidade); acontecía o mesmo cos fillos de traballadores manuais. Más que democratización estábase dando unha masificación, concepto máis relacionado co ratio profesor/alumno que no acceso da clase traballadora á universidade. Si, as clases estaban cada vez máis cheas, pero o alumnado seguíase nutrindo na elite. Os estudos do momento conclúen que a situación económica da familia é un factor determinante para garantir os estudos de seus fillos.


A universidade empezaba a configurarse como un ascensor social no imaxinario colectivo da clase obreira. A popularización da ideoloxía meritocrática fomenta o esforzo, o sacrificio e o traballo como os únicos factores que determinan o acceso ós estudos superiores, ignorando por completo a influencia das condicións sociais e económicas dos individuos. A xeración dos nosos pais, á que o sistema lles negou incluso os estudos primarios e que traballaba dende a súa infancia para axudar a manter as súas familias, comeza a crer que se non puideron ter estudos é porque non se esforzaron o suficiente.


Fonte: Unsplash


Estas persoas vénse abocadas a ambientes de traballo moito máis precarias. Nosos pais tiñan clara unha cousa: non querían que a vida dos seus fillos fora tan dura como a súa. Saben o que é abrirse paso nun mundo laboral sen garantías, soldos lixo e inestabilidade e non queren que ninguén, moito menos seus fillos, vivan esas situacións. Asegurarlles estudos universitarios á súa descendencia parecía a única solución ao problema.


Ese suposto futuro prometedor é un oasis ao lonxe. En cuanto o fillo do obreiro pisa a facultade o mito esvaécese. A orixe social e o nivel económico do estudante non só condicionará o seu acceso á universidade, senón tamén a súa forma de socializarse e a incorporación ao mercado laboral. O mundo mudou e a crise do 2008 tivo unha repercusión catastrófica na economía do país. Isto tamén inflúe na visión que tiña a xeración dos nosos pais nos estudos universitarios: nin sequera unha carreira vai salvarnos da precariedade que eles sufriron.


As cifras de inserción laboral son alarmantes. No ano 2019, as taxas de emprego dos graduados universitarios no curso 2013 – 2014 superaban o 10% nalgúns campos de estudo; sobre todo nas disciplinas relacionadas coas artes, humanidades e ciencias sociais. Os licenciados en informática son os únicos cun futuro esperanzador case asegurado, cunha taxa de emprego do 96%.


Con cifras coma estas, a universidade deixou de ser ese horizonte de esperanza que se constuíra no século pasado. A crise do 2008 e as consecuencias económicas da pandemia de Covid-19 terminu por romper esa idea. O sacrificio dos nosos pais fixo que non tiveramos que enfrontarnos á precariedade que eles viviron; pero podemos tomar exemplo deles e facer todo o posible para que os que veñan detrás teñan a mesma sorte ca nós.



Documentos empregados:





1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 29, 2022

Moi ben resolta en termos de estrutura. Hai un fío claro no que todas as partes propostas van sumando ao relato da información. Faltaría unha segunda lectura para axustar algunhas palabras que se nos infiltraron por aí como erros ao escribir en galego. Nada gravísimo, pero é importante sempre facer esa revisión para que os proxectos nos queden ao 100%.


Os gráficos están moi ben ideados. Unha das súas fortalezas reside en que, aínda que chegan de tres aplicacións diferentes, gardan unha liña cromática común. Esa é xustamente unha das cousas que buscabamos nesta práctica final, así que está máis que conseguida. As formas gráficas elixidas son pertinentes e non se aprecian máis que dous puntos de mellora.


En primeiro…


Like
bottom of page