top of page

O cancro de mama, o tumor máis frecuente entre as españolas en 2020

Malia ao aumento nas taxas de supervivencia e a mellora na detección precoz, os tumores de mama foron a primeira causa de morte por cancro entre as mulleres en España


O cancro de mama foi o que máis casos rexistrou a nivel mundial. Getty Images

Lucía Blanco / Lugo


A pesar de que o 2020 estivo marcado pola emerxencia sanitaria por mor da covid-19, situación que provocou retrasos nas probas diagnósticas, nas consultas presenciais e nas cirurxías non urxentes, as cifras sobre o cancro de mama, o tumor máis frecuente entre as españolas, evidencian que a enfermidade non entende de tempos de espera.


Durante o ano 2020 este tipo de tumor foi o que máis casos diagnosticados rexistrou a nivel mundial, segundo o informe ‘Las cifras del cáncer en España’, publicado pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM). En España, diagnosticáronse un total de 118.691 novos casos de cancro en mulleres, dos cales 34.088 correspondíanse con tumores de mama, de acordo cos datos facilitados pola Axencia Internacional de Investigación do Cancro (IARC). Esta cifra representa o 30% dos cancros diagnosticados, o que evidencia que este tipo tumoral, que ten a súa orixe no tecido da glándula mamaria, é o máis frecuente entre as españolas, por diante do cancro colorrectal, de útero, de pulmón e de ovario.



A incidencia en España é superior á europea

A nivel europeo, a taxa de incidencia bruta, é dicir, o número de novos casos rexistrados, foi relativamente elevada durante o ano da pandemia. Aínda que presenta importantes diferenzas xeográficas e, en xeral, os países do norte teñen un risco maior, sitúase nos 137,2 casos por cada cen mil habitantes de acordo coa Axencia Internacional de Investigación do Cancro (IARC). Pola súa parte, España, cunha incidencia de 143,4 casos por cada cen mil habitantes, ocupa unha posición intermedia entre os países membros da Unión Europea.





Mellora das taxas de supervivencia

O incremento da poboación, o seu envellecemento, a exposición de factores de risco como a contaminación e a detección precoz provocaron que número de cancros de mama fose en aumento nas últimas décadas. Pola contra, grazas aos avances terapéuticos e aos cribados, a supervivencia tamén mellorou nos últimos vinte anos. Aínda que o pronóstico siga dependendo principalmente da extensión da enfermidade no momento da súa detección, os avances posibilitan que a supervivencia global aos 5 anos do diagnóstico sexa do 82,8%.


Ademais das cifras esperanzadoras en canto a supervivencia, o número de falecementos tamén se foi estabilizando. Non obstante, os tumores de mama foron a primeira causa de morte por cancro entre as mulleres en 2020, rexistrándose 6.572 falecementos por esta patoloxía, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.



A idade, factor de risco

Aínda que se trata dun tipo de tumor que adoita manifestarse entre os 35 e os 80 anos, a idade é un factor de risco fundamental para a aparición de todo tipo de cancros. No caso do de mama, a franxa dos 45 aos 65 anos é a de maior incidencia, ao tratarse dun momento no se que dan os cambios de carácter hormonal nos períodos da menopausia, unha curva de incidencia que continua incrementándose conforme a idade da paciente avanza.


O risco de morrer a causa dun tumor na mama aumenta co paso dos anos, xa que as pacientes de maior idade non obteñen tantos beneficios nos tratamentos de quimioterapia e os efectos secundarios adoitan ser máis graves. Por iso, o envellecemento tamén é un factor a ter en conta na mortalidade, xa que o número de falecementos por esta enfermidade é superior en persoas maiores de 70 anos, como revelan os datos facilitados polo Instituto Nacional de Estatística.




Factores asociados á enfermidade

O cancro de mama é unha patoloxía habitualmente multifactorial na que interveñen varias causas ao mesmo tempo. Polo momento, descoñécese o que leva a mama a albergar células malignas, polo que os expertos afirman que non se pode previr, aínda que si que se pode diminuír as probabilidades de padecela considerando os factores asociados á patoloxía.


Ademais de que as probabilidades de padecer esta enfermidade aumentan coa idade, os antecedentes familiares ou persoais tamén elevan o risco de que unha muller sufra un cancro de mama. A Asociación Española contra o Cancro tamén sinala algúns hábitos coma son o consumo de alcohol ou a toma de tratamentos hormonais e enfermidades coma a obesidade como prácticas que poden aumentar o risco de padecer un tumor.




A mamografía, a proba máis eficaz

Este tipo tumoral orixínase cando as mamas comezan a medrar de xeito anormal pero, se está nunha fase inicial, os primeiros síntomas aínda non se manifestaron, polo que a súa detección resulta máis complicada. Porén, conseguir diagnosticar a patoloxía na súa fase temperá é fundamental, xa que canto antes se realice o diagnóstico máis probable é a superación da enfermidade. Por iso, realízanse programas de cribado poboacional co obxectivo de detectar o cancro no seu estado inicial. Estes programas de detección precoz fanse empregando as mamografías que se estima que permiten detectar o 90% dos tumores.


Os cribados inícianse aos 50 anos de idade, aínda que en casos determinados como cando existen antecedentes na familia, especialmente se se trata de familiares de primeiro grao, pode recomendarse realizar estas probas a partir dos 45 anos. Ademais das mamografías, a exploración física realizada polo médico ou pola propia muller poden axudar na detección precoz da enfermidade. Polo tanto e malia que a fiabilidade destes métodos de diagnose é inferior á que presenta unha mamografía, as revisións poden ser decisivas para detectar o tumor a tempo.






Información e datos empregados nas pezas:


-Visualización sobre a incidencia do cancro de mama en Europa


-Visualización sobre as mortes por cancro de mama en España


-Infografía sobre como reducir o risco de padecer cancer de mama

1 comentario


angelvizoso
angelvizoso
29 ene 2022

Moi ben construída a información. A estrutura da peza é coherente e todos os elementos que se introducen nela dan lugar a un relato con pleno sentido, de xeito que cada peza aporta algo novo á narración.


Os materiais de infografía e visualización están tamén ben executados. Optas por formas gráficas sinxelas, pero que resultan axeitadas para os datos que queres presentar. Porén, sinalaría un punto para a mellora no gráfico de barras. Coido que habería que tentar buscar un maior contraste nas barras que presentas en cor gris. O contraste con respecto ao fondo queda un pouco curto, e sería recomendable unha cor máis escura que fixera posible unha maior separación. Polo demais, hai unha liña cromática moi clara…


Me gusta
bottom of page